Feijóo inaugura el nuevo tiempo de salida de la crisis anunciando rebajas de impuestos y ayudas a la recuperación económica

No discurso do Debate do Estado da Autonomía, o presidente sinala que “houbo unha resposta galega á crise e por iso avanzamos agora cara a unha recuperación tamén galega”

FEIJÓO SINALA QUE “A RECUPERACIÓN DAS CONTAS PÚBLICAS SE DESTINARÁ Á RECUPERACIÓN DOS FOGARES” COA MAIOR BAIXADA DE IMPOSTOS NUNS ORZAMENTOS E MAIOR APOIO DIRECTO ÁS FAMILIAS
  • A LOITA CONTRA A CRISE “FOI POSIBLE ENTRE TODAS AS GALEGAS E GALEGOS” E, GRAZAS A ISO E Á POLÍTICA RESPONSABLE DA XUNTA, HOXE EN DÍA MUDARON AS SÚAS CAPACIDADES ORZAMENTARIAS, CONTANDO CON 400  MILLÓNS DE EUROS MÁIS PARA O VINDEIRO 2016
  • O PLAN CONTRA A DESIGUALDADE ECONÓMICA SUMARÁ NOVAS MEDIDAS ÁS XA APROBADAS CONTRA DESAFIUZAMENTOS E DE APOIO A ESCOLARES CON FAMILIA EN DIFICULTADES
  • O 99% DOS GALEGOS NON PAGARÁN SUCESIÓNS E DOAZÓNS EN FAMILIARES ASCENDENTES, DESCENDENTES E CÓNXUXES, PORQUE QUEDARÁN EXENTOS DESTE TRIBUTO OS PRIMEIROS 400.000 EUROS DE HERDANZA PARA TODOS 
  • A XUNTA TRABALLARÁ POR QUE GALICIA SEXA O LUGAR CON MAIORES ATENCIÓNS PÚBLICAS SANITARIAS E SOCIAIS Á INFANCIA, CON MEDIDAS COMO AXUDAS DIRECTAS PARA TODAS AS NAIS E PAIS NA MANUTENCIÓN E CRIANZA DOS FILLOS
  • O GOBERNO GALEGO CONCRETARÁ NOS ORZAMENTOS DO PRÓXIMO ANO 2016 UN PROGRAMA DE IMPOSTOS CERO NO RURAL, QUE SUPRIMIRÁ OS TRIBUTOS DA XUNTA NAS TRANSMISIÓNS DE SOLO RÚSTICO
 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que “a recuperación das contas públicas se destinará á recuperación dos fogares” coa maior baixada de impostos nuns orzamentos e maior apoio directo ás familias.

Como sinalou, o obxectivo é responder ás demandas populares de que os efectos da recuperación cheguen a todos os fogares, que se siga creando emprego, que se fortalezan os sectores primarios e que o impulso social e económico se complete tamén cun impulso territorial.

Na súa intervención no Debate do Estado da Autonomía, o responsable autonómico quixo lanzar a todos os galegos e galegas a mensaxe de que “Galicia ten futuro” e “é dona do seu futuro”, por iso, “eu procuro estar atento ao que Galicia diga”.

Neste senso, lembrou que o Goberno galego procurou dar respostas ás demandas dos cidadáns e así evitou os problemas derivados do déficit, controlou a débeda, mantivo e mellorou os servizos públicos esenciais- aos que hoxe se destinan 8 de cada 10 euros dos orzamentos- e blindou o autogoberno.

Do mesmo xeito, lembrou que a Xunta deu respostas reais tamén cando os cidadáns solicitaron trazar un camiño que fixese posible alcanzar o camiño da recuperación. E iso foi posible, como recalcou, grazas á recuperación do emprego, da economía, do consumo, da confianza e da fe nas posibilidades de futuro de Galicia.

Nesta liña, asegurou que a intención do Goberno galego é seguir dando respostas reais no novo contexto ao que Galicia se dirixe a través de “novas políticas e novos equipos que se adecúen ás novas demandas e ás novas aspiracións da xente”. Con respecto a isto, asegurou que “escoitar aos galegos é un exercicio preceptivo e vinculante para calquera goberno” e ese compromiso de seguir facéndoo ten o seu reflexo na renovación do Executivo autonómico, “concibida para unha situación económica e social que tamén está cambiando”.

O presidente da Xunta tamén fixo fincapé en que os Orzamentos para 2016 serán outro punto de inflexión para conseguir todos eses obxectivos, posto que “contarán cun aumento significativo de recursos” respecto ao exercicio actual, tratándose pois do “maior incremento orzamentario desde 2008, en coherencia coa mellor situación na que nos atopamos”.

Como lembrou Feijóo, “afrontamos o futuro máis inmediato cun Goberno renovado e cun presuposto reforzado, pero non podemos esquecer que o camiño que volve construír unha Galicia próspera empeza no traballo feito desde 2009, grazas á colaboración e ao esforzo de moitas galegas e galegos, e rematará cando o conxunto dos cidadáns se sintan parte dela”. 

A recuperación das contas públicas irá destinada á recuperación dos cidadáns
O presidente da Xunta puxo en valor que a loita contra a crise “foi posible entre todas as galegas e galegos” e, grazas a iso e á política responsable do Goberno galego, hoxe en día mudaron as súas capacidades orzamentarias, contando con 400  millóns de euros máis para o vindeiro 2016.

