19/9/15

Bueu abre un mes de animación a la lectura involucrando a las familias

BUEU : O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA  NAS BIBLIOTECAS PARA INVOLUCRAR ÁS FAMILIAS
Entre as actividades estrela están  os Contos para bebés e un Obradoiro de Ilustración con Luis Davila que precisan inscrición

Bueu continúa coa súa actividade cultural, e  non podía ser doutro xeito que  animando aos máis pequenos a ler e a amar os libros. Así, entre o 16 de setembro e o 15 de outubro haberá varias actividades destinadas a dinamizar o hábito da lectura entre os nosos pequenos e pequenas. As actividades están inseridas na campaña “Navegando entre libros”, posta en marcha polo Concello de Bueu, desenvolvida polo espazo Lobocoxo e na que colabora a Xunta de Galicia. Segundo explicaron hoxe Carlos Eirea, concelleiro de cultura, e Olalla González, de Lobocoxo, “pretendemos involucrar ás familias, e animar a ler nas bibliotecas, para que estas se movan xa que son lugares moi interesantes”. Seguindo co lema, Eirea aproveitou para declarar que con esta campaña “queremos pescar” a persoas que habitualmente non se achegan a estas actividades. 
No plan está previsto que as actividades comecen o sábado 26 de setembro cun contapintacontos na biblioteca de Bueu ás 12 horas destinado para un público familiar. Esta sesión repetirase  na biblioteca de Beluso o 7 de outubro ás 18 horas, na biblioteca de Cela o 10 de outubro ás 12 horas, e de novo na biblioteca de Bueu o 15 ás 18 horas. Estas sesións terán unha unha duración dunha hora, e nelas o ilustrador Marc Taeger pintará mentres se len contos aos nenos e nenas. O obxectivo é combinar a pintura coa lectura e a escoita.
Por outra banda, tamén está organizada unha sesión de “Contos para bebés” na Bebeteca de Bueu ás 12 horas do domingo 4 de outubro. Esta sesión terá unha duración de 30 minutos, e combinará a música, coas cancións populares e a recuperación da tradición oral.
E o domingo 8 de outubro ás 18 horas o ilustrador Luís Davila impartirá un Obradoiro de Ilustración  destinado aos nenos e nenas de entre 9 e 12 anos,que consistirá nunha “pequena iniciación ao cómic, xa sexa nunha ou en varias viñetas”, segundo avanzou na tarde de hoxe nunha presentación  no porto de Bueu, no que estivo acompañado do tamén ilustrador Marc Taeger co que debuxou man a man un cadro coa temática dos libros. 

Tanto para os “Contos para bebés” como os “Obradoiro de Ilustración” de Davila, precísase inscrición previa no correo electrónico lobocoxo@gmail.com, xa que existen un total de 25 prazas.