Vigo suma outros 100.000 euros ás axudas de emerxencia social para familias

Tras tela incrementado o pasado mes en igual contía, a partida para atender a emerxencia social das familias (alimentación, vivenda, enerxía, etc) ascende agora a 645.000 euros, tras aprobar este venres a Xunta de Goberno Local de Vigo a suma doutros 100.000 euros. O alcalde de Vigo deu conta deste aumento, ademais de informar da concesión de 240.000 euros a 43 entidades para fomentar a participación cidadá e o asociacionismo. 

Abel Caballero informou este venres dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, entre os que subliñou o incremento en 100.000 euros da partida orzamentaria para atender as emerxencias sociais das familias, cantidade que ascende a 645.000 euros, tras tela aumentada en igual cuantía no pasado mes de xullo.

O alcalde de Vigo recordou que a este capítulo se suma os dous millóns de euros que destina o Concello no marco do programa de axudas extraordinarias a familias, para pagos de vivenda, enerxía e alimentación a quen máis o precisa.

Abel Caballero salientou que o de Vigo é "o concello coa maior política social de España" e destacou o medio millón de euros adicado a comedores sociais, os 800.000 euros para o centro de inclusión e emerxencia social, o máis dun millón de euros para a atención de drogodependentes en Cedro e os aproximadamente dous millóns de euros para bolsas de libros e comedor escolar. Así, o alcalde concluíu que "nesta cidade ninguén se queda sen protección social" e avanzou que o orzamento municipal para 2016 incluirá máis gasto social que as contas do presente ano.

En rolda de prensa, o rexedor vigués deu conta asemade do outorgamento de máis de 240.000 euros a un total de 43 entidades -todas as que o solicitaron e cumpriron cos requisitos- para o fomento do asociacionismo e a participación cidadá en Vigo. Por outra banda, Caballero informou da aprobación dos convenios coas unións comarcais de Vigo dos sindicatos UXT, CCOO e CIG, segundo os cales o Concello lles achega 15.000 euros a cada unha para apoiar a súa función sindical.