19/9/15

CONCELLOS DA PROVINCIA PODERÁN TER OS PRIMEIROS COMPOSTEIROS COMUNAIS NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2016

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou que están en redacción as bases para que os concellos presenten os seus proxectos de actuación
O nacionalista mostrou a súa satisfacción ao ver que os gobernos locais, independentemente da súa cor política, recoñecen a compostaxe como un sistema máis ecolóxico e económico que o actual  

César Mosquera, durante su intervención
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou onte que os concellos da provincia poderán ter instalados os seus primeiros composteiros comunais no primeiro trimestre do vindeiro ano. Así o indicou no encontro celebrado con máis de 60 representantes dos municipios da provincia para analizar a viaxe organizada pola Deputación a Navarra (que tivo lugar do 7 ao 10 deste mes),  e no que se deron as pautas de actuación para acadar o apoio técnico e económico provincial aos proxectos que xurdan. 
Mosquera explicou que a Deputación está traballando en tres liñas de actuación neste momento para acadar o horizonte de ter instalados nos primeiros meses do ano esas 54 pequenas instalacións. Nelas que trataranse 'in situ' os residuos xerados nas cociñas de entre 80 e 300  veciños da zona, o que se denomina tecnicamente fracción orgánica do lixo municipal (FORM), que se misturará con estruturante para obter como resultado compost.

En marcha
Os técnicos provinciais están traballando xa na redacción das bases para a selección de proxectos que presenten os concellos (onde deben figurar o emprazamento do composteiro e a xustificación da implicación social no contorno, entre outros aspectos) . Unha vez feitos públicos os requisitos básicos, os gobernos locais terán un prazo de un mes e medio para achegar as súas solicitudes.
Por outra banda, xa está listo o prego para a compra e subministro dos composteiros que se distribuirán pola provincia, que serán de 12 metros cúbicos e agrupables en múltiplos de tres.  O financiamento para a súa adquisición será aprobado no Pleno da Deputación deste mes, ao que irá unha modificación de crédito que roldará o millón de euros. 
Finalmente, xa está en marcha a organización dun curso de formación para que os mestres composteiros que se fagan cargo das instalacións comunais teñan os coñecementos necesarios. Terán unha duración de oito semanas e haberá 20 prazas. Finalmente haberá unha proba de selección e os que teñan as dez mellores puntuacións serán equipados e contratados para facerse cargo das primeiras instalacións de compostaxe dando servizo a diferentes grupos de concellos. 
O vicepresidente provincial e o asesor en materia de residuos (Carlos Pérez) indicaron que a Deputación cumprirá coa súa parte de botar a andar a iniciativa. Subliñou que, de feito, o organismo provincial se fará cargo do tratamento do solo, da compra e instalación dos composteiros e do seu mantemento (técnico e de persoal) durante seis meses prorrogables a outros seis meses máis. A partir de aí, o funcionamento deberá correr a cargo dos concellos nos que estean as instalacións que cumpran correctamente cos requisitos. Se se comproba que os composteiros non son viables, retiraranse para colocalos noutros lugares nos que sexan requiridos por outros concellos. 
Mosquera mostrou a súa satisfacción ante os presentes no encontro de onte polo interese demostrado pola xestión do lixo e subliñou que está "esperanzado" polos resultados aos que se poden chegar. De feito, indicou que o horizonte é que a compostaxe comunitaria chegue a uns 240.000 pontevedreses neste mandato (un cuarto da poboación da provincia).
"O mellor residuo é o que non se produce, e o seguinte aquel que se pode tratar no mesmo lugar onde se crea, por iso a compostaxe comunitaria é a solución máis económica e ecolóxica de todas as que temos estudado", argumentou o nacionalista, que despois foi refrendado por datos aportados polo asesor Carlos Pérez. Este indicou que o tratamento da fracción orgánica do lixo nos composteiros comunitarios aos que os veciños levan os restos de desperdicios de comida e outros orgánicos son moito máis baratos que o sistema actual por dous motivos: porque o sistema de tratamento en si ten menos custes e porque se aforra totalmente o transporte do FORM a plantas de tratamento lonxanas. 
Pérez fixo os cálculos estimativos do aforro que suporía aos concellos a implantación da compostaxe comunitaria e chegou á conclusión de que, aproximadamente, sería duns 60 euros por familia e ano. Este abaratamento suporía que os gobernos municipais poderían dispoñer dunha maior liquidez para destinar a outros obxectivos, xa que nestes momentos o tratamento do lixo é un servizo totalmente deficitario posto que o cobro dos recibos aos cidadáns, en moitos casos, non alcanza nin o 50% do custe real.
Todos os representantes que participaron no encontro puideron expoñer a súa visión sobre o plan de compostaxe da Deputación. En tódalas intervencións se agradeceu a iniciativa da viaxe a Navarra, así como o asesoramento e apoio institucional que está a promover o organismo provincial. Falouse da necesidade de facer campañas de sensibilización cidadá, así como da posibilidade de poñer en marcha plantas de compostaxe de maior tamaño coa implicación de varios concellos en novas fases de actuación.

O compost: do deserto a terreos produtivos
Por último, o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, fixo unha exposición sobre os elementos básicos da compostaxe como proceso bioquímico e as súas utilidades no eido ecolóxico como elemento de conservación da materia orgánica do solo e como antidesertizante. Falou tamén dos diferentes tipos de tecnoloxía (simple e complexa) e do seu rendemento e despois deu a coñecer exemplos concretos moi significativos do uso do compost. 

Un dos proxectos que máis chamou a atención dos presentes foi o desenvolvido en Exipto, denominado Wadiholding, posto en marcha para gañar terreo ao deserto. A iniciativa púxose en marcha nas zonas desertizadas da canle do Nilo onde se construíu a presa de Aswan. Alí, segundo a salinidade da zona plantáronse vides e oliveiras e instaláronse granxas de polos. Logo, xuntando as podas cos restos do guano dos animais acadouse un compost de tal calidade que fixo produtivos de novo os terreos.