A XUNTA TRABALLA NA UNIFICACIÓN DOS PROTOCOLOS DE ACTUACIÓN DOS CORPOS DE POLICÍA LOCAL DE GALICIA

  • Creáronse tres grupos de traballo: policía administrativa, seguridade viaria e seguridade cidadá, que se encargarán de confeccionar ata 34 protocolos
  • Xa están rematados os de establecementos públicos, ruídos, detección de drogas na condución, animais potencialmente perigosos e entradas en lugares pechados
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta está a traballar na unificación dos protocolos de actuación dos corpos de policía local de Galicia, unha iniciativa na que colabora cos sindicatos policiais e a Asociación de Xefes e Mandos (Axempol).

A comezos de ano se desenvolveu a primeira xuntanza, onde se acordou crear tres grupos de traballo de acordo coas áreas funcionais máis propias dos corpos de policía local: policía administrativa, seguridade viaria e seguridade cidadá.

Cada grupo está integrando por varios policías, homes e mulleres, de diferentes escalas e categorías e con amplos coñecementos na materia á que se adscriben. Ademais, haberá cando menos un representante sindical implicado na temática e un coordinador, que fará de nexo común co resto do grupo, actualizando contidos e avances de cada protocolo.

Dentro de cada área funcional, acoutáronse aquelas actividades operativas con entidade propia e exclusiva dentro do traballo policial e determináronse 34 protocolos. Destes, a día de hoxe están rematados cinco, os relativos a establecementos públicos, ruídos, detección de drogas na condución, animais potencialmente perigosos e entradas en lugares pechados.

O laborioso proceso de confección dos protocolos implica que unha vez redactados se remitan ás unidades directivas da Xunta con competencias na materia para que fagan as suxestións ou modificacións oportunas, dentro do seu ámbito de competencia. Do mesmo xeito, mándanse tamén á fiscalía correspondente, no seu caso, ou organismo da administración que puidera ter competencias directas na temática.

Rematados estes pasos, a Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP, publicará os protocolos na súa páxina web e fará a difusión entre todas as policías locais, cun papel principalmente integrador. Así mesmo, eses protocolos serán a base da formación que se imparta nas súas correspondentes materias, dentro do programa da Academia estradense.


En definitiva, o papel da Xunta é de coordinar todo este traballo -a través da AGASP e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior- e posteriormente facelo susceptible de que resulte de aplicación universal por todos os corpos de policía local de Galicia e de seguridade en xeral. Se pretende, así, reforzar as actividades e as funcións de coordinación que a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia lle atribúe ao Goberno galego.