Películas más actuales marcan la nueva etapa del Cineclub Bueu

Nuevos dirigentes del Cineclub Bueu
O Cineclub Bueu renóvase con filmes máis actuais nos ‘Sábados de cine’
As proxeccións serán mensuais en dúas sesións, unha en versión orixinal e outra dobrada, no Centro Social do Mar

A proxección de filmes máis actuais e cunha periodicidade mensual son as principais mudanzas na nova etapa que o Cineclub Bueu inicia tras dezaseis anos amosando semanalmente as grandes películas da historia. Os ‘Sábados de cine’ darán comezo en outubro e desenvolveranse unha vez ao mes no Centro Social do Mar en sesión dobre, unha pola tarde dobrada ao castelán e outra pola noite en versión orixinal subtitulada.
O obxectivo de renovar o formato e o contido da programación é facer accesible a un público máis numeroso cinema de calidade que adoita ficar á marxe dos circuítos comerciais. Como norma xeral, as películas seleccionadas terán unha antigüidade máxima de dous anos e virán avaladas tanto pola crítica como polos premios recibidos. 
Co fin de que esta oferta sexa sostible no tempo, o Cineclub Bueu abre as súas portas tanto a aquelas persoas que queiran participar na organización como ás que desexen facerse socias e obter así un desconto nas proxeccións. O custo de cada pase será de 2 euros para os espectadores socios e de 3,50 euros para os non socios. A cota anual sitúase en 15 euros, aínda que se hai varios membros da mesma familia só un a paga de xeito íntegro e polos demais súmanse 5 euros. 

As persoas que queiran asociarse ou simplemente recibir a programación mensual, poden solicitalo na entrada o día de proxección, a través das redes sociais ou no enderezo electrónico cineclubueu@gmail.com. Os ‘Sábados de Cine’ botarán a andar o 3 de outubro co filme iraní ‘Nader e Simin, unha separación’, dirixido por Asghar Farhadi, que se pasará ás 19.30 e ás 22 horas.