FEIJÓO DESTACA O COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL CON GALICIA

O titular da Xunta asistiu, xunto co presidente do Goberno e a ministra de Fomento ao acto de posta en servizo da A-54, tramo de Palas de Rei- Guntín
  • Sinala que a A-54 non só permite vertebrar o interior conectando Lugo con Santiago senón que permite conectar a cidade da muralla co Eixo Atlántico
  • Subliña que percorrer a distancia que separa Santiago e Lugo a través dunha autovía libre de peaxe é gañar en seguridade, en prestacións e na competitividade da economía de todos os concellos e do interior de Galicia
  • Valora que o Goberno saque adiante infraestruturas como esta en plena recesión económica: “Nunca tanto se fixo nunha época tan mala como a que estivemos vivindo desde o ano 2011 ao ano 2014”
  • Lembra que nos últimos anos a Comunidade estivo nos primeiros lugares de investimento no que atinxe aos Orzamentos Xerais do Estado, superando os fondos destinados a Galicia entre o 12 e o 13% do total das contas estatais
  • Pon en valor os investimentos destinados ás infraestruturas galegas, destacando os 3.000 millóns de euros consignados para o AVE a Galicia, “para o AVE ao Noroeste”; os 850 millóns de euros consignados para finalizar o Eixo Atlántico; e os 1.200 millóns de euros consignados na Comunidade para as autovías
  • Avanza que nos vindeiros días poñeranse en servizo 11 quilómetros do corredor entre Bóveda e Monforte. Trátase dun compromiso da Xunta, que está investindo 230 millóns de euros en conectar a outra parte do interior de Lugo 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe en valor o compromiso do Goberno central con Galicia, que se reflicte na consecución da A-54, unha infraestrutura “fundamental para a vertebración do interior da Comunidade”. 

Como lembrou o máximo responsable autonómico, Lugo era unha das poucas cidades que non tiña nexo a Santiago por autovía, o que supoñía non ter acceso ao Eixo Atlántico. Neste senso, a A-54 non só permite vertebrar o interior conectando Lugo con Santiago senón que permite conectar a cidade da muralla co Eixo. 

Así o expresaba o titular do Goberno galego no acto de posta en servizo da A-54, o tramo entre Palas de Rei e Guntín, onde tamén acudiron o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, e a ministra de Fomento, Ana Pastor.

Como engadiu Feijóo, os 15 quilómetros que se puxeron en servizo hoxe entre Palas e Guntín súmanse aos tramos que se abriron no mes de marzo, así como ao recente tramo que a ministra de Fomento abriu no enlace de Vilamoure hai unhas semanas.

Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que percorrer a distancia que separa Santiago e Lugo a través dunha autovía libre de peaxe, “unha autovía do século XXI”, é gañar en seguridade, en prestacións e na competitividade da economía de todos os concellos e do interior de Galicia.

Por outra banda, Feijóo puxo en valor que o Goberno saque adiante infraestruturas como esta en plena recesión económica. “Nunca tanto se fixo nunha época tan mala como a que estivemos vivindo desde o ano 2011 ao ano 2014”.

Neste senso, Feijóo aproveitou tamén para destacar a Autovía do Cantábrico e recordou que Galicia contaba con dúas autovías que a conectan coa Meseta, pero non tiña ningunha autovía que a conectase coas cidades de Oviedo, Xixón, Santander e as cidades vascas ata o sur de Francia.

O compromiso do Goberno central con Galicia
O presidente da Xunta aproveitou para agradecerlle ao titular do Goberno central o seu compromiso con Galicia. Neste senso, puxo en valor que nos últimos anos a Comunidade estivese nos primeiros lugares de investimento no que atinxe aos Orzamentos Xerais do Estado, superando os fondos destinados a Galicia entre o 12 e o 13% do total das contas estatais.

“Dedicar a Galicia este investimento é cumprir coa palabra dada e cos principios básicos de equidade e de xustiza”, engadiu Feijóo.

Nesta liña, o responsable autonómico subliñou os investimentos destinados ás infraestruturas galegas, destacando os 3.000 millóns de euros consignados para o AVE a Galicia, “para o AVE ao Noroeste”; os 850 millóns de euros consignados para finalizar o Eixo Atlántico; e os 1.200 millóns de euros consignados na Comunidade para as autovías.

En total, “son máis de 5.000 millóns de euros en infraestruturas nestes últimos anos”, destacou o presidente da Xunta, “sen contar as infraestruturas que o Ministerio de Fomento protagonizou nos aeroportos e nos portos galegos”.

Como sinalou, “ben vale a pena agradecer cando un Goberno cumpre e este Goberno, a pesar das dificultades, cumpriu”, subliñou Feijóo. 

No que atinxe á folla de ruta de infraestruturas da Xunta, o titular da Xunta avanzou que nos vindeiros días poñeranse en servizo 11 quilómetros do corredor entre Bóveda e Monforte. Trátase dun compromiso da Xunta, que está investindo 230 millóns de euros en conectar a outra parte do interior de Lugo e en conectar Monforte con Sarria e Sarria con Ourense.


Con respecto a isto, Feijóo asegurou que a Xunta seguirá adiante tamén coas infraestruturas de alta capacidade entre Celeiro e San Cibrao; co acceso ao porto de Burela e co acceso ao Porto Seco de Monforte.