Segundo Feijóo, o incremento orzamentario de 2016 vaise destinar a que as galegas e os galegos perciban a recuperación directamente, nos seus fogares. Por tanto, reducirase o imposto da renda á gran maioría dos contribuíntes, de xeito que Galicia se situará entre as comunidades co menor IRPF autonómico de España para as rendas medias e baixas.

Actuacións para mellorar a calidade de vida dos máis vulnerables
O titular do Goberno galego lembrou que o compromiso coas persoas que teñen máis dificultades é unha das prioridades de Galicia e, como exemplo, fixo alusión á Lei de inclusión e ao aumento xeral das partidas neste ámbito, que son un 17,7% maiores que en 2014 e seguirán medrando en 2016; e ao maior apoio ás entidades de iniciativa social, que contan cun 80% máis de recursos que ao inicio da lexislatura. Así mesmo, referiuse ao aumento da partida para a RISGA, un 130% máis que en 2009; ao incremento das axudas de emerxencia social, que son un 50% máis que en 2009; ao mantemento do complemento das pensións non contributivas e ás axudas que reciben universitarios con dificultades para continuar os seus estudos.

Con respecto a isto, o máximo responsable autonómico asegurou que se vai a reforzar este compromiso social con medidas como o Plan de loita contra a desigualdade económica, aprobado en xuño e que se seguirá ampliando para que cheguen a todas as familias que o precisen e a todos os ámbitos onde sexa necesario. 

Segundo Feijóo, un dos eidos de actuación prioritarios é o relativo aos menores. Neste aspecto, referiuse ao convenio para facer chegar alimentos aos menores que o precisen nas vacacións escolares e ás axudas de 50 euros para material escolar, que se suman ás existentes para libros de texto. Do mesmo xeito, aludiu ao programa pioneiro de loita contra a pobreza para menores de 18 que acaba de impulsar a Xunta.

No que atinxe á loita para evitar os desafiuzamentos, o mandatario galego sinalou a ampliación de prestacións dos programas Reconduce e Realoxa e puxo en valor ter logrado que distintas entidades financeiras se comprometesen a que as familias poidan permanecer na vivenda e a poñer á disposición da Administración vivendas baleiras. 

Neste senso, lembrou que se iniciaron os trámites para crear un Rexistro de Vivendas Baleiras e aprobouse o Bono de Alugueiro Social, con axudas de 150 euros ao mes.

En definitiva, tomáronse “todas as medidas necesarias para despexar calquera risco posible que poida deixar a unha familia galega sen casa por motivos económicos”, engadiu.

Por outra banda, o presidente da Xunta anunciou que con efectos a partir do 1 de novembro o Goberno galego vai poñer en marcha un programa para evitar os cortes de luz por impagamento ás familias galegas máis vulnerables, asumindo o custo de dúas mensualidades da tarifa. Ademais, a Xunta seguirá axilizando a tramitación da RISGA para garantir aos seus beneficiarios que, unha vez que o seu expediente entre na Xunta, a lista de espera sexa cero.

Nesta liña, Feijóo anunciou que a Xunta facilitará maior autonomía a aqueles que teñen dificultades poñendo á súa disposición o material de apoio á mobilidade que precisen (andadores, cadeiras de rodas, camas articuladas…), a través dun servizo público de préstamo.

Igualmente, tamén propuxo que familias con baixos salarios poidan recibir tamén bonificacións do gasto de medicamentos equivalentes ás que xa recoñece a lei para os parados sen prestación ou os perceptores da RISGA.

Co obxectivo de integrar tamén as administracións locais e provinciais no labor que a Xunta e as entidades sociais coas que traballa están a desempeñar, o presidente avanzou que este mes se convocará os concellos a unha xuntanza para trazar un protocolo coordinado de actuación.




Medidas para favorecer a recuperación dos desempregados
Segundo o titular do Goberno galego, a mellor forma de inclusión é o emprego e, neste senso, lembrou que a situación mellorou tras 23 meses consecutivos de baixadas de desemprego e é mellor que cando comezou a lexislatura.

Con todo, Feijóo considera que os datos, pese a ser esperanzadores, son insuficientes para as persoas que buscan traballo e non o atopan, para os mozos desempregados e os parados de longa duración e para os cidadáns que desexan consolidar a súa pequena empresa ou emprender unha actividade laboral pero aínda teñen dificultades. 

Por iso, a Xunta vai seguir levando a cabo medidas neste eido. Neste senso, Feijóo avanzou que o Goberno galego dará continuidade ao Plan de emprego xuvenil, cuxas liñas de actuación xa beneficiaron a 48.000 mozos en 2014. 

Segundo engadiu, o paro xuvenil segue sendo inasumible e por iso é preciso afondar nos procesos de atención personalizada para orientar os mozos á mellor saída laboral; impulsar e ampliar a formación dual, para abrir novas oportunidades de acceso ao mercado laboral; continuar co programa de incentivos á contratación de mozos, con axudas entre 7.000 e 8.200 euros en cada caso; ou seguir subvencionando durante un ano a afiliación á Seguridade Social dos menores de 30 anos establecidos como autónomos.

Así mesmo, tamén se ampliará en 2016 o plan en vigor para parados de longa duración e con  cargas familiares, posto en marcha este exercicio e co que xa saíron do paro un total de 8.400 persoas. Deste xeito, os parados de longa duración seguirán sendo colectivo prioritario dos programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro e se reforzará a oferta formativa que se está a desenvolver. 

