CANGAS CELEBRA O 25 ANIVERSARIO DO DOCUMENTAL “OS VIAXEIROS DA LUZ”

Os asistentes disfrutarán dunha montaxe inédita para o pobo cangués

A serie documental da TVG Os viaxeiros da luz elixiu á nosa vila para celebrar o 25 aniversario dende a súa estrea. O Auditorio de Cangas conmemorará este venres, 16 de outubro ás 19:00 horas, o documental que narra o percorrido por Galicia de catro cabaleiros, coa presenza dos propios viaxeiros, o equipo técnico e artístico e artistas convidados.

Os viaxeiros da luz cumpre as súas vodas de prata na vila canguesa xunto con todos as persoas que fixeron posible que se levase a cabo esta serie documental na que os catro cabaleiros iniciaban a súa andaina inspirados nos escritos dos viaxeiros Frai Martín Sarmiento e Gil y Carrasco. 

Un acto de hora e media aproximadamente e de entrada libre na que estarán presentes o director xeral de CRTVG en 1990, Ramón Villot; o director da serie, Valentín Carrera e o realizador Anxo Cabada. Como agasallo para este 25 aniversario, proxectarán unha montaxe inédita “Os viaxeiros en Cangas: Off the record” de 10 minutos de duración realizado por Colón. Tamén se proxectará o capítulo número sete do documental que estaba dedicado a Cangas: “O mar cheo de mar”.


O encargado de abrir a celebración será Xosé M. Pazos, alcalde de Cangas e finalizará coa interpretación dun par de temas da banda sonora orixinal interpretada por Violia.