A DEPUTACIÓN COLABORARÁ CO CORRELINGUA 2016

O organismo provincial aposta por apoiar as iniciativas de dinamización da lingua galega e comprometerse coa reivindicación e a defensa do idioma 
A Deputación de Pontevedra sumarase ás administracións que veñen colaborando co Correlingua, unha iniciativa que reivindica a normalización social do idioma galego nos centros de ensino e entre o público mozo. Esta decisión foille comunicada polo deputado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, a unha representación das entidades organizadoras do Correlingua, formada por Andrea Marti, Isolina Couso e Xacobe Rodríguez, tras unha xuntanza celebrada esta mañá no Pazo provincial. 
Xosé Leal subliñou que este apoio vai na liña "da aposta que a nova Deputación está a facer pola reivindicación e o compromiso coa lingua galega." Neste sentido, Leal cualificou o Correlingua como "a iniciativa máis importante a nivel de normalización lingüística que se desenvolve entre os centros escolares, e que non só abrangue ao alumnado senón que tamén serve para concienciar a pais e nais".
O Correlingua 2016 contará coa participación de 300 centros educativos a nivel galego,  nos que se irán desenvolvendo actividades ao longo de todo o curso, rematando coa celebración das carreiras reivindicativas a prol do idioma. Na provincia de Pontevedra, está previsto que as carreiras se celebren entre o 2 e o 16 de maio de 2016, nas cidades de Pontevedra e Vigo, e nas vilas de A Estrada, Cangas e Ponteareas. 
Tanto nas actividades preparatorias como nas carreiras finais preténdese propiciar a reflexión sobre a situación da lingua, sensibilizar á sociedade a través da poboación xuvenil sobre a importancia do idioma e realizar actividades colectivas, lúdicas e interdisciplinares nas que o galego sexa protagonista. 
Cantalingua
Entre estas actividades interdisciplinares destaca o Cantalingua, un concurso onde o alumnado ten a posibilidade de escoller o grupo ou solista que prefiren para actuar nas festas finais do Correlingua. Para facelo, habilítase unha web na que escoitan e votan as cancións coas que participan os grupos. Unha actividade sobre a que o deputado de Cultura e Normalización Lingüística afirmou que "promove que o galego entre a formar parte de grupos musicais de diferentes estilos e que esta xornada, despois do traballo que realizan durante todo o ano, sexa un colofón final no que prima a convivencia e os valores de compañeirismo tendo como lingua vehicular o galego"
O Correlingua é unha carreira non competitiva que leva realizándose durante 15 anos, enfocada como unha proposta lúdica para que a mocidade participe nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego. Está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, pola Mesa pola Normalización Lingüística, pola CIG Ensino, polos concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, e pola Deputación de Lugo. Tras a xuntanza desta mañá incorpórase a Deputación de Pontevedra. 

Na pasada edición do Correlingua, correspondente a 2015, participaron 45.000 rapaces e rapazas de centros educativos de toda Galicia.