No que atinxe aos autónomos, pemes, comerciantes ou cooperativas, Feijóo lembrou que se teñen acometido medidas ao seu favor como as axudas para a contratación indefinida dos tres primeiros traballadores por parte dos autónomos; outorgáronse pemes e avais para pemes; apoiáronse máis de 1.100 proxectos; incluíronse deducións fiscais na Lei de emprendemento; e fíxose un esforzo para simplificar a posibilidade de abrir un negocio. 

Con respecto a isto, Feijóo indicou que se ten prevista a redución a 300 euros do capital mínimo para crear unha cooperativa, que é un dos aspectos máis innovadores do Proxecto de Lei de economía social que se está a piques de aprobar; e púxose en marcha o Programa Capacita, dirixido a mellorar a formación e a capacitación de 10.000 emprendedores, que chegou a máis de 4.000 pemes.

A recuperación para os traballadores: a baixada fiscal máis intensa
Pensando nos galegos e galegas que tiveron que “axustar a súa chegada a fin de mes para que outros puidesen ter algunha perspectiva de poder comezalo”, como os empregados públicos, Feijóo destacou as medidas que a Xunta está tomando para devolverlles os seus esforzos. Así, indicou que se comezou a aplicar nas últimas ofertas de emprego o aumento ata o 50% da taxa de reposición para os servizos públicos. 

Do mesmo xeito, anunciou que este mesmo mes se fará efectiva a devolución doutro 25% da paga extra correspondente a 2012, que se suma ao 25% aboado xa, e ao que seguirá o 50% restante, que será efectivo no 2016. Así mesmo, avanzou que se abordará coa mesa sectorial un mecanismo para que os concursos de traslados sexan máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade.

“O esforzo das familias galegas non é en balde”, apuntou Feijóo, por iso agora, “é tempo de recoller os froitos”. Con respecto a isto, o presidente da Xunta anunciou que “nos orzamentos de 2016 concretaremos a baixada fiscal máis intensa”, en coherencia coa “política fiscal que defendemos e en coherencia coa política fiscal que merecen os galegos despois destes anos”.

Nesta liña, lembrou que durante os anos de crise mantivéronse distintas rebaixas selectivas en eidos estratéxicos, como a demografía, a innovación, as enerxías renovables, o rural, a vivenda ou o sector do transporte. En total, son “case 190 millóns de euros de beneficios fiscais desde 2009 a 2014”. 

En 2016, segundo engadiu, ademais de afondar en rebaixas de impostos sectoriais, a Xunta reducirá o IRPF autonómico á gran maioría dos contribuíntes de xeito que Galicia será das comunidades cos tipos máis reducidos para as rendas baixas e medias. Anunciou que o 99% das galegas e galegos que reciban herdanzas como pais, fillos, netos, avós e cónxuxes non pagarán o Imposto de sucesións e doazóns, e que o 1% restante pagará menos. Isto é así porque, neste tipo de herdanzas, quedarán exentos de tributación os primeiros 400.000 euros e só se tributará a partir desa cifra. 

En definitiva, trátase dunha “baixada de impostos sen precedentes en beneficio de todos os galegos que non tería sido posible sen un esforzo sen precedentes de todos os galegos”.

Medidas de apoio ás familias
O presidente da Xunta destacou a necesidade de apoiar as familias e de loitar contra un problema estrutural que vén de décadas atrás, como é a crise demográfica. 

Segundo Feijóo “temos a ambición de que Galicia se sitúe entre os lugares con maiores atencións públicas sociais e sanitarias á infancia” e este é un dos principais obxectivos que terán que abordar os novos conselleiros de Política Social e de Sanidade.

Trátase de que Galicia conte con maiores prestacións non só para que nazan galegos senón para que se desenvolvan. “Facer deste país un lugar mellor para ter fillos pero, sobre todo, o mellor lugar posible para ser nena ou neno”, abondou.

Con respecto ao eido sanitario, Feijóo fixo fincapé en que Galicia iniciou a vacinación infantil antipneumocócica, que finalmente estendeu ao resto de España, e que aposta pola vacinación contra a varicela antes dos tres anos, incluída polo Ministerio no calendario nacional. Así mesmo, lembrou que Galicia insistiu en que se poida adquirir a nova vacina contra o meningococo B nas farmacias e conseguiuno, e terá sempre un calendario vacinal infantil ao máximo das posibilidades legais e orzamentarias. 

A isto, súmanse plans sanitarios concretos como o da prevención da obesidade infantil, que se leva desenvolvendo en Galicia desde marzo de 2014; ou da proba do cribado a recén nacidos, que é a máis completa de España.

No ámbito social, o titular da Xunta lembrou que Galicia é a Comunidade con máis axudas á natalidade. Deste xeito, os pais e nais non teñen que pagar as garderías a partir do segundo fillo e noutros casos non pagan nada se as súas condicións económicas non llelo permiten. Así mesmo, dispoñen de máis de 20.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos; teñen novos métodos de conciliación, como as casas- niño no rural ou o servizo de axuda no fogar para a infancia; contan con deducións na declaración da renda no caso das máis baixas; teñen prioridade á hora de solicitar as axudas ao alugueiro ou á adquisición dunha vivenda; e no caso das familias numerosas galegas, contan con bonificacións adicionais, por exemplo, no prezo do transporte metropolitano.

Nesta liña, Feijóo anunciou máis medidas, como seguir apostando pola flexibilidade laboral, que xa beneficia a 7.700 empregados públicos, e axudas directas á infancia, en consonancia cos países máis avanzados neste ámbito. Así, comprometeuse a ampliar o bono- gardaría para que as familias que queiran levar aos seus fillos a unha escola infantil, e non teñan praza nunha gardería da Xunta, reciban unha axuda. Tamén detallou a creación dun bono-coidador para o rural, naquelas zonas nas que non exista opción a gardaría. En terceiro lugar, avanzou que os nenos nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2016 recibirán unha axuda directa de 100 euros ao mes para gastos básicos como alimentación ou hixiene.

