Deputación anuncia anuncia que o Plan de emprego de 2016 tamén incorporará a mellora das condicións laborais

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou que o Plan de emprego para 2016 manterá as mesmas condicións laborais de xornada e salario que anunciou onte para o plan ata final de ano. Carmela Silva insistiu en que "non queremos emprego en precario senón mulleres e homes traballadores con dereitos" con respecto ós 1.550 postos que se distribuirán entre todos os concellos da provincia en función da súa poboación. Así, os 5 municipios de ata 2.000 habitantes terán 14 traballadores, ós 18 concellos de entre 2.000 e 5.000 corresponderanlles 20, os 15 municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes contarán con 24 traballadores e os 15 de 10.000 a 20.000 terán 30. Finalmente, os 7 concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes contarán con 34 traballadores e ós 2 municipios de máis de 50.000, Vigo e Pontevedra, corresponderanlles 36.
Silva non descartou a posibilidade de que as persoas que entren neste plan ata final de ano continúen neses postos no plan de 2016. "Se é legal prorrogar eses contratos e que eses traballadores sigan no novo plan farémolo porque outro dos nosos obxectivos é que non teñan só un contrato de dous meses. Se é legalmente posible farémolo".
Carmela Silva tamén informou dos resultados do programa aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80 %, que xorde para facilitar a entrada no mercado laboral de persoas desempregadas da provincia de Pontevedra, fundamentalmente no sector de atención social, e que se clausurou este xoves no Edificio Administrativo. A presidenta anunciou que a Deputación volverá solicitarlle á Unión Europea estes fondos sociais porque no período 2012-2015 conseguiuse que case un 30 % dos 720 participantes nestas accións formativas atopase un emprego.
Por outra banda, a presidenta da Deputación comunicou que se vai mellorar a xestión dos centros provinciais de asesoramento empresarial 2.0 e a dinamización do centro de comercio virtual da provincia, CPAE, de cara ó próximo ano. "Son unha boa ferramenta de información e asesoramento a empresas e persoas emprendedoras, pero consideramos que se deben mellorar os seus obxectivos, procedementos e avaliación de resultados". Este xoves a Xunta de Goberno aprobou un contrato para adxudicar a prestación destes servizos ata final de ano.
A Xunta de Goberno tamén aprobou subvencións de apoio á cultura de case 120.000 euros a 144 asociacións e entidades sen ánimo de lucro para instrumentos e vestiario de grupos e asociacións musicais da provincia de Pontevedra, e de case 140.000 euros a 58 asociacións e entidades para financiar a construción ou rehabilitación de centros culturais ou a restauración de monumentos.
Igualmente, unha vez consultado o interventor e asegurado que non hai reparos, acordouse adxudicarlle á empresa Copcisa as obras de integración urbanística e dotación de servizos do campo de fútbol de Coia, en Vigo, por un importe total de 281.622 euros. O prazo de execución é de 3 meses.