A CONTA XERAL RATIFICA QUE A XUNTA CUMPRIU NO ANO 2014 O OBXECTIVO DE DÉFICIT

  • A Comunidade galega rematou o pasado exercicio cun déficit do 0,98% do PIB, sete décimas menos que a media das autonomías, que foi do 1,66%
  • A Administración autonómica reafirma o seu compromiso de non superar este ano e en 2016 o déficit autorizado polo CPFF
  • Galicia é a terceira comunidade con menor déficit acumulado nos últimos cinco anos, o 7,9%, mentres que a media se situou no 11,7%
  • A Xunta mantén unha media de pago aos provedores no entorno dos 20 días 

A Conta Xeral da Comunidade galega ratifica que a Xunta cumpriu en 2014 o obxectivo de déficit público autorizado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), xa que pechou o exercicio cun déficit do 0,98%, por debaixo do límite do 1% fixado para o conxunto das comunidades. Ademais, o déficit de Galicia situouse sete décimas por debaixo da media das autonomías, que foi do 1,66%.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe ante o Consello da Xunta a Conta Xeral correspondente ao ano pasado, na que se sinala que Galicia rematou o exercicio 2014 cun déficit de 536 millóns de euros en termos de Contabilidade Nacional. A Conta Xeral, logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia, será remitida ao Parlamento e ao Consello de Contas. 

Ademais, o Goberno autonómico reafirmou o seu compromiso co cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria para este ano, fixado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera para a Comunidade galega no 0,7% do PIB. E a Xunta tamén mantén a súa intención de cumprir o obxectivo marcado para todas as comunidades autónomas para 2016, que será do 0,3% do PIB.

Nos últimos cinco anos Galicia situouse como a terceira comunidade cun menor déficit público acumulado, un 7,9%, fronte a un 11,7% que tiveron de media o conxunto das autonomías. Isto foi posible grazas ao esforzo de redución progresiva do déficit realizado na Comunidade, que tamén está a servir para manter controlado o endebedamento público. De feito, Galicia é a segunda comunidade onde menos medrou a débeda dende 2008.

Máis axilidade no pago a provedores
Ademais, froito da solvencia da Comunidade Autónoma, a Xunta mantense entre as comunidades autónomas que está a pagar con máis axilidade aos seus provedores. A media de pago sitúase no entorno dos 20 días, a metade que no conxunto de España.


A Xunta de Galicia remitirá a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor, modificada este ano e que establece como prazo máximo o 30 de setembro. Deste xeito, a Xunta adianta nun mes a data de rendición sobre o ano anterior.