A XUNTA DESACTIVA O ESTADO DE PREALERTA POR SECA AO MELLORAR AS RESERVAS DE AUGA NA DEMARCACIÓN GALICIA-COSTA

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu a xuntanza da Oficina Técnica da Seca
  • Gonzalo Mosqueira sinala que os indicadores do estado hidrolóxico amosan melloría en practicamente todas as bacías da demarcación, debido ás condicións meteorolóxicas propias desta época, durante todo o mes pasado
  • Mosqueira concreta que a pesares desta mellora, manterase un maior seguimento na bacía alta do río Ulla, por ser esta zona a que amosa unha menor melloría nos indicadores medidos, aínda que non é preocupante
  • O director indica que neste período o abastecemento aos grandes núcleos de poboación estivo sempre garantido e non se detectou afección significativa por motivo da seca aos ecosistemas fluviais dos ríos da demarcación
  • A Xunta reitera que aínda que este levantamento é unha boa nova, en todo caso, os cidadáns non deben esquecer a importancia de consumir auga con moderación e actuar con responsabilidade
 A Xunta desactiva o estado de prealerta por seca ao mellorar as reservas de auga na demarcación Galicia- Costa. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu a Oficina Técnica da Seca, na que se tomou esta determinación. 

O director de Augas de Galicia explica que os indicadores do estado hidrolóxico amosan unha importante mellora en practicamente todas as bacías da demarcación, debido a unhas condicións meteorolóxicas propias desta época do ano, durante todo o mes pasado. 

Mosqueira concretou que a pesares desta mellora, manterase un maior seguimento na bacía alta do río Ulla, por ser esta zona a que amosa unha menor melloría nos indicadores medidos, aínda que non é preocupante.

Gonzalo Mosqueira indica que ao longo deste período, o abastecemento aos grandes núcleos de poboación estivo sempre garantido e non se detectou afección significativa por motivo da seca aos ecosistemas fluviais dos ríos da demarcación. Engade que tampouco foi necesario outorgar concesións temporais de emerxencia nin outro tipo de procedemento especial.

Concienciación e consumo responsable
Cómpre lembrar que durante todo o período de prealerta, a Xunta tomou medidas destinadas á concienciación cidadán para a redución do consumo por medio de campañas de sensibilización tanto en medios de comunicación como a pé de rúa. Dende o Goberno galego tamén contactaron cos concellos para advertilos da situación e fomentar o aforro municipal de auga. Ademais, Augas de Galicia adaptou os seus procedementos administrativos precisos para estar preparados ante un posible empeoramento da situación.

A Xunta reitera que aínda que este levantamento é unha boa nova, en todo caso, os cidadáns non deben esquecer a importancia de consumir auga con moderación e actuar con responsabilidade. 

Nos últimos meses, a Consellería de Medio Ambiente estivo a percorrer as 7 grandes cidades galegas cun stand informativo da súa campaña ‘Máis claro auga’ que é unha iniciativa de concienciación cidadá sobre a gran importancia de actuar con responsabilidade en relación co consumo da auga. 

O obxectivo desta campaña é explicar de qué forma con pequenos xestos, mudando rutinas diarias, pódense conseguir resultados e contribuír a unha xestión sustentable da auga en Galicia. Así, propónselle aos cidadáns accións tan sinxelas como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos como o verán, no que se deixan de usar as nosas vivendas habituais ou instalar nas billas dispositivos de aforro de auga como os repartidos hoxe en Santiago.