"·XXVI BANDEIRA CONCELLO DE CANGAS DE TRAÍÑAS" se disputa ya este sábado, en Cangas

XXVI BANDEIRA CONCELLO DE CANGAS DE TRAÍÑAS 

Preto de 300 remeiros participarán no evento 

Este mércores tivo lugar na Fundación Cangas Deporte a presentación da XXVI  Bandeira Concello de Cangas de Traíñas (Remo) que terá lugar este sábado 22 de agosto no Dique do Porto de Cangas. O evento está organizado polo Club Remo Vila de Cangas, supervisado pola Liga Galega de Traíñas e a Federación Galega de Árbitros  e conta coa colaboración da Fundación Cangas Deporte e o Concello de Cangas.

Mais de 200 remeiros en representación de 10 clubs galegos participarán en categoría absoluta (masculina e feminina) na competición entre as 18:30 e as 20:00 horas deste sábado.

O presidente do Club Remo Vila de Cangas, Camilo Nores, amosaba a ilusión que teñen posta nesta regata que “será a penúltima da nosa liga” e “queremos facer un bo papel xa que é a nosa regata”, malia que “destacan Mecos e Castropol que se atopan por riba do resto, xa que loitan polo ascenso”. A regata disputarase en 3 quendas. A primeira e a segunda con 3 embarcacións e a terceira con 4, con catro longos e tres ciabogas.

En canto a traíña feminina destaca a participación das embarcacións de Cabo de Cruz, Mecos ou Chapela, que de seguro darán un espectáculo precioso. Nesta non haberá participación do Club Remo Vila de Cangas, pero obxectivo da actual directiva e poder sacar unha traíña feminina no menor tempo posible. Nesta categoría contarán só con dous longos. 

En canto aos premios, entregaráselle a bandeira ao vencedor da proba masculina, mentres que en categoría feminina faráselle entrega do trofeo do Concello. Ambas entregas se farán ana auga, coa presenza do resto de traíñas participantes.

Nores quixo agradecer ao Concello e á Fundación pola súa colaboración e que agardan seguir contando co seu apoio como ata agora.


Pola súa parte o Presidente da Fundación Cangas Deporte e Concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón destacou a importancia do Club de Remo Vila de Cangas pola súa historia e traxectoria . Tamén alabou a labor da actual directiva tras o relanzamento do club e o gran traballo que realizan coa base e aproveitou para convidar a toda a veciñanza a que asistan ao acto. “Entre todos temos que cumprir co apoio que precisa este club e volver a poñelo na primeira liña deste deporte”, sentenciou o Chillón.