DEPUTACIÓN ABRE O PRAZO PARA AS BOLSAS DE MESTRES COMPOSTEIROS

O Boletín da Provincia publica xa as bases da convocatoria das dez prazas de práctica laboral para os centros de compostaxe comunitario da provincia    
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o sábado 24 de outubro
A Deputación de Pontevedra, a través do Boletín Oficial da Provincia, publica este mércores as bases da convocatoria de dez bolsas de práctica laboral para mestres composteiros dependentes do organismo provincial. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o sábado 24 de outubro, dez días naturais despois da publicación do anuncio oficial. 
Deste xeito, segundo o vicepresidente provincial, César Mosquera, "cúmprense con feitos os compromisos adquiridos pola Deputación de Pontevedra para implantar nos concellos un novo sistema de tratamento de lixo máis económico e ecolóxico". A contratación de mestres composteiros é un dos tres eixos do Plan Compost do organismo provincial para dar servizo aos municipios: logo da formación e emprego do persoal especializado realizarase a selección dos proxectos de viabilidade dos concellos interesados e o subministro das instalacións de compostaxe tanto comunitarias como individuais.
As bolsas para mestres composteiros veñen de levantar un grande interese na cidadanía. Logo do anuncio foron moitos os veciños que xa solicitaron información e incluso enviaron o seu currículo, algo que non ten validez, polo que é preciso que dean os pasos oficiais para a formalización da súa candidatura. 

Pasos para a formalización 
Para participar no proceso de selección das bolsas para mestres composteiros os aspirantes deben seguir dous pasos:
-En primeiro lugar deben realizar unha preinscripción previa a través da páxina web da Deputación (www.depo.es) segundo o modelo oficial de solicitude, que deberá ser enviado virtualmente. Logo de cubrir e enviar ese documento débese descargar e imprimir o xustificante electrónico xerado pola páxina web. Nese xustificante inclúese un código único de preinscrición. 
-En segundo lugar, débese presentar o xustificante electrónico xerado na preinscrición, debidamente asinado, no Rexistro da Deputación xunto coa documentación requerida antes do 24 de outubro. 

Requisitos dos aspirantes
As bolsas de práctica laboral para mestres composteiros están destinadas a persoas desempregadas coa finalidade de completar a súa formación na área da xestión dos residuos orgánicos de orixe doméstico cara á súa incorporación ao mercado laboral.
Os aspirantes a estas bolsas deben estar en situación de desemprego e ter estudos mínimos de ciclo superior de FP. Deberán pasar unha proba de selección tipo test de 100 preguntas sobre conceptos básicos de Bioloxía, Química e Bioquímica, conservación do medio, efectos dos residuos e lexislación específica a nivel local, autonómico, estatal e europeo. Tamén se enfrontarán a unha entrevista persoal. A primeira parte terá unha puntuación máxima de cen puntos (será excluínte) e a segunda de vinte. O tribunal seleccionador estará formado por técnicos e funcionarios.
Os 20 mellores aspirantes pasarán a unha segunda fase: un curso de formación intensivo de entre seis e oito semanas (12 horas semanais) no que expertos recoñecidos no sector (de Cataluña, Navarra, Guipúzcoa ou Italia) se encargarán das explicacións. Tamén haberá clases maxistrais de profesores universitarios convidados. Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación, que obterán tamén a titulación de mestre composteiro (pendente de homologación polo Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente). 

A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian sendo creados. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis nunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitario e no asesoramento e divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.