Con respecto a isto, o responsable autonómico fixo fincapé en que todas as mulleres e homes que decidan dar o paso de ter fillos “poden estar seguros de que se hai un Goberno que lles vai apoiar a eles e, por riba de calquera outra cousa aos seus fillos, é este”.

Os servizos públicos do futuro: a educación
Feijóo reivindicou a calidade dos servizos públicos de Galicia e referiuse á profesionalidade das miles de persoas que traballan na Educación Pública, na Sanidade Pública e nos Servizos Sociais Públicos; á viabilidade do Estado de Benestar, asegurada nos últimos anos; e a capacidade de seguir mellorando as prestacións e adaptándoas ás necesidades do futuro.

“O que lles propoño, por tanto, é adaptarnos como o fan o conxunto dos galegos, e deseñar conxuntamente a folla de ruta que asegure os nosos servizos públicos para o futuro”, apuntou.

Con respecto á Educación Pública, Feijóo cre que se ten un gran camiño andado “no triplo obxectivo de garantir que o seu acceso estea ao alcance de todos, que sexa trilingüe, e que mire ao futuro empregando para elo as ferramentas do futuro”. 

Así o corrobora o informe PISA, para o que Galicia é a comunidade cun sistema educativo máis equitativo, por diante de case todos os países da OCDE. Do mesmo xeito, Feijóo aludiu ao feito de que a taxa de abandono escolar estea hoxe no 18,8%, por debaixo da media nacional, sete puntos menor que a cifra que había en 2009. 

Para o presidente da Xunta, é fundamental consolidar un modelo educativo que non exclúa a ninguén e que garanta axudas para libros de texto (no último curso houbo máis de 90.000 familias beneficiadas) e para material escolar (que chegasen a máis de 81.000); que garanta o acceso ao comedor: hoxe hai 72.000 prazas sostidas con fondos públicos (un 23% máis que en 2009); e que garanta o transporte escolar, con máis rutas que en ningún outro lugar de España, á disposición de máis de 93.000 rapaces.  

Do mesmo xeito, ve fundamental que garanta as mellores infraestruturas (desde 2009, investíronse 74 millóns de euros para adecuar medio centenar de colexios ou institutos); que garanta unha maior oferta no caso da FP, que hoxe ten un 50% máis de prazas que en 2009, máis de 100 ciclos de nova creación, ou novas posibilidades como a FP a distancia; ou que garanta, no caso da Universidade, as taxas máis baixas de toda España.

Así mesmo, avanzou a elaboración dun plan que trace os instrumentos e os prazos necesarios para cumprir a dobre ambición de que todos os nenos galegos reciban as súas clases en galego, en castelán e en inglés e de dixitalizar completamente as escolas. Para isto, cóntase co Programa Abalar (que xa beneficia máis de 52.000 alumnos), así como coa Plataforma de Contidos Dixitais, que este ano xa permite acceso gratuíto a contidos curriculares en liña a máis de 6.000 rapaces. 

Segundo engadiu Feijóo, as tres patas que sustentan a transformación que está a vivir a Educación Pública son un mellor acceso, os idiomas e a tecnoloxía. 

Neste senso, fixo fincapé en que reforzar o labor e a autoridade docente ten sido unha preocupación nos últimos anos e seguirao a ser para manter a comunidade como a que ten máis profesores por alumno; para seguir reforzando a autonomía dos centros, a través dos contratos – programa (xa en vigor en 350 centros); para darlles máis instrumentos que aseguren a mellor convivencia nos centros, como fixemos a través da Lei de convivencia; ou para permitirlles que dediquen a práctica totalidade do seu tempo ao ensino. 

Con respecto a isto, anunciou que se vai promover a progresiva creación de prazas de auxiliares administrativos nos centros, comezando por aqueles que teñen máis de 400 alumnos nunha primeira fase, atendendo así unha demanda de máis de dúas décadas dos equipos directivos. 

No que atinxe ao ámbito da universidade, o titular da Xunta aludiu á simplificación da estrutura do Plan de financiamento universitario en vigor, así como á aposta polo financiamento baseado nos resultados. Segundo avanzou, ambos os criterios volverán a marcar tamén a proposta económica para os próximos anos que xa se ten acordado cos reitores e que garantirán case un 18% máis de recursos ata 2020.

Os servizos públicos do futuro: a sanidade
No eido da sanidade pública, Feijóo fixo fincapé en que non se conforma con que case oito de cada dez galegos pensen que o noso sistema sanitario funciona ben ou bastante ben, máis de 10 puntos por riba da media estatal, xa que cre que se pode mellorar. 

Segundo lembrou, hoxe os galegos teñen por lei dereitos dos que antes non dispoñían, como a segunda opinión, ou libre elección de médico ou de centro hospitalario; realízanse 188.000 intervencións ao ano nos hospitais galegos, 20.000 operacións máis que en 2009, máis que nunca na historia; e cóntase cun rendemento cirúrxico maior, que xa supera o 75% e medra a un ritmo dun punto por ano desde o 2009. Así mesmo, os pacientes con patoloxías moi graves agardan menos de 17 días por unha operación, menos de 51 os que teñen patoloxías graves, e o tempo medio de espera xeral reduciuse en 19 días nos últimos seis anos. Ademais, tal e como comprometeu o pasado, 5 de cada 10 galegos teñen un hospital público ou centro de saúde novo ou reformado na súa área sanitaria. 

