13/10/15

A XUNTA SALIENTA QUE O NÚMERO DE EMPRESAS EXPORTADORAS AOS DESTINOS DA REDE PEXGA MEDROU UN 30%

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria inaugura o Encontro das Plataformas Pexga 2015, onde resalta que as exportacións aos 8 países da Rede incrementáronse un 5% no que vai de ano
  • Destaca que estas cifras representan “o enorme esforzo levado a cabo polas compañías galegas no exterior” así como “o acerto da Rede Pexga”, que ten acompañado ás empresas galegas sumando preto de 15.000 servizos desde a súa activación
  • Subliña que as oficinas Pexga achegan aos empresarios galegos a posibilidade de cooperar con outros actores como cámaras, clústers e centros tecnolóxicos, de delimitar axendas de traballo ou de buscar novas canles de distribución comercial 
  • Apunta o encontro que comeza hoxe, e que se prolongará ao longo de toda a semana, como unha ocasión de potenciar as relacións e facilitar o contacto das empresas interesadas nestes mercados cos responsables das plataformas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no Encontro das Plataformas Pexga 2015, onde salientou que desde a posta en marcha da Rede, o número de empresas que exportan aos 8 destinos que a integran –Estados Unidos, Brasil, Rusia, China, Reino Unido, México, Colombia e Marrocos-  medrou en máis dun 30%, ata superar as 2.130 ao peche de 2014. Un exercicio no que, segundo incidiu, tamén creceron as exportacións galegas a Estados Unidos (29%), Marrocos (12%) ou China (6%). 

Así mesmo, explicou Conde, as exportacións a estes países suman máis de 1.520 millóns no que vai de ano, o que supón un incremento do 5% nos setes primeiros meses en relación ao mesmo período do anterior exercicio.

“Estas cifras representan o enorme esforzo levado a cabo polas empresas galegas no exterior, e nos amosan tamén o acerto da Rede Pexga, que ten acompañado ás nosas compañías neste camiño sumando preto de 15.000 servizos desde su activación”, subliñou o conselleiro.  

Conde resaltou que, grazas á Pexga, os empresarios galegos poden cooperar nos procesos de internacionalización con outros actores como Cámaras, Clústers e Centros Tecnolóxicos, delimitar axendas de traballo ou buscar distintas canles de colaboración e distribución comercial e empresarial.

Neste marco, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o encontro que comeza hoxe, e que se prolongará ao longo de toda a semana, permitirá potenciar estas relacións, facilitando o contacto das empresas galegas interesadas nestes mercados cos responsables das plataformas. Deste xeito, apuntou, daranse novos pasos na procura de impulsar as exportacións como un “eixo fundamental para permitir a consolidación da recuperación económica”. 


Na procura de acadar este obxectivo, Conde lembrou que o Goberno galego está a desenvolver a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Unha folla de ruta que se enmarca na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, e á que o Goberno galego destina 50 millóns entre este ano e o que vén impulsando outras actuacións xunto á propia Pexga. 

Así, nos últimos meses activouse unha nova edición do plan Primex, cun millóns de euros para apoiar a primeira implantación das pemes galegas; estase a cooperar coas Cámaras de Comercio, facilitando accións comerciais en 38 mercados tan diversos como Australia, Canadá ou Emiratos Árabes; promóvense cursos de inmersión lingüística en inglés comercial; ou trabállase no desenvolvemento de 12 planes sectoriais cos que Galicia busca adaptar os seus esforzos ás necesidades específicas de cada sector estratéxico. 

A Estratexia, salientou Conde, desenvólvese nunha dobre dirección, potenciando “unha Galicia exportadora e unha Galicia captadora de investimentos”. Por este motivo, estase a potenciar a atracción de novos investimentos estranxeiros, colaborando con empresas expertas que cooperan coa administración para localizar e captar proxectos durante os dous próximos anos. 


“O obxectivo é seguir apostando pola mellora da competitividade da industria, e polo tanto pola innovación e por aquelas iniciativas centradas na mellora desa posición competitiva”, sinalou o conselleiro, que avogou porque “esa competitividade poida ter unha plasmación nos mercados internacionais”, facendo da procura de novos mercados “motor e referencia determinante da recuperación económica”.