Portavoz del PP gallego asegura que Caballero acaba -por fin- de reconocer el carácter público del nuevo hospital de Vigo

Tellado
O voceiro do PPdeG celebra o cambio de actitude do alcalde de Vigo aínda que lamenta que non se producira antes

Co anuncio dun aparcadoiro, Caballero concede por fin a categoría de público ao Hospital Álvaro Cunqueiro
  • Considera que o alcalde de Vigo non pode denigrar a sanidade pública para facer política e sinala que os populares están en contra dese tipo de comportamentos e actitudes
  • Apunta que a Ponencia política conseguirá que o PPdeG sexa mellor partido do que era antes e que teña unha maior capacidade para resintonizar permanentemente cunha sociedade en continuo cambio
O voceiro dos populares galegos, Miguel Tellado, celebrou esta mañá que por fin o alcalde de Vigo, Abel Caballero, concedera a categoría de público ao Hospital Álvaro Cunqueiro, tras anunciarse que o Concello vai construír ao seu carón un aparcadoiro.

“Vai facer un aparcadoiro público para un hospital público porque non cremos que o alcalde de Vigo, cos recursos do Concello, estea disposto a facer un aparcadoiro público para un hospital privado”, sinalou Tellado ao tempo que aseguraba que isto amosa que Caballero quixo mentir á sociedade cando durante anos cualificou de privado un centro público e de atención a todos os usuarios do Sergas .

O voceiro tamén sinalou que é unha mágoa que esta decisión non se tomase hai tempo porque quizais agora xa estaría en funcionamento.

“Temos a sensación de que o alcalde de Vigo quixo facerlle oposición ao hospital para facerlla tamén a Feijóo”, algo que Tellado considera un erro político de dimensións considerables pois “non se pode denigrar a sanidade pública para facer política e sempre estraremos en contra dese tipo de comportamentos e actitudes”, engadiu.

Nese sentido, Tellado recordou que, en primeiro lugar, Caballero non quixo ceder os terreos para a construción, logo negou os accesos, máis tarde as conexións de luz, auga e servizos; e por último puxo trabas co transporte público e o aparcadoiro.

Para o voceiro do PPdeG, este cambio de actitude tamén amosa que cando Caballero dicía que non tiña terreos non estaba contando a verdade xa que agora apareceron. Pola contra, Tellado lembrou que foi a Xunta a que mercou os terreos para darlle a Vigo o que demandaba:  un hospital novo que mellorara a atención sanitaria dos veciños e veciñas da área sanitaria viguesa.


PONENCIA POLÍTICA 
Na súa comparecencia en rolda de prensa, Miguel Tellado tamén fixo referencia á Ponencia política na que os populares seguen traballando e que agardan presentar a principios do mes de outubro, nun acto no que esperan contar coa presenza da Vicesecretaria de Estudos e Programas do PP, Andrea Levy.
O voceiro recordou que o borrador -elaborado por un equipo redactor encabezado por José Manuel Rey- foi o resultado dun gran número de xuntanzas con colectivos sociais de toda Galicia, logo de remitir, tamén, 250 cartas a entidades de todo tipo solicitando a súa colaboración para que aportaran as súas ideas sobre o que debía facer o PPdeG para seguir sendo o partido preferido dos galegos e o que representa a un maior número de cidadáns no país.
Tellado confirmou que o equipo redactor xa está estudando o centenar de alegacións recibidas durante o mes de agosto e falando persoalmente con cada unha das persoas que fixeron estas propostas para realizar o seu encaixe no texto definitivo.

“A participación foi dende o inicio a clave deste documento, o mecanismo de traballo e un dos eixos nos que máis se ten incidido nas propostas que recolle o borrador así como nas alegacións recibidas”, sinalou o voceiro.
Do mesmo xeito, agradeceu ás persoas que colaboraron coas súas aportacións “grazas ós que conseguiremos que o PPdeG sexa mellor partido do que era antes e que teña maior capacidade para resintonizar permanentemente cunha sociedade en continuo cambio”, asegurou o portavoz dos populares.
Nesa liña, Tellado salientou que a Ponencia plantexa cuestións moi concretas para reivindicar que as persoas deben estar no centro da acción política e que o Partido Popular é a única referencia política de centro do noso país.
O portavoz popular sinalou que o documento inclúe medidas de transparencia e participación como a apertura de Oficinas de participación cidadá, a elección directa de candidatos, o sistema de dación de contas dos cargos públicos do PPdeG, auditorías internas ou a eliminación dos aforamentos dos deputados.
Asimesmo, o texto tamén ten propostas sociais pensadas para as vítimas da crise económica e para esa gran clase media que durante estes anos de recesión veu diminuída a súa calidade de vida. “Pensando neses colectivos, o borrador inclúe medidas como o bono gardería ou coidador para o impulso da natalidade, a revisión do tramo autonómico do IRPF  ou a revisión do Imposto de Sucesións e Doazóns", dixo o voceiro.

Por último, Tellado apuntou que, en definitiva, “a Ponencia reflicte o compromiso do PPdeG con Galicia e cos galegos” ademais de “reinventar as formas de relación do partido co conxunto da cidadanía”.