No que ten que ver coas novas medidas, Feijóo anunciou que antes de que remate o ano a Xunta presentará a Estratexia Sergas 2020, cos principais retos que o Goberno galego asumirá xuntos cos máis de 36.000 profesionais que traballan nos 14 hospitais públicos, 480 centros de saúde e 90 PAC cos que conta o Sergas. 

Os ditos retos baséanse fundamentalmente en completar a modernización das infraestruturas, que está avanzada nunha altísima porcentaxe, pero que cómpre pechar ao 100%. Con respecto a isto, apuntou que antes de que remate o ano, iniciaranse os trámites para aprobar o Plan director do Hospital Público de Ferrol, iniciando xa en 2016 a súa reforma integral, comezando por unha das plantas de hospitalización; completaranse as obras do novo bloque cirúrxico no Hospital Público da Coruña; remataranse as ampliacións en marcha no Hospital Público de Ourense a do Hospital Público do Salnés, e iniciarase a que xa se está tramitando para o Hospital Público da Mariña.

Do mesmo xeito, todo iso farase como se fixo para equipar e poñer en servizo o novo Hospital Público de Lugo e como se fixo tamén construíndo e abrindo un novo Hospital Público en Vigo, a principal infraestrutura sanitaria feita en España nos últimos anos.  

Como engadiu o titular da Xunta, o segundo gran reto da Sanidade Pública é continuar coa incorporación das novas tecnoloxías, que están transformando –e están chamadas a seguir facéndoo- desde a xestión da nosa sanidade pública, ata a formación dos nosos profesionais e o xeito no que estes se relacionan cos cidadáns, que son os usuarios do sistema. 

Neste senso, destacou que hoxe Galicia xa é unha referencia neste sentido e a historia clínica ou a receita electrónicas xa son unha realidade que facilita o día a día de 2,7 millóns de galegos. Ademais, sinalou que neste 2015 finalizaranse os grandes proxectos innovadores que se están a impulsar no marco do Hospital 2050 e do Innova Saúde.

No que respecta ao terceiro reto sanitario, Feijóo referiuse á tecnoloxía e á necesidade de adiantarse para buscar solucións ás futuras doenzas e aos futuros pacientes da atención sanitaria. Para iso, levouse a cabo un proceso de estratificación poboacional, que permitiu identificar o estado de saúde de cada un dos case 2,5 millóns de galegos maiores de 14 anos. 

Como subliñou, a sanidade pública de hoxe ten que prepararse para as doenzas que serán máis comúns hoxe, pero tamén mañá, e nese senso, ademais de seguir deseñando accións específicas para os pacientes crónicos (hai preto de 800.000 galegos nesa situación), tamén se está avanzando para previr os cancros máis habituais, como o de mama ou o de colon. 

Por outra banda, Feijóo asegurou que se seguirán buscando alternativas para reforzar a capacidade de resolución na atención primaria, que hoxe realiza 1,4 millóns de consultas asistenciais máis cada ano, porque foi quen de reducir as citas administrativas; e abrir con máis intensidade o hospital cara a atención domiciliaria, que creceu desde 2009 un 32%, e posto que cada vez está sendo máis demandada polos galegos, debemos ser capaces de poder darlles resposta. 

Máis políticas sociais
Segundo engadiu, isto require un elevado grao de coordinación co sistema de servizos sociais públicos e tamén nese punto hai xa pasos dados moi importantes. Así, antes de que remate este 2015 entrará en vigor a Historia Social única, que integrará toda a información social dos galegos, e que supón o paso previo e imprescindible para a implantación da futura Historia SocioSanitaria. 

Do mesmo xeito, Feijóo subliñou a importancia de seguir abrindo prazas públicas de residencias, centros de día, e para persas con alzhéimer ou discapacidade (que xa se incrementaron nun 27 % desde 2009); de continuar afondando nunha atención máis flexible, como garante a Carteira de Servizos Sociais ao configurar os recursos por separado, en lugar de facelo por centros; de reforzar as axudas para persoas con discapacidade, como se fixo coa aprobación dunha lei específica para este colectivo ou cun novo modelo de transporte adaptado, que duplicou o número de usuarios. Do mesmo xeito, fixo fincapé na necesidade de continuar mellorando a atención dos dependentes. Neste senso, asegurou que Galicia xa é a segunda comunidade autónoma en achegar servizos a este colectivo e, o próximo ano, incluiranse no sistema 10.000 novos dependentes.  

Preparación do territorio do futuro
O presidente da Xunta subliñou a importancia de contribuír, desde todos os campos, a facer “una Galicia máis vertebrada e, así, máis unida”. Este labor de vertebración desenvólvese en varios eidos.

Un elemento esencial de cohesión é, hoxe en día, a tecnoloxía, “un dos que máis atención e recursos ten recibido por parte da Xunta nos últimos anos”. Así, 786.000 cidadáns que en 2009 non tiñan internet gozan agora de conexión a banda larga. “Imos ir máis alá e, polo Plan de banda larga 2020, comprometémonos a que todos os galegos teñan dentro de cinco anos cobertura de, cando menos, 30 megas” e a que “o 60% dos galegos (os que viven en núcleos de máis de 500 habitantes) teñan conexións por riba dos 100 megas”, apuntou.

