Ons, escenario de simulacro de vertido dunha substancia nociva

Realizouse na illa de Ons un simulacro de vertido dunha substancia nociva

GALICIA PON A PROBA OS MEDIOS DE LOITA CONTRA A CONTAMINACIÓN MARIÑA NO MARCO DO PROXECTO ARCOPOL PLATFORM

  • O obxectivo destas actuacións é reforzar, avaliar a coordinación e adestrar aos participantes implicados na loita contra a contaminación mariña
 O Servizo de Gardacostas de Galicia e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) realizaron na Illa de Ons (Pontevedra) un simulacro de vertido dunha substancia nociva para poñer a proba os medios e os exercicios de despregue necesarios na loita contra a contaminación mariña. Neste simulacro tamén participaron o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, Salvamento Marítimo, a Universidade de Vigo e a Complutense de Madrid. 

Este exercicio, enmarcado no proxecto Arcopol Platform, permitiu probar a implementación do plan de continxencias local e o funcionamento dos equipamentos técnicos e humanos de resposta a posibles vertidos contaminantes no litoral galego. O obxectivo destas actuacións é reforzar, avaliar a coordinación e adestrar aos participantes implicados na loita contra a contaminación mariña. Tamén avaliar as ferramentas e coñecementos desenvolvidos no marco do proxecto ARCOPOL Platform.

O simulacro tivo lugar na praia de Meira e consistiu na recreación dun vertido dunha substancia nociva ocasionado por un dos dous bidóns que supostamente caeron ao mar dende un buque de transporte de mercadorías, provocando a dispersión da substancia no mar.  A tarefa dos equipos de intervención consistiu na activación do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia, Plan CAMGAL, na predición da deriva dos bidóns e no tratamento e contención do vertido. 


Para iso empregáronse, entre outros medios, cinco embarcacións, unha barreira de contención, equipos de fondeo de barreira, contedores neutralizadores, equipos de protección individual e un skimmer (boca de succión). Tamén se puxeron en práctica distintos modelos e boias para a predición da traxectoria da mancha.