13/8/15

SOGAMA SACA A CONCURSO A AMPLIACIÓN DO SEU COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL POR IMPORTE DE 400 MILLÓNS

  • A licitación contempla a construción dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, e a operación, mantemento e limpeza de ambas as dúas instalacións
  • O fin último do contrato, establecido para un período de 15 anos, é incrementar nun 36,36 por cento a capacidade de tratamento do complexo cercedense, aumentar os niveis de reciclado e minimizar o vertido nun 30 por cento
  • A previsión é que a nova planta estea en funcionamento no ano 2017 

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150813/AnuncioG1946-070815-0001_gl.html) por un importe de 400 millóns de euros (IVE incluído) a ampliación do seu complexo industrial, sito en Cerceda (A Coruña), e onde se procesa a maior parte do lixo doméstico xerado en Galicia. 

A licitación contempla a construción dunha nova planta para a recuperación dos envases (de papel/cartón e plástico) contidos no lixo en masa, prevendo que entre en funcionamento no ano 2017, así como a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. 

O contrato, establecido para un período de 15 anos, inclúe igualmente a operación, mantemento e limpeza de ambas as dúas instalacións.

Esta actuación permitirá incrementar a capacidade de tratamento do complexo cercedense, pasando das 550.000 toneladas/ano actuais ás 750.000 (un 36,36 por cento máis), o que fará posible diminuír o vertido nun 30 por cento. O obxectivo último é que unicamente se depositen no vertedoiro de Areosa os refugallos que non poden ser previamente reciclados nin valorizados, tanto material como enerxeticamente.

Polo tanto, á actual clasificación do aceiro, aluminio e vidro contidos no residuo xenérico, unirase a dos envases  de papel/cartón e plástico depositados erróneamente polos cidadáns nesta fracción, permitindo incrementar os niveis de reciclado.

Esta iniciativa enmárcase dentro do plan autonómico de xestión de residuos urbanos 2010-2020, que á súa vez segue as directrices comunitarias na materia, que en todo caso promulgan a necesidade de levar a cabo unha xestión xerarquizada dos residuos que comece coa prevención e a redución, seguindo coa reutilización, a reciclaxe e a valorización (material e enerxética), e concluíndo co vertedoiro, que debe relegarse a último lugar  por ser considerado a opción menos desexable desde a dimensión ambiental.


Garantías e presentación de ofertas
O prego de condicións contempla unha serie de garantías técnicas vinculadas, entre outras cuestións, aos prazos de execución das obras, produción anual, limpeza, recuperación de materiais e calidade dos mesmos, aplicando as correspondentes penalizacións no caso de que os traballos non se axusten aos requisitos esixidos.

Co obxectivo de facilitar que as empresas que presenten a súa candidatura poidan elaborar unha oferta máis axustada á realidade, daráselles a oportunidade de visitar as instalacións. 


O prazo para a presentación de propostas, xunto coa documentación preceptiva, conclúe ás 13:00 horas do próximo 9 de outubro.