26/9/15

Silva y Mosquera se felicitan por "la buena marcha" del bigobierno provincial

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, compareceron conxuntamente en rolda de prensa para analizar os 67 días transcorridos desde a toma de posesión. Puxeron en valor o realizado por todo o Goberno provincial e, sobre todo, a modificación de crédito que aprobaba o Pleno o pasado venres, que reflicte a nova política da institución.
A presidenta sinalou o novo modelo de relación cos concellos, "cunha deputación intermunicipal e non supramunicipal en constante colaboración cos municipios", e puxo como exemplo as xuntanzas feitas cos concellos de máis de vinte mil habitantes e tamén as "saídas a outros lugares para coñecer as experiencias e os modelos en materia de residuos ou as visitas ás deputacións de Sevilla e Badajoz".
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, abundou nas verbas de Carmela Silva e asegurou que o Goberno provincial "está traballando a toda máquina no cumprimento do programa". Lembrou que "hai dous meses, cando se presentou o acordo de goberno, os voceiros dos dous grupos dixemos que o máis difícil fora elaborar o programa. Agora estamos traballando nel en sintonía e, tendo en conta o período no que foi -os meses de verán-, xa temos avanzado moito". Neste sentido agradeceulles a moitos funcionarios que aprazasen as súas vacacións por vontade propia para colaborar na posta en marcha dalgúns proxectos.
Carmela Silva subliñou a nova maneira de goberno, como se demostra na separación dos funcionarios da estrutura política; os novos concursos-oposición onde participan funcionarios dos concellos máis poboados da provincia e da universidade; ou as mesas de contratación onde están invitados todos os grupos da oposición garantindo a máxima transparencia.
A modificación de crédito que se aprobaba no Pleno contempla, entre outras partidas, a cantidade de 3 millóns de euros para o Plan de Emprego de 1.550 persoas nos concellos, "cunha xornada de 35 horas e case que mil euros de salario", destacou Silva. Este plan terá continuidade o próximo ano, segundo anunciou a presidenta.
Tamén se aproban partidas para a creación do Servizo de Igualdade, do cal carecía a Deputación, ou para a xestión dos novos plans europeos, ademais de diversos proxectos coma a compra de composteiros.
Mosquera, que se definiu como "bo coñecedor desta casa", afirmou tamén que o funcionamento global do actual Goberno de coalición "é mellor que cando estaba en solitario o PP, cando se facían as cousas 'manu militari'".
En canto á modificación de crédito que se aprobaba no Pleno ordinario (con novas actuacións por valor de 8,3 millóns de euros) o nacionalista destacou os máis de 2,5 millóns que se destinarán a infraestruturas e seguranza viaria para o mantemento e a reforma da rede provincial -que alcanza os 1.700 quilómetros-.
Tamén se referiu ós 500.000 euros incluídos no convenio co Concello de Pontevedra, que se destinarán ó saneamento do río dos Gafos, e os 550.000 euros que permitirán a construción dunha glorieta no acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe. Esta última actuación, lembrou, leva aparcada desde que se proxectou a estrada provincial, nos tempos nos que Manuel Abeledo era presidente da Deputación.
Outro dos destinos dos fondos da modificación de crédito será a área de Normalización Lingüística,  para a que se engaden 200.000 euros.