22/9/15

EXCELENTE OTOÑO 2015 -EN CUANTO A COSECHA- PARA LA VENDIMIA EN GALICIA

A VENDIMA DE 2015 NAS 5 DENOMINACIÓNS DE ORIXE GALEGAS PODE CUALIFICARSE DE EXCELENTE TANTO EN CALIDADE COMO EN CANTIDADE
  • Así o reflicte un informe da Consellería do Medio Rural e do Mar, elaborado de acordo coas previsións feitas polos propios consellos reguladores
  • A cantidade de uva recollida incrementouse nun 20,85% con respecto a 2014
  • Esta será a segunda mellor vendima dos últimos dez anos, despois da de 2006
 A vendima deste 2015 nas cinco denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) pode cualificarse como excelente, de acordo coas previsións feitas polos propios consellos reguladores, tanto desde o punto de vista da cantidade como da calidade. 

Así se desprende dun informe elaborado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, no que se constata un incremento do 20,85% na cantidade total de uva recollida con respecto á vendima de 2014. Deste xeito, para este ano a previsión da colleita é de 63 millóns de quilos de uva, fronte aos 49,8 millóns da campaña de 2014.

Por denominacións de orixe, o maior incremento previsto con relación ao ano pasado rexístrase na de Rías Baixas, cun 27,82%. Séguenlle a D.O. Monterrei, cun 19,4% de aumento. Moi preto desta cifra está o Ribeiro (incremento do 19,3%). 

A positiva evolución rexistrada en relación coa última tempada ven confirmar a tendencia dos últimos dez anos. Así, de facerse efectivas as previsións, a vendima de 2015 será a segunda mellor do período, só superada pola de 2006, na que se recolleron algo máis de 64 millóns de quilos nas denominacións de orixe de Galicia. Na seguinte táboa figuran os datos totais de quilos recollidos na última década, evolución que tamén se pode apreciar na gráfica:

ANO

 COLLEITA (kg.)

2006
64.024.521,0
2007
41.417.808,0
2008
40.688.762,0
2009
47.400.321,0
2010
57.710.898,0
2011
77.897.267,0
2012
44.203.063,0
2013
57.784.603,0
2014
49.863.480,4
2015
63.000.000,0*

*Previsión.

Este ano a maioría de comarcas comezaron a vendimar na última semana de agosto, adiantándose así unha semana respecto a anteriores campañas. En Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra estiman rematar a vendima na primeira semana de outubro, mentres que en Monterrei e Valdeorras agardan ter acabado a mediados ou finais de setembro.

As temperaturas foron en xeral superiores a outras campañas, provocando o adianto na maduración e as importantes oscilacións térmicas entre o día e a noite favoreceron a síntese de compostos aromáticos, aportando complexidade e intensidade, á vez que se conserva o frescor. A falta de precipitacións durante o ciclo da vide favoreceu un excelente estado fitosanitario da uva, co que diminuíu a cantidade de tratamentos necesarios.  

O estrés hídrico das plantas permitiu ademais a obtención de uvas de pequeno tamaño aumentando a relación pelexo/polpa e por tanto a concentración de aromas.

Como feitos destacados, na Ribeira Sacra hai que salientar que o bo estado sanitario da uva non se debe só ás boas condicións climatolóxicas, senón tamén ao traballo dos viticultores que cada vez máis fan poda en verde e manteñen as cepas coa carga adecuada. No Ribeiro este ano o Órgano de Control e Certificación da D.O. dispón dunha aplicación informática de alta mobilidade, que permite máxima garantía na trazabilidade e Control de Calidade.


Cómpre destacar tamén que para controlar esta vendima mobilizáronse por parte das distintas denominacións de orixe e da Consellería do Medio Rural e do Mar máis de un centenar de técnicos, entre persoal fixo e eventual.