24/9/15

A XUNTA REFORZA A SÚA APOSTA POLOS EMPRENDEDORES CON DÚAS NOVAS ORDES DE AXUDAS

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou na VIII Edición dos premios MOCE, promovidos pola Fundación Ronsel, á que se presentaron cen solicitudes
  • Recordou que o seu departamento inviste 20 millóns de euros en tres convocatorias de subvencións diferentes para este colectivo
  • Desde o ano 2009, Traballo ten apoiado a máis de 20.000 traballadores por conta propia
  • Durante a súa intervención, Mato puxo en valor a “dimensión social e económica” do emprendemento
 A Consellería de Traballo e Benestar reforzou este ano a súa aposta polos emprendedores ao dispoñer a publicación de tres ordes de axudas para o colectivo, das que dúas eles convócanse este ano por vez primeira. Así, á convocatoria anual ordinaria, súmase neste exercicio unha específica para menores de 30 anos que nin estudan nin traballan, que forma parte do programa de Garantía Xuvenil; e outra máis inscrita no Plan de activación para o emprego. En total, todas elas suman un investimento de 20 millóns de euros.

Así o explicou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa participación na VIII edición dos premios MOCE, promovidos pola Fundación Ronsel. Na súa intervención felicitou ás tres iniciativas emprendedoras galardoadas, así como aos 10 finalistas, por presentar “proxectos actuais, que saben valorar as demandas e necesidades da sociedade”.

Neste sentido, considerou que os traballadores por conta propia son unha “clave esencial” na dinamización económica de Galicia, polo que puxo en valor a “dimensión social e económica” do emprendemento.

Actualmente, hai en Galicia máis de 225.000 autónomos, o que representa cerca do 25 por cento do total de afiliados á Seguridade Social e sitúa a Galicia seis puntos por riba da media estatal.

Polo tanto, dada a relevancia -tanto cualitativa como cuantitativa- do colectivo, Traballo está a colaborar co resto de departamentos da Xunta co fin de prover ao colectivo dun “apoio integral”. Como exemplo, citou o desenvolvemento da primeira Lei de emprendemento de Galicia que ten como obxectivo converter á Administración nun “facilitador de solucións”.

Xa no eido das subvencións, lembrou que o departamento que dirixe renova e mellora cada ano a súa aposta polos autónomos. Recordou, así, que desde 2009 Traballo ten apoiado a máis de 20.000 traballadores por conta propia.

Ademais da publicación este ano de dúas novas ordes de axudas, Mato recordou tamén que a Consellería foi pioneira en ofrecer financiamento aos autónomos para contratar “non só ao seu primeiro traballador, senón tamén ao segundo e ao terceiro”.


“En definitiva, o noso apoio foi, é e será máximo, porque os emprendedores son a base do crecemento sostible que se ten iniciado en Galicia” concluíu Mato, quen confiou en que a entrega de premios celebrada hoxe “simbolice o noso apoio e agradecemento non só aos gañadores e finalistas, senón a todas as persoas que apostan por unha idea e poñen o seu esforzo nun proxecto que lles permite desenvolverse a nivel persoal e profesional”.