ROSA QUINTANA: “HAI QUE BUSCARLLE SAÍDA AO NOSO LEITE PARA QUE O VALOR QUE LLE VAIAN A DAR FÓRA REPERCUTA DIRECTAMENTE NOS NOSOS PRODUTORES”

A conselleira do Medio Rural e do Mar foi entrevistada en Radio Nacional de España en relación ao sector lácteo

ROSA QUINTANA: “HAI QUE BUSCARLLE SAÍDA AO NOSO LEITE PARA QUE O VALOR QUE LLE VAIAN A DAR FÓRA REPERCUTA DIRECTAMENTE NOS NOSOS PRODUTORES” 
  • A conselleira asegurou que a solución a esta situación pasa pola organización do sector e porque haxa vontade suficiente entre todas as partes para chegar a acordos 
  • Reiterou a necesidade de construír prezos que equilibren o reparto de beneficios entre todos os participantes da cadea, algo que tanto o Ministerio como a Xunta veñen buscando dende o minuto un con medidas como a Lei da Cadea Alimentaria
  • Nos vindeiros días, a Xunta porá a disposición dos gandeiros diversas liñas de axudas, unha delas centrada en conseguir moratorias de créditos e as outras para pasivo e circulante
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, falou para Radio Nacional de España sobre a situación actual do sector lácteo galego, asegurando que “hai que buscarlle saída ao noso leite -líquido ou transformado- para que o valor que lle vaian a dar fóra repercuta directamente nos nosos produtores”. Rosa Quintana sinalou que hai países que están a demandar este produto e que, xa que agora o escenario mudou e non hai restricións á produción, é imprescindible organizarse e facer do sector lácteo galego un sector forte, capaz de planificar a súa produción, de decidir que facer co produto, cara onde destinalo e a que prezo. 

A conselleira insistiu en que “nos falta un deber urxente que é organizarnos” e insistiu en que 
para que este sector funcione deben cooperar todas as partes, posto que “o sector produtor necesita ao seu lado dunha industria forte para que poida poñer en valor o seu produto” e, á súa vez, engadiu, “a industria tamén necesita unha distribución forte que sexa capaz de comercializar eses produtos e poñelos a disposición dos consumidores”.

A conselleira asegurou que a pesar de que o sector leiteiro galego ten realizado moitos avances na mellora da eficiencia e eficacia das súas explotacións, podendo competir a nivel tecnolóxico con calquera outra explotación da Unión Europea, a solución a esta situación pasa pola organización do sector e porque haxa vontade suficiente entre todas as partes para chegar a acordos. Así, reiterou a necesidade de construír prezos que equilibren o reparto de beneficios entre todos os participantes da cadea, algo que tanto o Ministerio como a Xunta veñen buscando dende o minuto un con medidas como a Lei da Cadea Alimentaria, que persegue transparentar a construción de valor. 

Medidas adoptadas
Preguntada polas axudas que o Ministerio vai poñer en marcha a curto prazo, a titular de Medio Rural e Mar valorounas positivamente posto que contribuirán a que, aquelas explotacións que o están pasando mal, poidan seguir funcionando. Nesta liña, Rosa Quintana indicou que nos vindeiros días o seu departamento porá a disposición dos gandeiros diversas liñas de axudas, unha delas centrada en conseguir moratorias de créditos e as outras para pasivo e circulante. 

Tamén destacou o traballo que se está levando a cabo nas distintas administracións, xa que se está a buscar un consenso entre os Ministerios español, francés, italiano e portugués co fin de que, o vindeiro 7 de setembro, o comisario europeo sexa consciente de que se trata dun problema europeo e, polo tanto, adopte as medidas consensuadas entre todos.