17/9/15

TERMATALIA POSICIONARÁ GALICIA COMO REFERENTE MUNDIAL DO TURISMO DE SAÚDE

A directora de Turismo de Galicia participou na presentación da 15ª edición da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar
  • A cita, que terá lugar do 24 ao 26 de setembro en Expourense, conta con 39 países participantes e un total de 279 expositores
  • Nava Castro sinalou que esta nova edición constitúe unha oportunidade única para poñer de manifesto a innovación e a capacidade de dinamización e de activación económica dun sector referencia no ámbito do turismo galego
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na presentación da 15ª edición da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, que terá lugar entre o 24 e o 26 de setembro en Expourense.

Termatalia, que celebra este ano o seu 10º aniversario como feira internacional, superou nesta nova edición os datos de participación acadados ata o momento ao contar con 39 países participantes e un total de 279 expositores. 

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que estas cifras converten esta cita nunha referencia mundial do turismo de saúde, posicionando Galicia e a Ourense como epicentros do termalismo. Así mesmo, resaltou a importancia deste evento como ponte de conexión entre a tradición termal europea e o potencial termal de Iberoamérica. 

Nava Castro sinalou que esta nova edición constitúe un ano máis unha oportunidade única para poñer de manifesto a innovación é a capacidade de dinamización e de activación económica dun sector do que dixo “é xa unha referencia dentro do sector turístico galego”. “Grazas a Termatalia temos a posibilidade de mostrar a variada oferta termal de Galicia ao exterior e ensinar a nosa infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos que xa constitúen o 20% da oferta termal de todo o Estado”, afirmou.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia á calidade que caracteriza o sector termal galego destacando que Galicia é a comunidade autónoma con mais balnearios certificados coa Q de Calidade Turística ao acoller o 21,6% dos establecementos termais certificados de toda España.

Nava Castro resaltou a aposta de Turismo de Galicia pola diferenciación, a diversificación, a especialización e a procura de novos segmentos de mercado no sector termal, así como o traballo realizado a prol da internacionalización de Galicia como destino termal. A directora de Turismo de Galicia explicou que están postos en marcha numerosos proxectos innovadores para o desenvolvemento do turismo de saúde en Galicia, todos recollidos nun Plan Termal que persegue o fortalecemento do sector turístico termal da provincia de Ourense, coa visión de consolidar e fortalecer o posicionamento de Galicia como destino termal global.

Un escaparate tamén para a gastronomía galega
A responsable de Turismo da Xunta destaco que, a través de Termatalia, Galicia dará a coñecer non só a súa oferta asociada ao benestar e a saúde, senón tamén a súa oferta como destino cultural e patrimonial e, en especial neste ano, a súa enogastronomia.

Unha das principais novidades desta 15ª edición é a Area de Alimentación Saudable que contará con talleres, showccokings, catas e moitas mais actividades onde Galicia mostrará outra das súas grandes fortalezas.

“Con todo a nosa comunidade mostrará os seus atributos a través desta gran cita internacional e poderá profundar no coñecemento da auga y e a combinación do turismo termal co resto de experiencias turísticas que temos para ofrecer aos viaxeiros”, concluíu Nava Castro.