A XUNTA ANUNCIA A AMPLIACIÓN DO CEIP ALFONSO D. RODRÍGUEZ CASTELAO PARA CONVERTILO NO CENTRO DE REFERENCIA DE NAVIA (VIGO)

  • Román Rodríguez sinalou que o seu departamento vai solicitar ao Concello os terreos para poder dotar a esta zona dunha nova infraestrutura educativa anexa á actual
  • Lembrou tamén que o seu departamento ten previsto investir case 1,3 millóns de euros na ampliación do IES de Teis
  • O conselleiro visitou tamén hoxe o CEE Saladino Cortizo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, na cidade de Vigo, onde anunciou que o seu departamento ten previsto ampliar este colexio co fin de convertelo no centro de referencia de Navia (Vigo), dando así resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización na zona.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que nos próximos días se solicitará ao Concello de Vigo unha parcela de 8.000 metros cadrados anexa ao CEIP. A aceptación da parcela realizarase, como é ordinario, mediante a subscrición dun convenio de colaboración entre as dúas administracións, autonómica e local. 

Durante a súa visita ao CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao o conselleiro interesouse polo funcionamento no centro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, e animounos a implicarse en outras iniciativas da Xunta de Galicia en prol do éxito escolar, tales como os contratos-programa - nos que xa veñen participando- ou o plan Proxecta.

Román Rodríguez salientou finalmente que a nova actuación do seu departamento en Vigo é unha clara mostra da aposta da Xunta de Galicia polo sistema educativo público, dotando de novas infraestruturas as zonas con maior incremento de matrícula. A este respecto lembrou tamén que a Consellería ten previsto investir case 1,3 millóns de euros na ampliación do IES de Teis a través da construción dun novo espazo con 3 andares, nos que situarán aulas e talleres para os ciclos formativos, así como dúas aulas de diversificación e unha de pedagoxía terapéutica. En total a zona de nova edificación tería unha superficie de preto de 1.200 metros cadrados.

CEE Saladino Cortizo
O conselleiro visitou tamén esta mañá o Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, onde quixo poñer en valor o importante labor social que realizan os docentes e persoal de centros como o Saladino Cortizo, afondando nas necesidades de cada alumno e traballando de forma individualizada na potenciación das súas potencialidades, de tal forma que lles permitan un mellor desenvolvemento como persoas. Así mesmo, destacou a implicación do CEE nos programas desenvolvidos pola Consellería. Non en balde, o centro vigués acaba de incorporarse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), o que supón un claro esforzo por parte da comunidade educativa para estimular o proxecto lector de centro.


Román Rodríguez aproveitou a súa visita ao CEE para coñecer de primeira man o funcionamento no centro dos Programas Formativos Básicos, unha modalidade da nova FP Básica con módulos de formación apropiados para a adaptación ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa. A este respecto, agradeceu a implicación do Saladino Cortizo co desenvolvemento e impulso destas ensinanzas, de gran valor para facilitar ás rapazas e rapaces o acceso ao mundo laboral. Non en balde, este centro ofertou para o curso 2015/2016 un total de 120 prazas nesta modalidade, repartidas entre os programas de Carpintaría, Lavandaría, Peiteado, Reprografía e Xardinaría e viveirismo.