A DEPUTACIÓN ANUNCIA A SÚA "APOSTA POR GAÑAR OS ESPAZOS PÚBLICOS PARA AS PERSOAS" NOS MUNICIPIOS DA PROVINCIA

O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, ven de organizar unhas xornadas que contarán co experto catalán Pau Avellaneda para falar de mobilidade sostible e segura aos concellos da provincia
O deputado de Infraestrurutras da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, pretende facer da mobilidade sustentable e segura un dos eixos prioritarios das actuacións urbanísticas dos concellos da provincia neste mandato. Por iso, e con motivo do Día Europeo da Mobilidade, a Deputación celebrará o vindeiro día 23 deste mes unha xornada á que convida a tódolos responsables políticos e técnicos da provincia a coñecer diferentes experiencias de mobilidade e as consecuencias que supón a aplicación práctica deste novo concepto que fai que as persoas sexan os protagonistas dos espazos públicos. "Os coches non son os únicos usuarios das vías. Hai un cambio na sensibilidade xeral e dende a Deputación primarase a mobilidade peonil e a seguranza viaria para os peóns á hora de executar proxectos e actuacións e de asesorar aos concellos", indicou Benítez. 
Os ponentes da xornada do vindeiro día 23 son expertos que teñen estudado e analizado situacións concretas de diferentes núcleos poboacionais e técnicos que coñecen a aplicación no día a día dun modelo premiado e recoñecido internacionalmente como é o de Pontevedra. De feito, na xornada estará presente Pau Avellaneda, unha eminencia en  materia de mobilidade tanto no estado como no estranxeiro. Avellaneda é doutor en Xeografía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e está especializado en Xeografía urbana e particularmente en espazo público urbano e mobilidade sustentable e segura. Desde 2003 é profesor de Xeografía da UAB onde imparte docencia sobre ordenación do territorio. Dispón dunha experiencia de 15 anos no desenvolvemento de estudos e informes de análises e planificación no campo do urbanismo e a mobilidade. Ao longo da súa traxectoria académica e profesional, especializouse en aspectos tanto sociais como territoriais da mobilidade, nos colectivos vulnerables da mobilidade, así como en temas relacionados coa seguranza viaria "para todos" sempre tomando o espazo urbano como base e salientando devanditos aspectos desde o espazo público. A súa intervención en Pontevedra versará sobre 'Mobilidade no hábitat urbano'.
Outro dos poñentes da xornada, que se desenvolverá no Museo de Pontevedra, será o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle. Licenciado en Dereito, ven divulgando o novo concepto de mobilidade entre os 125 traballadores do corpo e a cidadanía local dende 2005. Participou en numerosos foros nacionais e internacionais explicando o traballo feito no Concello de Pontevedra e o seu modelo de cidade: Ourense, Segovia, Santander, Sevilla, Gijón, Zaragoza, Donosti, Portugal, Bruxelas, Roma, Florencia, Dubai... A súa ponencia terá como tema central a 'Xestión do espazo público e mobilidade', e abordará a creación do concepto de servizos para establecer os criterios que permiten o paso de vehículos polo centro da cidade.
Pechará a sesión do día 23 o novo asesor da Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade, Jesús Fole, ao que se pode considerar como un dos 'pais técnicos' do modelo urbano de Pontevedra. Fole é arquitecto superior pola Universidade de Navarra e foi integrante de varios estudios de arquitectura en varias localidades do estado. Converteuse no arquitecto xerente da oficina do Plan Urban II no Concello de Pontevedra (1998-2002), para pasar a ser o arquitecto xefe da Oficina Técnica de Arquitectura local. Entre as súas actuacións reforma urbana destacan (en orden cronolóxico) os proxectos da Praza de Curros Enríquez; da rúa Sarmiento; das prazas da Verdura e Méndez Núñez; das rúas Don Gonzalo, César Boente, Sagasta e avenida de Vigo; da Praza dos nenos; das rúas Real, Gutiérrez Mellado, Cruz Gallástegui, Joaquín Costa, Riestra e Cobián Roffignac, así como os da Praza de España ou da avenida de Santa María, entre outros. Como proxectos de rehabilitación no ámbito público levou adiante as obras do Pazo de Mugartegui e da Casa das Campás.
O encontro 'Mobilidade e espazos públicos' que se realizará en Pontevedra ten como obxectivo servir  de foro de reflexión e debate para os técnicos da provincia, así como de posible solución práctica para algúns problemas que xa estean enriba da mesa.  De feito, está programada unha visita técnica á cidade para analizar 'in situ' algunhas das actuacións que se desenvolveron nos últimos anos.