No que concirne á vertebración que garanten as infraestruturas viarias e ferroviarias, Feijóo apuntou que os galegos gozan desde abril das vantaxes dun Eixo Atlántico que, malia a crise, puido completarse, e seguen avanzando as obras para facer realidade o AVE á Meseta. “Gustaríame que puxésemos xuntos en valor os avances do AVE e que seguísemos xuntos fronte a todos os que non queren para a nosa terra o que xa gozan para deles desde hai décadas”, aseverou Feijóo.

Respecto das estradas, a rede galega de altas prestacións é un 66% máis extensa do que era en 2009, para maior comodidade e seguridade dos cidadáns. Ademais, en 2016 catro de cada cinco galegos atoparanse a menos de 15 minutos dunha delas. No ano próximo poremos en servizo o Corredor Sarria-Monforte e a Autovía da Costa da Morte. Este ano comezarán as obras de ampliación da Autovía do Morrazo, ademais das obras xa iniciadas polo Goberno central na AP-9, nos tramos que faltan da Autovía Santiago-Lugo e da circunvalación de Pontevedra.

Por último, contribúe á vertebración o desenvolvemento da mobilidade. Así, o presidente destacou as bonificacións nas peaxes e que 65 municipios xa forman parte do Plan de transporte metropolitano, o que permitiu un incremento medio do 20% no uso do autobús. Sinalou que un eixo esencial que se ten que desenvolver é a intermodalidade, mediante o protocolo de billete combinado tren-bus, que permitirá chegar ata un dos aeroportos galegos desde calquera parte de Galicia cun billete único, e mediante o desenvolvemento das estacións intermodais. A este respecto, Feijóo indicou que “a Xunta cumprirá os prazos en cada caso”.

O xefe do Executivo galego tamén puxo o acento na protección do Medio Ambiente. Así, na área do saneamento das augas, desde 2009 construíronse 35 depuradoras que dan servizo a 1,2 millóns de galegos. Estase tamén impulsando o saneamento das rías de Ferrol, Vigo, Arousa e o Burgo, e con carácter inmediato impulsarase o da ría de Pontevedra. Por outra banda, a xestión de residuos mellorou ao facer que os puntos limpos estean á disposición de 9 de cada 10 galegos e grazas ao investimento de 30 millóns de euros que se realizou na planta de Sogama. 

Feijóo lembrou que a nova Lei do solo, xa remitida ao Parlamento, ten como obxectivos “blindar o desenvolvemento sustentable de Galicia” e “dar o paso definitivo a prol dun urbanismo responsable”. Como apuntou, este texto é o resultado dun amplo proceso de participación pública no que foron consultados máis de 75 axentes sociais e no que se aceptaron o 80% das alegacións recibidas. Son cifras que proban que “aspiramos a unha Lei do solo de país, capaz de perdurar no tempo”. 

Segundo engadiu, “vertebrar o noso territorio, protexelo, é en ambos os casos inútil se aceptamos como algo normal que o 93 % dese territorio se vexa como algo secundario para  os nosos intereses sociais e económicos”, dixo en alusión ao medio rural. 

Por este motivo, cre que repensar o rural é unha tarefa que cómpre completar desde unha dobre perspectiva: o rural ten un problema de abandono e ten un problema de avellentamento. 

Medidas de apoio ao sector primario
Con respecto a isto, lembrou que os últimos anos foron especialmente produtivos para dotarse dun corpo normativo, coa nova Política Agraria Común e coa Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia que –xunto ás leis de mobilidade de terras e de montes impulsadas na pasada lexislatura– contribuirá a mellorar a base territorial das explotacións e, polo tanto, potenciar a súa competitividade. 

Igualmente, os últimos anos serviron tamén para poñer de manifesto que o aproveitamento económico do noso rural non é algo ilusorio. Así, hai datos que avalan a recuperación tamén neste ámbito, como o feito de que a produción do sector leiteiro creceu un 14% entre 2010 e 2015; a produción media por explotación medrou un 23% entre 2009 e 2015; a produción de carne da IXP Tenreira Galega subiu un 21,5% desde 2009; a facturación conxunta da industria madeireira medrou nun 4,5% en 2014 e acadou a mellor cifra desde 2008; o valor da produción ecolóxica duplicouse desde 2009 ata acadar os 31 millóns de euros; e as exportacións dos nosos viños creceron en máis de seis puntos nos últimos catro anos.

Para sacar partido das fortalezas do rural, Feijóo lembrou que Galicia conta co Programa de desenvolvemento rural 2014-2020, que supón unha contribución de 1.185 millóns de euros que chegarán ao noso agro a través de distintas actuacións; e co compromiso efectivo de todo o Goberno de reforzar a aposta pola comercialización e transformación dos produtos agrarios, que é unha tendencia consolidada nesta lexislatura (hoxe hai un 40% máis de recursos para este fin) e que se continuará. 

Por outra banda, Feijóo subliñou o compromiso da Xunta de concretar nos orzamentos do próximo ano 2016 un programa de impostos cero no rural, que suporá rebaixas en todos aqueles tributos que son competencia da Xunta. Así, as transmisións de fincas e solo rústico non tributarán por transmisións patrimoniais. Igualmente, as transmisións e ampliacións de explotacións agrarias tampouco tributarán por este imposto. E as agrupacións de fincas rústicas non tributarán polo Imposto de actos xurídicos documentados.

Segundo engadiu, quere que os mozos vexan nesta aposta polo rural opcións reais de futuro e cre que a súa incorporación pode ser moi útil para afondar da diversificación do rural.

