26/9/15

Bueu : obras de mejora llegan para la vía provincial Cela-Outeiro

A Deputación de Pontevedra iniciará nos vindeiros 15 días unhas obras de mellora na EP-1305 Cela-Outeiro para corrixir o problema de asentamento do firme que ten a vía. Segundo o deputadode Infraestruturas, Uxío Benítez, "trátase dunha boa actuación de emerxencia coa que se pretende evitar problemas como mínimo durante este inverno". O anuncio das obras fíxose nunha visita dos deputados Xosé Leal e Uxío Benítez a Bueu, onde se reuniron na casa do concello co alcalde, Félix Juncal, e despois realizaron unha visita á estrada para coñecer persoalmente as súas deficiencias.
A EP-1305 leva en mal estado desde hai anos debido ás filtracións dun colector de saneamento que está instalado baixo a estrada. A tubaxe ten perdas e foi minando o asentamento da calzada, o que creou tamén moitas fendas na superficie polas que se filtra a auga da chuvia.
Benítez indicou que a Deputación "actuará de xeito inmediato" para levantar o tramo polo que pasa o colector para facer un saneamento da base da vía e logo repoñer a rasante. A idea é que esta actuación permita eliminar as filtracións. Será necesario ver durante os vindeiros meses se estes traballos son suficientes para solucionar o problema de forma definitiva. No caso de que o aglomerado non se consolide e volvan as fendas será preciso realizar unha actuación de maiores dimensións. Habería entón que redactar un proxecto que podería contemplar a construción dun muro de contención duns 20 metros de alto.
A actuación de emerxencia na estrada entre Cela e Outeiro será executada, segundo explicou o deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, con maquinaria e persoal propio da Deputación provincial, que se trasladarán ata a vía tan pronto como finalicen outros traballos no polígono industrial.
Máis actuacións
Por outra banda, o departamento que dirixe Uxío Benítez prevé tamén realizar outras actuacións nesa mesma vía, como son a creación de cunetas, a instalación de biondas e de sobreanchos de firme nalgunhas curvas. Trátase de melloras de pequeno calado que serán estudadas nos vindeiros días por técnicos provinciais para facer un proxecto de execución e unha valoración económica, para logo abrir un concurso e proceder á súa adxudicación.
Por outra banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, agradeceu o compromiso da Deputación para executar os traballos na EP-1305 de forma urxente e manifestou a súa intención de elaborar unha memoria de necesidades das demais vías provinciais dentro do municipio que dirixe en relación ó  mantemento, a seguranza viaria e a mobilidade. Esta relación de peticións seralle trasladada a Uxío Benítez para que o departamento de Infraestruturas priorice as actuacións que considere máis necesarias.
O concello de Bueu conta con nove vías de titularidade provincial que suman 23,6 quilómetros (as vías Alto Portela-Beluso, Beluso-Cabo Udra, Banda do Río-Portela, Bueu-Igrexario de Cela, Igrexario de Cela-Outeiro-Bueu, Portela-Ermelo, e os acceso ás praias de Lapamán, Lagos e Beluso).