11/10/15

Deputación y Concello de Bueu aseguran contactos para poner en marcha futuros proyectos comunes

A Deputación de Pontevedra e Concello de Bueu marcan a folla de ruta para a posta en marcha de futuros proxectos

Na súa primeira visita institucional a Bueu, a Presidenta Carmela Silva explicou ao alcalde, Felix Juncal, o novo modelo de financiamento a través do Fondo Local
A Deputación de Pontevedra e Concello de Bueu marcan a folla de ruta para a posta en marcha de futuros proxectos
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Felix Juncal, puxeron as bases da futura colaboración entre ambas as institucións para o desenvolvemento de plans de actuación do organismo provincial no municipio do Morrazo.
A primeira visita institucional a Bueu da Presidenta da Deputación desenvolveuse nun ambiente de máxima cordialidade e compromiso de traballo conxunto, "de igual a igual" insistiu Carmela Silva, seguindo o modelo que implantou o novo goberno provincial para que a Deputación de Pontevedra deixe de actuar como unha institución supramunicipal para ser intermunicipal e situarse á beira dos Concellos.
A Presidenta explicou ao alcalde de Bueu os detalles do Fondo Local, a fórmula que utilizará desde agora o organismo provincial para axudar a que os municipios poidan seguir financiando as demandas e servizos  básicos que prestan aos cidadáns. "Un Fondo que se realizará con criterios de equidade, xustiza e tendo en conta os distintos factores que afectan aos 62 concellos da provincia", dixo Silva, que volveu insistir en que "se terminou a época da arbitrariedade e a libre disposición".
Inauguración da escultura "Inés-Palmira" de José Solla
A Presidenta da Deputación e o alcalde de Bueu compartiron despois o acto de inauguración da escultura de José Solla, "Inés-Palmira". Trátase dun conxunto escultórico realizado pola Escola de Cantería, que se situou na contorna da Praza Massó de Bueu, e que xurdiu en virtude dunha subvención outorgada pola Deputación de Pontevedra, mediante un convenio de colaboración co Concello, por un importe global de 41.426´77, seguindo a directriz da institución provincial  de contribuír ao embelecemento de espazos públicos da nosa provincia a través de pezas escultóricas que promovan o achegamento da cidadanía á arte e  neste caso concreto coa finalidade de que o citado Concello renda homenaxe a un dos seus máis ilustres veciños.

O conxunto componse de dous muros de granito de 5´00 m. de longo por 3´00 m. de alto e 0´50 m. de ancho, con 284 debuxos de 0´50 cm. x 0´50 cm. , a modo de mosaico gravados e pintados seguindo o deseño realizado polo insigne pintor, José Solla. Conta  cun peso global aproximado de 33.264 Kg. e requiriu 12´32 m3 de granito, levando  máis de 3.500 horas de traballo por parte dos alumnos da Escola de Cantería, mediante a técnica de transporte dos debuxos dos vinilos ao granito en planchón e posterior pintado dos gravados.