17/9/15

FEIJÓO CELEBRA A APERTURA DA AUTOVÍA LU-12 COMO O “INTERCAMBIADOR DE TODOS OS GALEGOS”

A apertura desta vía únese á posta en marcha no pasado mes de marzo dos tres primeiros treitos da A-54 que conectan Lugo co Eixo Atlántico e co centro de Galicia

FEIJÓO CELEBRA A APERTURA DA AUTOVÍA LU-12 COMO O “INTERCAMBIADOR DE TODOS OS GALEGOS” QUE CONVERTERÁ LUGO “NO CENTRO DE CAMIÑOS DE GALICIA”
  • Agradece á ministra de Fomento que “volva concretar unha data no mes de outubro para abrir esta autovía ata Palas de Rei”, grazas ao que a A-54 terá máis do 50% dos quilómetros plenamente operativos antes de que remate o ano
  • Destaca que os tres quilómetros postos en servizo hoxe representan a alternativa confortable á estrada Nacional e “reducen en moitos máis quilómetros a conectividade desta autovía”
  • Lembra que Lugo é a provincia galega á que os orzamentos da Xunta destinan un maior investimento per cápita que chega aos 152 M en grandes proxectos de mellora da mobilidade e dinamización da economía
  • Anuncia a finalización “neste mesmo ano” do eixe Lugo-Monforte, unha vía de 60 quilómetros de altas prestacións cun investimento total da Xunta de 230 M 
  • Sinala que “a determinación do Goberno de España é cumprir a palabra dada a Galicia” e destaca os máis de 1.230 M investidos polo Goberno central na rede viaria galega

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou no serán de hoxe na posta en servizo das obras da Autovía LU-12, de conexión da A-54 coa N-540 entre Vilamoure e Esperante. No acto, no que estivo acompañado pola ministra de Fomento, Ana Pastor, e pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que a vía aberta será “importante para os cidadáns de Lugo pero tamén importante para ser intercambiador de todos os habitantes de Galicia e intercambiador das mercadorías que saen desde o noroeste cara ao resto de España e o sur de Francia”. 

A apertura desta estrada, que converterá a Lugo “no centro de camiños de Galicia”, únese á posta en marcha no pasado mes de marzo dos tres primeiros treitos da A-54 que conectan Lugo co Eixo Atlántico e co centro de Galicia. Daquela, o presidente da Xunta anunciara que o enlace de Esperante, inaugurado hoxe, estaría operativo en setembro.

No acto de posta en servizo da estrada que tivo lugar no propio treito Vilamoure-Esperante, Feijóo agradeceu á ministra de Fomento o seu traballo en prol de Galicia e celebrou que “volva concretar unha data no mes de outubro para abrir esta autovía ata Palas de Rei”. Deste xeito a A-54 terá máis do 50% dos quilómetros plenamente operativos antes de que remate o ano.  

A Autovía LU-12 porá en contacto directo Lugo co conxunto do Eixe Atlántico: con Pontevedra e con Vigo, así como co resto de vilas e cidades cara ás que Santiago exerce de distribuidor de tráficos. En detalle, o titular da Xunta subliñou a importancia dos tres quilómetros postos en servizo que achegarán aos lugueses a unha autovía que representa a alternativa confortable á estrada nacional e “reducen en moitos máis quilómetros a conectividade desta autovía”. Con todo, as melloras realizadas na autovía amosan a importancia da provincia luguesa “para a Galicia atlántica, para o resto de España e apra Europa”.

No tocante á importancia que ten a provincia de Lugo para o Goberno galego, o presidente apuntou que “a Xunta entende Lugo como unha prioridade” e  fixo fincapé en que no último ano foi destino do maior investimento per cápita nos Orzamentos xerais de Galicia. Concretamente, os grandes proxectos de mellora da mobilidade e dinamización da economía supoñen un investimento total de máis de 152 millóns de euros.

Eixe Lugo-Monforte
O responsable do Executivo galego informou do estado das obras viarias que se están a acometer na provincia e destacou o eixe Lugo-Monforte, que enlaza coa A-54. O mandatario galego anunciou a finalización desta estrada “neste mesmo ano” unha vez que estea rematada a execución da estrada Sarria-Monforte, que se atopa en fase final. Esta vía de altas prestacións porá á disposición dos cidadáns 60 quilómetros grazas ao investimento total da Xunta de 230 millóns de euros.  

Asemade, Feijóo resaltou o traballo do Goberno galego na conexión entre Celeiro e San Cibrao así como nos accesos tanto ao Porto de Burela -onde proximamente se licitará as obras de ampliación do Hospital da Mariña- como ao Porto Seco de Monforte -grazas aos investimentos atraídos polos incentivos autonómicos á compra de solo empresarial-.

Compromiso férreo do Goberno de España 
No inicio do seu relatorio o presidente da Xunta sinalou que “a determinación do Goberno de España é cumprir a palabras dada” á nosa Comunidade. Neste sentido destacou os máis de 1.230 millóns de euros investidos polo Goberno central na rede viaria galega.


Feijóo afirmou tamén que, a pesar das dificultades económicas, o Goberno de España “seguiu investindo en Lugo e en Galicia” grazas ao que se produciu  “unha das maiores transformacións de comunicacións viarias que levamos feito en Galicia”. Nesta liña, o presidente gabou a provincia luguesa asegurando que “merece un lugar central nun país vertebrado que reparte o equilibrio e o benestar”.