24/9/15

A XUNTA DESTACA OS AVANCES DOS ÚLTIMOS ANOS NO ÁMBITO DA IGUALDADE NA UE PERO FAI UN CHAMAMENTO A “NON CONFORMARSE”

  • Susana López Abella inaugurou a xornada “Mulleres en Europa, 30 anos de mobilidade laboral, expectativas, previsións e intereses” das Executivas de Galicia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na inauguración da xornada “Mulleres en Europa, 30 anos de mobilidade laboral, expectativas, previsións e intereses”, que organiza Executivas de Galicia na sede de Afundación en Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, destacou que ao longo das últimas décadas a UE progresou significativamente no ámbito da igualdade, principalmente, grazas á súa lexislación en igualdade de trato; á transversalidade de xénero ou integración da perspectiva de xénero en todas as políticas; e ás medidas específicas a favor do avance das mulleres.

Así o demostran os datos evolutivos de representatividade das mulleres no Parlamento Europeo, onde a súa presenza incrementouse un 20 por cento nos últimos 30 anos. A porcentaxe dobrase no noso país, onde actualmente hai un 41 por cento máis de eurodeputadas que no ano 1984.

Peores datos ofrece a actividade laboral das mulleres na UE, que desde 1997 se ten incrementado un 5 por cento e un 14 en España. Así mesmo, tamén é preocupante o dato da brecha salarial entre mulleres e homes, que é de en torno ao 16 por cento na UE. “Non nos podemos permitir como sociedade este dato, é inaceptable se queremos avanzar para acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”, afirmou López Abella. 

Por iso destacou actuacións como a Estratexia de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-2020, na que está a traballar o Parlamento Europeo. Esta estratexia aborda accións para combater novas formas de violencia contra as mulleres, fomentar a conciliación, incrementar o número de mulleres en postos de poder ou loitar contra o emprego precario e non declarado das mulleres; entre outros asuntos.

A secretaria xeral rematou destacando novamente que, a pesar dos grandes avances conseguidos no ámbito da igualdade de xénero nos últimos anos, “non nos podemos dar por satisfeitos e temos que seguir traballando cun espírito positivo a favor da igualdade, ampliando este reto máis alá das fronteiras da UE”.