25/9/15

GALICIA SEGUIRÁ LIDERANDO PROYECTOS DE INVESTIGACIÓN CONTRA LA CONTAMINACIÓN MARÍTIMA

CETMAR LIDERARÁ A PLATAFORMA QUE DARÁ CONTINUIDADE ÁS ACCIÓNS DOS PROXECTOS ARCOPOL CONTRA A CONTAMINACIÓN MARÍTIMA
  • Cerca de 200 organizacións participan na Plataforma creada no marco do proxecto ARCOPOLplatform, cuxos principais resultados foron presentados nunha conferencia final e ante o Parlamento Europeo
 O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR liderará a plataforma de colaboración público-privada que dará continuidade aos traballos que levaron a cabo nos últimos seis anos os proxectos ARCOPOL, ARCOPOLplus e ARCOPOLplatform na loita contra a contaminación marítima. Todos estes proxectos foron coordinados pola entidade galega e financiados pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico.

Constituída na actualidade por cerca de 200 organizacións, esta plataforma servirá de foro de encontro e intercambio de información e experiencias. Seguirá traballando na identificación de capacidades e necesidades, da oferta e da demanda tecnolóxica, así como dos principais retos neste campo, actuando como motor de novas iniciativas de colaboración.

Despois de seis anos, o traballo desenvolvido no marco dos proxectos ARCOPOL xerou máis de 180 resultados en forma de estudios técnicos; ferramentas; guías, protocolos e manuais; bases de datos; materiais de formación e sensibilización ou vídeos, entre outros. A través destes materiais, dispoñibles no sitio web do proxecto, abordáronse diferentes temas referidos á preparación e resposta aos derrames marítimos, sendo incorporados aos plans de continxencias locais e rexionais. Para estas tarefas, os proxectos ARCOPOL contaron con 16 socios entre os que se encontran outras entidades galegas de peso, como son o INTECMAR, Gardacostas de Galicia e a Universidade de Vigo.

Os socios de ARCOPOLplatform deron conta dos devanditos resultados tanto na conferencia final do proxecto, que tivo lugar en Bruxelas, como na súa presentación ante o Parlamento Europeo, onde se celebrou un debate sobre esta iniciativa no marco do intergrupo “Seas, rivers islands and coastal areas”.

Avances
A Fundación CETMAR contribúe a mellorar a preparación e a capacidade de resposta á contaminación marítima mediante a súa participación tanto en proxectos como os ARCOPOL como en outras iniciativas. Así se puxo de manifesto na xornada EMSA (Axencia Europea de Seguridade Marítima) que se celebrou recentemente na sede da institución, organizada conxuntamente coa Consellería do Medio Rural e do Mar, co Servicio de Gardacostas de Galicia e con Remolcanosa.

O encontro serviu para presentar os avances nesta materia e para resaltar o importante marco de colaboración, que se estableceu entre as diferentes administracións no ámbito da loita contra a contaminación marítima. Destacouse tamén a importancia da implicación do sector pesqueiro, as notables melloras en medios e o avance en coñecemento e recursos grazas a proxectos de colaboración de ámbito nacional e europeo propiciados e coordinados pola Xunta de Galicia a través do CETMAR, do INTECMAR, da Universidade de Vigo e do Servizo de Gardacostas.

A partir do próximo ano estas entidades galegas seguirán colaborando con organizacións do Reino Unido, Francia e Portugal no marco nun novo proxecto, MARINER. Esta iniciativa, financiada pola Comisión Europea (Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil) contribuirá á mellora da preparación para responder a vertidos marítimos de substancias químicas.