OBXECTIVO DO SERGAS É CONSEGUIR A “INTEGRACIÓN PLENA DA SAÚDE MENTAL NO NOSO SISTEMA SANITARIO”

O presidente do Goberno galego, xunto ao Ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, inaugurou o XVIII Congreso Nacional de Psiquiatría que, por segundo ano, se celebra en Santiago de Compostela

FEIJÓO SALIENTA QUE O OBXECTIVO DO SERGAS É CONSEGUIR A “INTEGRACIÓN PLENA DA SAÚDE MENTAL NO NOSO SISTEMA SANITARIO” 
  • Salienta que a sanidade pública galega traballa en desenvolver estratexias cada vez máis avanzadas “identificar de forma precoz a enfermidade e garantir ao paciente a atención personalizada”
  • Indica que o Plan de prioridades sanitarias de Galicia 2014-2016 recolle un marco de actuación para mellorar o tratamento de doenzas como a depresión, dotando de formación especializada aos médicos de atención primaria, con programas de prevención do suicidio ou impulsando a investigación desta patoloxía
  • Sostén que hoxe en día “é necesaria unha cooperación institucional para ver como de maneira multidisciplinar damos resposta” ás condutas aditivas; e, nesta dirección, indica que vai dirixido o Plan de trastornos aditivos da Xunta
  • Avoga por potenciar o desenvolvemento da psiquiatría infanto-xuvenil e de programas de Trastorno Mental Grave
  • Agradece ao ministro “a política de vacinas do Ministerio e a súa sensibilidade cara os menores” de feito que “a vacina do meningococo B vai a estar dispensada en farmacias a próxima semana”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o obxectivo do Sergas é conseguir a “integración plena da saúde mental no noso sistema sanitario”. Así o manifestou na inauguración do XVIII Congreso Nacional de Psiquiatría que, por segundo ano, se celebra en Santiago de Compostela.

O mandatario autonómico salientou que a sanidade pública galega traballa en desenvolver estratexias cada vez máis avanzadas para “identificar de forma precoz a enfermidade e garantir ao paciente a atención personalizada”. 

Nesta liña, avogou por que o tratamento do trastorno mental se realice  baixo un enfoque multidisciplinar para lograr a plena coordinación entre os axentes sanitarios e os servizos sociais, educativos, xudiciais, de emprego e as asociacións de pacientes e familiares.

Unha das principais causas de discapacidade
Feijóo referiuse aos datos que manexa a Organización Mundial da Saúde sobre enfermidades mentais, e sinalou que constitúen unha das principais causas de discapacidade; que preto de 350 millóns de persoas no mundo padecen depresión, e que o falecemento por suicidio é a segunda acusa de morte entre os 15 e os 29 anos de idade.

Fronte estes datos, indicou que o Plan de prioridades sanitarias de Galicia 2014-2016 recolle “un marco de actuación específica para atacar a depresión”. Así, explicou que dispón que os médicos de atención primaria dispoñan de formación especializada en habilidades psicoterapéuticas  e de diagnose precoz. Tamén destaca a importancia de mellorar a calidade asistencial cun proceso integrado e co desenvolvemento de programas específicos para o trastorno afectivo severo; a utilidade de instaurar programas de prevención do suicidio e a necesidades de impulsar a investigación básica, clínica-epidemiolóxica e tradicional desta patoloxía.

Os trastornos aditivos
No tocante aos trastornos aditivos, outra das doenzas ás que atende a psiquiatría, subliñou que hoxe en día “é necesaria unha cooperación institucional para ver como de maneira multidisciplinar damos resposta a estes retos”. E nesta dirección indicou que vai dirixido o Plan de trastornos aditivos da Xunta. Un plan que recolle actuacións conxuntas entre o Goberno galego e outras administracións para o desenvolvemento de programas cos que reducir a prevalencia dos consumos de alcohol, tabaco e drogas e as condutas de risco; e tamén para mellorar a cobertura asistencial a través, por exemplo, de convenios con asociacións de pacientes, ou para a promoción da investigación. 

Os menores, o colectivo máis vulnerable
Feijóo fixo fincapé en que os problemas mentais dos menores representan “unha gravidade de trastornos que preocupan a todas as sociedades” e, ao respecto, destacou a importancia de reparar nas súas necesidades asistenciais, e de potenciar o desenvolvemento da Psiquiatría Infanto Xuvenil e de Programas de Trastorno Mental Grave que describiu como o “obxectivo fundamental” de todos os psiquiatras.

Tras aseverar que “un país que non coida os seus nenos é un país que non coida o seu futuro”, Feijóo agradeceu ao ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, “a política de vacinas do Ministerio e a súa sensibilidade cara os menores” de feito que “a vacina do meningococo B vai a estar dispensada en farmacias a próxima semana”.    


Con todo, o titular da Xunta considerou que o gran reto da psiquiatría está en loitar contra o estigma social asociado á enfermidade e finalizou asegurando que “contra a enfermidade solo cabe a boa medicina e a boa psiquiatría”.