No que alcanza ao sector lácteo, o presidente da Xunta asegurou que se lle seguirá dando unha relevancia especial. Así, seguirá estando ao seu carón aínda cando as decisións non dependan da Administración autonómica directamente, como o estivo nas negociacións para alcanzar un acordo pioneiro entre os produtores, a industria e a distribución. 

Así mesmo, asegurou que a Xunta tamén seguirán impulsando decisións concretas coas que o seu compromiso será palpable. Como proba disto, sinalou a previsión, a curto prazo, de inxectar 10 millóns de euros para facilitar préstamos aos donos das explotacións, así como o anticipo de 70 millóns de euros de axudas da PAC antes de que remate o ano; a medio prazo, destacou a aposta decidida polo leite galego, promocionando –de todos os xeitos posibles— a marca Galega 100%; e a longo prazo, puxo en valor a promoción dunha maior industrialización do sector lácteo, para o que –xa lles adianto-- poñeremos a disposición un total de 30 millóns de euros. 

No relativo aos montes galegos, o presidente da Xunta fixo fincapé en que, no marco da revisión do Plan Forestal de Galicia que está en marcha e que se prevé pechar en 2016, seguirase apoiando aos propietarios a reforestar as terras; seguirase acompañando as empresas do sector, sabedores de que o 70% delas están en núcleos de menos de 5.000 habitantes; e seguirase apostando polas agrupacións de propietarios para a xestión conxunta dos montes: a previsión é que no prazo dun ano haxa constituídas en torno a 25 SOFOR. 

No que concirne ao sector da pesca, o titular do Goberno galego destacou logros importantes como o incremento, no período 2012-2014, dun 13% de cota e dun 55 % do seu valor; o resultado da negociación do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro, que nos levou a avanzar no reparto porcentual no contexto español, pasando dun 44% no período 2007-2014 a un 51% para o 2014-2020 e que nos permitirá dispoñer de case 500 millóns para investir e apoiar ao sector nesta nova etapa.

Este traballo previo posibilita agora abordar neste ano tarefas clave neste sector nunha cuádrupla liña coa posta en marcha dun Plan de desenvolvemento da pesca artesanal e mellorando os custos dos barcos mediante a substitución do combustible actual por gas; coa conversión a unha actividade plenamente profesionalizada e no reforzamento dun compoñente de cultivo acuícola que permita ir máis alá do que o mar produce por si mesmo; coa achega dunha maior seguridade xurídica e axilidade na tramitación dos novos proxectos grazas á nova Lei de acuicultura de Galicia, pioneira na Unión Europea e co reforzo das liñas de orientación da industria conserveira grazas ao novo Plan estratéxico da conserva, e que abordará desde as condiciones de acceso ás materias primas, ata o reforzo da competitividade ou no uso das novas tecnoloxías.

No que se refire á costa, Feijóo afondou na necesidade de buscar novas fórmulas de diversificación. Así, seguindo o ronsel dos 427 proxectos desenvolvidos neste período e o mandato ditado o pasado ano neste mesmo proceso neste Parlamento, os  Grupos de Acción Costeira disporán de arredor de 60 millóns de euros para seguir traballando nesa liña

Seguir impulsando a industria galega, a innovación e a internacionalización
O titular do Goberno galego puxo en valor que Galicia está sendo capaz de recuperar a produción industrial (no que vai de ano medrou un 3,8 %, por riba da media nacional); que o turismo está logrando un ano histórico, con máis viaxeiros e máis peregrinos ca nunca, e liderando as estatísticas en todo o Estado; e que o sector da tecnoloxía foi quen de consolidar o emprego nesta durísima crise, manténdose por riba dos 15.000 traballadores desde 2010.

Do mesmo xeito, lembrou que a industria téxtil está recuperando os índices de produción, que creceron un 16,9 % no que vai de ano; que o sector eólico continúa o seu percorrido a través do concurso aprobado a pasada lexislatura. Nesta liña, apuntou que o 85% dos megavatios previstos seguen adiante e, de feito, xa están autorizados parques que conxuntamente, supoñen un investimento de case 360 millóns de euros. 

Así mesmo, apuntou que se logrou un futuro esperanzador para o sector da automoción, sobre todo despois de que Citröen adxudicase á factoría de Vigo a produción dos novos vehículos da marca (que supoñerá poder producir 2 millóns de unidades en 10 anos e investimentos de máis de 500 millóns de euros). 

Por outra banda, Feijóo destacou o mérito de que o estaleiro público de Navantia volva ter pedidos e que, sen estar aínda nunha situación óptima, hai boas expectativas de que siga habendo boas noticias pronto.  Así mesmo, puxo en valor que, con pedidos por valor de 1.900 millóns de euros, hoxe todos os estaleiros galegos teñen carga de traballo.  

No que atinxe a este último punto, quixo lembrar o compromiso da petroleira Pemex  para a construción de dous floteis, o cal foi obxecto dun longo debate tanto dentro como fóra do Parlamento. Neste senso, ironizou dicindo que a oposición estaba no certo: non era certo que houbera dous floteis, porque, agora sábese que había tres. 

Entre os obxectivos da Xunta para o futuro, Feijóo destacou o de seguir facendo de Galicia un territorio cada vez máis atractivo para investir, que dea máis facilidades, de xeito que se apoiarán as aceleradoras de empresas (como o Open Future de Santiago, Vía Galicia en Vigo e Lugo, ou Agrobiotech en Ourense). Con respecto a isto, profundou tamén na necesidade de seguir dando máis espazo para investir, e por iso a Xunta manterá as bonificacións de entre o 30 e o 50% aprobadas este ano para comprar solo empresarial (que xa permitiron vender case 340.000 metros cadrados, cifra que supera con moito as vendas dos dous anos anteriores xuntos e sitúanas ao nivel de 2008).

