Alzhéimer : anuncian la creación de las primeras unidades terapéuticas de Galicia

BENESTAR AMPLIARÁ OS RECURSOS DE ATENCIÓN AO ALZHÉIMER COA CREACIÓN DAS PRIMEIRAS UNIDADES TERAPÉUTICAS DE GALICIA
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe en Vigo o centro de atención integral da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga)
  • A Xunta conta actualmente cunha rede de centros especializados nesta enfermidade, que ofertan 412 prazas, das que 180 foron creadas por este Goberno
  • A carteira de servizos de atención á dependencia inclúe recursos deseñados especificamente para atender a este colectivo
  • O próximo luns, día 21, conmemórase o Día Mundial desta enfermidade
A Consellería de Traballo e Benestar ampliará os recursos destinados á atención ao alzhéimer a través da creación, por primeira vez en Galicia, de unidades terapéuticas especializadas nesta enfermidade. Nestas unidades prestarase un servizo de atención diúrna terapéutica de media estancia, no que os usuarios poderán acceder a recursos como a valoración inicial, apoio nas actividades básicas e de ocio, mantemento e rehabilitación, formación e asesoramento ás familias.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa visita a Vigo ao centro de atención integral da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga), unha entidade que leva “máis de dúas décadas” de traballo diario cos enfermos e as súas familias.

Mato lembrou que estes novos recursos sumaranse á rede de centros especializados cos que xa conta a Xunta, e que converte a Galicia  na “única comunidade autónoma que oferta unha rede destas características”. En total, son 13 os centros destinados ás persoas con esta enfermidade, que suman 412 prazas públicas, das que o 43 por cento (180) foron creadas polo actual Goberno.

Ademais, a titular do departamento autonómico puxo en valor outros avances, como a carteira de servizos específica para persoas enfermas de alzhéimer, que define recursos e programas deseñados de xeito especializado para este colectivo, nos que se inclúen actividades de prevención e promoción da autonomía persoal; a  axuda a domicilio; ou a atención diúrna, nocturna e residencial.

Compromiso conxunto e solidario
Con todo, Mato fixo fincapé en que é preciso seguir traballando e mellorando a atención que se presta ás persoas que padecen esta enfermidade e ás súas familias, un avance que, considerou, debe xurdir dun “compromiso conxunto, continuo e solidario”. De aí que destacara especialmente a colaboración con entidades de iniciativa social, como Afaga.

Ao respecto, recordou que o departamento de Benestar leva traballando de xeito con xunto con Afaga desde o ano 2009. Ata o momento, téñense investido 3,7 millóns de euros en distintas liñas de colaboración con esta asociación. Nesta cooperación mutua, inclúense a xestión e programación de centros de día, ou a execución de cursos de formación para desempregados en materia de atención sociosanitaria.

Xa para rematar, a conselleira considerou que é tamén “moi importante” visibilizar e crear conciencia social sobre os problemas e necesidades destas persoas. Este é, precisamente, un dos obxectivos do Día Mundial do Alzhéimer, que se celebra o próximo luns, día 21. “Por iso, nunha semana tan sinalada, queremos ratificar de novo o noso compromiso con todas as persoas que sofren esta enfermidade”, concluíu Mato.