Viento en popa el incremento de viajeros alojados en Galicia

GALICIA REXISTROU NO MES DE XULLO O INCREMENTO DE VIAXEIROS MÁIS ELEVADO DO CONXUNTO DO ESTADO, ACADANDO UN MÁXIMO HISTÓRICO

  • O número de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados de Galicia o pasado mes de xullo creceu un 19% superando os 670  mil 
  • As pernoitas subiron nun 14,3%, contabilizándo a  nosa comunidade preto de 1,5 millóns, un máximo histórico para Galicia
  • Tanto o turismo nacional como o internacional marcaron tamén máximos históricos no pasado mes, con máis de 490.000 viaxeiros e preto de 178.000 respectivamente
  • Nos primeiros sete meses de 2015, a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de Galicia subiu un 15% e as pernoitas medraron un 11,1%

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de xullo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 19%, en relación ao mesmo período do ano anterior, ata situarse en 670.302. Subiron tamén no pasado mes as pernoitas en relación ao mes de xullo de 2014 nun 14,3%, contabilizándose 1.496.707 no conxunto de Galicia.

Estes incrementos rexistrados no mes de xullo colocan os niveis de demanda turística regrada deste ano en máximos históricos tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados como ás pernoitas, superando nun 4,5% o volume de noites do ano Xacobeo 2010.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 7,6% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 6,4% no que atinxe ás pernoitas. En termos de viaxeiros, a Comunidade galega lidera o crecemento a nivel estatal.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia subiu un 13,4% no tocante as pernoitas e un 17,3% no que atinxe aos viaxeiros, superando a cifra dos 490.000 viaxeiros aloxados, un máximo histórico na nosa comunidade.

O incremento das pernoitas do turismo nacional produciuse nas dúas grandes tipoloxías de aloxamento regrado. En particular, subiu un 15,7% nos establecementos hoteleiros e un 8% nos extrahoteleiros.

Pola súa parte, o mercado internacional acadou un forte crecemento alcanzando máximos históricos tanto de volume, con preto de 178.000 viaxeiros aloxados e case 300.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando o 26,5% dos viaxeiros e o 19,7% das pernoitas. Deste xeito, os viaxeiros estranxeiros creceron un 24,4% e as pernoitas nun 18,3%.
Tipoloxías de aloxamento
En xullo o 73% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 57,1%- como ás pensións –co 15,9% neste caso-. O 27% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,7% da demanda total-, aos cámpings –co 18,5%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,8% neste caso-.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 16,8%, destacando o incremento rexistrados nas pensións que foi do 24,1%,  e no segmento extrahoteleiro a suba situouse no 8,1%, destacando o incremento dos apartamentos turísticos e dos establecementos de turismo rural onde as subas superaron o 15%.

O incremento da demanda levou consigo unha mellora dos niveis de ocupación en todas as tipoloxías de aloxamento. Tal circunstancia fíxose máis notoria nos hoteis, pensións e apartamentos turísticos, onde a ocupación subiu en 6-7 puntos porcentuais neste mes de xullo.

Acumulado do ano
Nos primeiros sete meses deste ano 2015 Galicia rexistrou unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 15% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con máis de 2,4 millóns- e do 11% no que atinxe ás pernoitas –con preto de 4,7 millóns neste período-.

No ámbito estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 6,3% mentres que as pernoitas incrementáronse un 4%. En termos de viaxeiros Galicia é tamén no acumulado do ano o destino que lidera o crecemento a nivel estatal.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 9,9%, cun crecemento de viaxeiros do 13%, e o turismo internacional incrementouse nun 15,3% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 20,4%.

Estes resultados fixeron que o turismo nacional acadase a cifra máis elevada de viaxeiros dos últimos cinco anos –con máis de 1,7 millóns- e que o turismo internacional rexistrase un máximo histórico tanto de volume –con preto de 700.000 viaxeiros aloxados e 1,1 millóns de pernoitas- como de peso –co 28,3% dos viaxeiros e co 23,1% das noites-.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 10,2% mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 16,3%. Foron os apartamentos turísticos a modalidade que rexistrou o crecemento de maior intensidade, cunha suba do 30% no seu volume de viaxeiros aloxados e do 20% nas pernoitas.

O incremento da demanda levou consigo unha mellora dos niveis de ocupación en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas, destacando por intensidade a suba rexistrada nos hoteis que melloraron en máis de tres puntos porcentuais o dato do pasado ano.