CONSELLO GALEGO DE UNIVERSIDADES APROBA POR UNANIMIDADE O NOVO PLAN DE FINANCIAMENTO, QUE REPARTIRÁ PRETO DE 2.480 MILLÓNS

  • O conselleiro de Cultura e Educación debullou o novo documento durante a xuntanza, que garante unha distribución de recursos máis transparente e simple ao quedar asociada a dous grandes fondos: estrutural e por resultados 
  • Novamente quedan blindados os fondos ás universidades durante outros cinco anos, o que garante a súa suficiencia e estabilidade financeira 
  • A posteriori da súa aprobación polo Consello da Xunta, as universidades deberán asinar os correspondentes convenios para adherirse ás condicións do plan 

O Consello Galego de Universidades (CGU), reunido hoxe na Cidade da Cultura, aprobou por unanimidade o Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020, que garante a suficiencia e estabilidade financeira das universidades galegas durante o próximo quinquenio, permitíndolle así ás ditas institucións desenvolver de xeito ordenado as súas políticas.

Para iso, o novo plan estará dotado finalmente con preto de 2.480 millóns de financiamento público, o que supón un incremento de case un 18% -374 millóns máis- con respecto á cantidade inicial fixada no plan anterior. Así llo explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aos membros do CGU. 

Trátase dun plan que segue a senda do anterior, pero que tamén introduce novos avances co fin de lograr un financiamento máis transparente, que prime a eficiencia na xestión e a consecución de resultados docentes, de investigación e de transferencia.

Dous fondos comunicados
Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que agradeceu o “esforzo negociador e xeneroso demostrado polas universidades galegas” durante este período, lembrou que o novo reparto de contías aposta pola simplificación, posto que estas quedarán distribuídas en dous grandes fondos en permanente comunicación, xa que unha diminución nun deles implicará un incremento no outro e viceversa.  

Por un lado, o Financiamento Estrutural -que garante a suficiencia do sistema e representa inicialmente o 66% do plan- reflectirá a estimación do custe de persoal docente e administrativo necesario para atender ás necesidades formativas de cada universidade. Este custe calcularase en función do número de alumnos matriculados en cada materia de grao e máster. Por tanto, elimínanse os criterios históricos que influían ata agora no reparto en prol da transparencia. A maiores, dentro deste fondo quedará recollido o RAM (reforma, ampliación e mellora de infraestruturas), destinado a subvencionar gastos de investimento. 

Indicadores vinculados a investigación e transferencia 
Por outro lado, dentro do Financiamento por Resultados -que absorbe o 33% dos fondos do plan, aínda que o obxectivo é que en 2020 chegue a representar o 40%- fíxanse catro subfondos: os complementos retributivos e compensación por matrículas, os custes asociados ao ensino universitario onde se recollen as partidas á UNED ou á Fundación Rof Codina, o fomento da I+D+I a través de convocatorias ou convenios vinculados a liñas de investigación e, por último, un panel de 12 indicadores de resultados que suporá uns 55 millóns de euros dentro deste fondo.

Nesta táboa, os indicadores relacionados coa I+D+I e a transferencia teñen un maior peso que os vinculados coas actividades docentes ao entender que estas últimas están presentes en maior grao dentro do financiamento estrutural. Por exemplo, a captación de talento investigador supón un 20% dentro do cadro de indicadores, os ingresos de investigación representan un 15% e a produción científica, un 10%. 

Avances para unha xestión eficiente
Esta aposta pola consecución de obxectivos por parte das universidades debe camiñar pola senda da eficiencia, posto que unha das finalidades do novo plan é potenciar a xestión eficiente das universidades nos seus tres piares: a docencia, a investigación e a transferencia. Co obxectivo de profundar neste eido, o documento incentivará melloras na calidade, que pasan polo axuste da oferta educativa á demanda de estudos, pola redución da carga docente presencial –que actualmente é moi superior á de outros países–, pola diminución e homoxeneización do tamaño dos grupos ou polo axuste de investigacións cuxos custes indirectos sexan moi superiores aos seus resultados potenciais.

Tamén se fomentará unha maior atención ás actividades de transferencia co fin de promover a captación de proxectos e recursos, incrementarase o recoñecemento e apoio a grupos de excelencia e incentivaranse actividades estratéxicas de atracción e promoción do talento. 

En definitiva, no plan quedan definidos os criterios de asignación de recursos explícitos, baseados no custe estándar estimado da docencia e na obtención de resultados nos ámbitos fundamentais da actividade universitaria: docencia, investigación e transferencia. Así mesmo, busca fomentar a adecuación da oferta ás demandas sociais, reorientando a oferta docente, potenciando a formación continua, a actividade investigadora e a transferencia tecnolóxica e promovendo a mellora da calidade no sistema.

As universidades asinarán convenios de adhesión
Outra das novidades do plan reside na súa propia natureza, posto que se trata dun documento elaborado polo Goberno galego –coa colaboración das universidades– ao que deberán adherirse individualmente cada unha das tres universidades de Galicia, comprometéndose así a cumprir os obxectivos nel establecidos e garantindo, en consecuencia, a estabilidade financeira da súa institución durante o próximo quinquenio.


Deste xeito, e trala súa aprobación polo Consello da Xunta, cada universidade deberá asinar  un convenio coa Consellería, no que se detallará a execución do plan, unha folla de ruta que sentará as bases para a construción da universidade do futuro, máis moderna e imbricada coa sociedade.