26/10/15

Feijóo sinala que custou moito á xente chegar ata aquí e poder baixar impostos como para que agora volva o PSOE a botalo todo a perder

O líder do PPdeG invitou aos socialistas a que “mellor non volvan tocar nada, que xa fixeron bastante”
  • Apunta que mentres que antes tiña que elexir que partidas do orzamento baixaban este ano puido decidir cales subían, deixando a Lugo como a provincia cun maior investimento por habitante
  • Contrapuxo a acción dos gobernos populares cos gobernos de coalición PSOE-BNG e afirmou que non é o mesmo “gobernar” que “querer gobernar”
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou na mañá do domingo que custou moito á xente chegar ata aquí e poder baixar impostos como para que agora volva o PSOE a botalo todo a perder. Por todo isto Feijóo invitou aos presentes a dicirlle ao PSOE o próximo 20D que “non toquen a economía, non toquen o emprego, non toquen os impostos. Non toquen o imposto de sucesións que suprimimos en Galicia”

Con todo o que custou arranxar a recesión que deixaron agora din que volven co mesmo equipo de Zapatero, con todo o paro que deixaron agora queren voltar facer política laboral ao seu estilo e co que custou baixar os impostos agora din que queren subilos empezando polo de sucesións, indicou o presidente do PPdeG. Miren, señores do PSOE, mellor non volvan tocar nada, que xa fixeron bastante, aseverou.

Para Feijóo, chegar a esta situación “non foi sinxelo nin para a xente nin tampouco para os que optamos por gobernar con responsabilidade”. Así, nas súas verbas, para chegar á recuperación houbo que pasar por ter que “dar malas noticias” e “dicir moitas veces que non para hoxe poder empezar a dicir que si, que hai un presente mellor que o pasado que este pobo non merecía e un futuro por diante no que podemos recobrar a confianza”.

Para Feijóo custou moito ás familias e aos gobernos responsables evitar un rescate “ao que parecíamos condenados”, pagar as facturas dos caixóns, reconducir a senda de destrución de emprego herdada e chegar ao punto de poder baixar o IRPF. En definitiva, “ir deixando atrás a recesión e poder empezar a ver agora algo de recuperación”.

NON ESTÁ TODO FEITO, PERO O CAMIÑO ESTÁ DESPEXADO
O dirixente popular dixo que, aínda que, polo seu “compromiso coa verdade”, non se pode falar de que está “todo feito ou que no hai dificultades” si se pode dicir que “agora hai un horizonte despexado, un futuro certo e esperanzas fundadas”.

No marco dun xantar popular con 1000 simpatizantes e afiliados do PP da provincia de Lugo, ao que acudiu acompañado da secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, Feijóo indicou que neste momento “hai un paro que baixa e unha economía que crece”. Así, en relación á automoción e ao naval, dixo que “onde había ausencia de pedidos agora hai carga de traballo” pois “a calidade do traballo dos galegos é valorada”.

Do mesmo xeito engadiu que mentres non hai moito había que escoller as partidas dos orzamentos que tiñan que descender agora “puidemos escoller cales incrementar” ao fío do que sinalou que os Orzamentos recén aprobados colocan a Lugo como a provincia que recibirá por parte do Goberno autonómico un maior esforzo investidor por habitante.

OS POPULARES GOBERNAN
O presidente do PPdeG contrapuxo a acción dos gobernos populares cos gobernos de coalición PSOE-BNG e afirmou que non é o mesmo “gobernar” que “querer gobernar”.

Así, dixo, que mentres nos últimos 20 días os populares na Xunta foron quen de renovar o Goberno, facer o DEA, aprobar cincuenta resolucións, presentar os Orzamentos, unha nova Lei, dar axudas aos gandeiros e abrir varios treitos de autovías –Lugo-Santiago e Sarria-Monforte- o novo goberno da Deputación de Lugo non fixo “absolutamente nada, nin tan sequera repartir competencias”.


“Non respectaron nin os 100 primeiros días do Goberno que gañou na provincia. E agora, día a día, o que fan é faltar o respecto de todos os cidadáns de Lugo” pero “non todos somos iguais, uns estamos só no goberno cando gañamos e outros non son capaces de comprometerse a respectar que en España goberne o máis votado”, concluíu.