Deputación : Silva insiste en su modelo de "goberno aberto"

A nova Deputación impulsa o goberno 

aberto a través da intervención de catro organizacións no Pleno provincial

A Federación Galega de Mulleres Feministas,
representantes de emigrantes retornados, a Asociación
de Veciños de Campelo e representantes de bombeiros
forestais tomarán a palabra no Pleno da Deputación
Seguindo co modelo de "goberno aberto" no funcionamento da nova Deputación de Pontevedra, a Presidenta Carmela Silva subliñou hoxe que "estamos impulsando medidas como a comparecencia, no Pleno, de cidadáns e colectivos de todo tipo". Así, o vindeiro mércores, 28 de outubro, participarán no pleno provincial a Federación Galega de Mulleres que están a organizar a marcha de mulleres do 7 de novembro en Madrid, representantes de emigrantes retornados, a Asociación de Veciños de Campelo (Poio) e membros dos bombeiros forestais. Posteriormente, haberá un debate político a través de mocións. En concreto, Silva anunciou que haberá unha moción con motivo da marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro,unha moción sobre os bombeiros forestais, outra relativa ós emigrantes retornados,  outra para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética e finalmente unha moción relativa ó proxecto de urbanización da estrada provincial de Campelo, Poio.
Polo demais, a Presidenta da Deputación informou que a Xunta de Goberno aprobou unha declaración institucional en apoio da inclusión dos concellos menores de 20.000 habitantes e deputacións como beneficiarios do programa operativo de crecemento sostible da Unión Europea FEDER 2014-2020. Carmela Silva destacou que a exclusión do FEDER das localidades máis pequenas, agrupacións de concellos e deputacións "limitará o desenvolvemento de amplas zonas rurais da nosa provincia e de todo o país polo que consideramos necesario que poidan acceder a este eixo de crecemento sostible dotado de case 1.000 millóns de euros para garantir o equilibrio e cohesión no conxunto dos territorios".  Ó respecto, a Presidenta da Deputación fixo fincapé que non se trata dunha exclusión plantexada pola Unión Europea senón que "foi o Goberno de España o que excluíu ós concellos menores de 20.000 habitantes, agrupacións de concellos e deputacións provinciais dos fondos FEDER argumentando que o obxectivo é potenciar os proxectos das grandes cidades".
Tamén na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, celebrada esta mañá, se aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da subministración, transporte e instalación de 450 unidades modulares de compostaxe na provincia de Pontevedra, cun prezo total (IVE engadido) de 230.000 €. Carmela Silva manifestou que "como xa o Vicepresidente da Deputación explicou, esta iniciativa ten por obxectivo potenciar a área de medio ambiente, cunha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de plantas comarcais de tratamentos biolóxicos e polo impulso da compostaxe comunal". Neste sentido, a Presidenta subliñou que a Deputación de Pontevedra ten a intención de acadar a instalación de 800 centros comunais que cubrirán as necesidades dun cuarto da poboación da provincia de Pontevedra (240.000 habitantes) e suporán para as familias un aforro de entre 40-45 € o ano e para os concellos un abaratamento no tratamento do lixo que permitirá dispoñer dunha maior liquidez para destinar a outros servizos públicos.
Por outra banda, a Presidenta deu a coñecer que, no marco da nova forma de goberno da Deputación na que os concellos son os protagonistas, a maiores da primeira reunión cos 52 alcaldes e alcaldesas de concellos de menos de 20.000 habitantes, Carmela Silva visitou xa 19 concellos da provincia. En concreto: A Guarda, A Estrada, A Illa, Bueu, Caldas, Cambados, Cangas, Catoira, Cerdedo, Lalín, Marín, Meaño, Pontecaldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Silleda, Vilaboa e Vilagarcía.
Silva, que visitará os 62 municipios da provincia ata finais de ano, subliñou que "estes 19 alcaldes e alcaldesas, de todos os partidos políticos, valoran moi positivamente o novo modelo de financiamento que plantexamos baseado na elaboración dun plan que permitirá dotar de recursos ó conxunto dos 62 concellos con criterios obxectivos, equitativos, rompendo coa discriminación e arbitrariedade que se viña producindo ata o de agora. É fundamental que as administracións estean de acordo para xestionar os recursos que van a incidir no nivel de vida dos veciños e veciñas, algo que ata o de agora non acontecía. De feito, o anterior presidente da Deputación nunca visitara os concellos de Catoira, Vilaboa e A Illa de Arousa".

Xa para rematar, a Presidenta da Deputación anunciou que o vindeiro 5 de novembro comparecerá no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas xerais do próximo orzamento da Deputación de Pontevedra.