Do mesmo xeito, continuarase con máis liñas de financiamento. Neste senso, como lembrou, no que vai desta lexislatura, en materia de promoción económica aprobáronse case 3.000 proxectos empresariais que mobilizaron investimentos que roldaron os 400 millóns de euros.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que o Goberno galego seguirá afondando no Plan de diversificación industrial. Así, igual que se aprobou a Estratexia de impulso á biomasa; que se reforzou a aposta polos investimentos de gasificación e que se materializou a decisión de que Galicia poida aspirar a ser un polo tecnolóxico no ámbito aeronáutico, o presidente da Xunta anunciou o desenvolvemento dunha Estratexia de apoio á biotecnoloxía, cunha liña de actuación prioritaria: un programa para que as pemes do sector teñan apoios cando máis o precisan, á hora de madurar os proxectos e crear activos para o mercado.

Outro piar polo que o presidente da Xunta apostou por seguir apostando é o da innovación. Neste ámbito, sinalou que o Goberno galego conta para iso coa Universidade, coa que está apoiando directamente o labor de case 400 investigadores. Do mesmo xeito, tamén están á súa disposición os tres institutos de investigación sanitaria que acollen a 107 grupos de investigación con máis de 1.100 investigadores. 

Do mesmo xeito, lembrou que a Xunta reforzou o papel dos centros tecnolóxicos, directamente a través dos contratos programa e tamén a través das Unidades Mixtas de Innovación creadas en sectores estratéxicos; e igualmente seguen garantidos recursos públicos. Neste senso, apuntou que do mesmo xeito que desde 2013, un terzo do investimento da Consellería de Economía se destina a innovación, no futuro tamén está garantida esta aposta, toda vez xa está aprobada a Estratexia de Especialización Intelixente (con 1.600 millóns de euros mobilizados ata 2020). 

Como destacou, “Galicia está nunha boa posición para buscar, no novo contexto, unha maior competitividade a través da innovación”. E iso é o que se propón continuar con máis intensidade, continuando o Programa Oportunius, para poder apoiarse no principal valor para innovar: o talento dos científicos; a través do novo programa para facilitar a incorporación de 200 mozos ás actividades de I+D+i das empresas; e continuando o desenvolvemento do modelo de Industria 4.0. Así, os orzamentos de 2016 incluirán unha nova axuda para os procesos de innovación neste ámbito, que combine subvención a fondo perdido con préstamos cara a facilitar a aproximación das pemes á fábrica intelixente. 

No relativo á internacionalización, Feijóo destacou que o número de empresas galegas exportadoras medrou un 28,5% desde 2009, rompendo a barreira das 6.000; así como o volume das exportacións, que creceron un 28%, acadando os 17.825 millóns de euros en 2014 (que é xunto co 2013 un ano histórico neste sentido). 

Neste senso, o presidente  apuntou que o orzamento neste ámbito é hoxe un 25% superior que ao inicio da lexislatura. Así mesmo, sinalou que as políticas de internacionalización da Xunta seguirán da  man de emprendedores, das cámaras de comercio ou dos galegos no exterior e, con este obxectivo de coordinación, creouse un Foro de Internacionalización coas principais empresas exportadoras de Galicia. Ademais, a Rede Pexga xa asiste a calquera galego que queira internacionalizarse en mercados como México, Estados Unidos, Colombia, Brasil, Marrocos, Rusia, Reino Unido e China. 

Cara ao futuro, Feijóo anunciou que a Xunta traballa en novos destinos e pronto se materializarán coa apertura de antenas de internacionalización en Dubai, Alemaña e Chile. 

O primeiro DEA dunha nova etapa de esperanzas fundadas
O presidente da Xunta referiuse ao Debate do Estado da Autonomía deste ano como o último da lexislatura pero o primeiro dunha nova etapa de esperanzas fundadas xa que “se algo caracteriza a este Goberno”, desde que viñan mal dadas ata a esperanza que agora se recobra é que “cremos en Galicia”.

Neste senso, fixo fincapé en que “o bo camiño de Galicia non foi outro, todo este tempo, que seguir ás galegas e aos galegos”. Seguilos sen entorpecelos e séndolles útiles con medidas como o Plan de modernización da Administración, que continúa na senda de acadar o papeleo cero na súa relación cos cidadáns; a fornecer a Xustiza con máis medios humanos, tecnolóxicos e tamén infraestruturas; ou a sacar adiante un programa de impulso democrático para loitar contra o descrédito dos seus representantes.

Do mesmo xeito, puxo en valor outras actuacións que se levarán a cabo como o Plan de dinamización lingüística entre os mozos; a Lei de patrimonio cultural que se está a elaborar ou a Lei de museos que tamén se impulsará para facer destes espazos algo vivo e adaptado ao público dos nosos días. 

Tamén se referiu a accións específicas, como a recente declaración BIC do patrimonio das antigas caixas de aforro e a posta en marcha do dominio puntogal, unha fiestra aberta para mostrarnos no mundo.

Por outra banda, Feijóo sinalou que, nesta lexislatura, a súa teima fundamental foi salvagardar un elemento esencial sen o cal todo o demais carece de base de sustentación e que é a cohesión social. Neste senso, sinalou que a Xunta non tivo medo a gobernar.


Con respecto a isto, puxo en valor que “houbo unha resposta galega á crise e por iso avanzamos agora cara unha recuperación tamén galega”.