Portavoz del PSOE en Deputación asegura que portavoz del PP representa "lo peor de la derecha española"

O portavoz do grupo socialista na Deputación, Santos Héctor Rodríguez, manifestou a tristeza que lle producen as declaracións de Ángel Moldes, portavoz do PP na institución, en referencia ó Plan de emprego que o novo Goberno provincial aprobará no Pleno o próximo día 25. "Moldes representa o peor da dereita española, unha dereita con claras e trasnoitadas tinguiduras machistas, que carece de argumentos serios e só sabe facer oposición desde a descualificación e o descoñecemento", dixo Rodríguez.
O portavoz do grupo socialista sinalou que "entendemos que lles moleste que, en menos de dous meses, o novo Goberno puxese en marcha tantas novas políticas pensadas para as persoas, para o interese xeral e non para o particular. Entendemos que lles enfade que dedicásemos tres millóns de euros a crear emprego de calidade, con salarios dignos e non con salarios de miseria, que eran os que o Goberno de Rafael Louzán defendía. Ademais, xa anunciamos onte que para o próximo orzamento, o de 2016, haberá un plan de emprego que manterá o novo modelo respectando así a dignidade e os dereitos das traballadoras e os traballadores".
Rodríguez  engadiu que "instamos a Moldes a que diga os nomes dos concellos da provincia que van renunciar ós empregos que lles corresponden para que, desa forma, as veciñas e os veciños deses concellos se decaten de quen son os alcaldes ou as alcaldesas que prefiren mantelos no paro. Está claro, o PP perdeu o rumbo e elixiu un portavoz que é a voz da caverna", concluíu Santos Héctor Rodríguez.