El profesor Pazos recibe a Carmela Silva : concello de Cangas y Deputación inician nueva etapa

Cangas é, tras Pontevedra e Vilagarcía, o primeiro municipio do percorrido de visitas institucionais que comeza hoxe mesmo a presidenta.

O alcalde de Cangas, Xosé M. Pazos, recibía a primeira hora desta mañá á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no consistorio cangués. Silva visitará durante os próximos dous meses e medio aos 62 concellos da provincia, comezando dende hoxe co fin de manter reunións cos alcaldes e coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas de cada vila. Ambos representantes puxeron en común os temas pendentes entre ambas institucións.
Silva aproveitou a visita para explicar de primeira man o novo modelo de relación da deputación cos municipios implantado polo goberno provincial. Os temas que trataron a presidenta e o alcalde foron principalmente os que atinxen aos asuntos en relación cos proxectos e convenios pendentes no concello: o plan de emprego, as obras do Viso, a grada do Alondras e a humanización da estrada de Coiro.
Con respecto ao plan de emprego, Silva confirmou a súa continuidade “con melloras substanciais” e que loitarán “contra a precariedade para conseguir fomentar un emprego con dereitos”. Pazos celebraba esta decisión como “fundamental para os concellos que non desaparezan, tanto para xerar empregos coma servizos, dado que nós non podemos contratar”. Ademais, segue en vigor o proxecto de Igrexario – O Viso, na parroquia do Hío, proxecto que se compromete a poñer en funcionamento a presidenta e que é “unha vía de comunicación importantísima na tempada estival” afirma Pazos. 

Fondo local da Deputación
“Son os concellos os que deben ser protagonistas da acción local” afirmaba rotunda a presidenta. O novo modelo da Deputación de Pontevedra pretende romper coa “arbitrariedade que existía” para rexerse pola obxectividade á hora de repartir os cartos aos concellos, para que sexa o propio alcalde o que rexa estas partidas. A deputación, sostén Silva, debe “favorecer a colaboración, coordinación e o traballo conxunto” entre ambas institucións que teñen “unha enorme conciencia da labor que teñen que realizar”.