25/10/15

GALICIA RECOLLE O TESTEMUÑO DA ORGANIZACIÓN DE WOMEX PARA A EDICIÓN DE 2016

O CONSELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN RECOLLE O TESTEMUÑO DA ORGANIZACIÓN DE WOMEX PARA A EDICIÓN DE 2016 EN GALICIA 

Román Rodríguez incidiu na repercusión que a celebración do evento en Santiago de Compostela terá para toda Galicia e para a súa industria musical  

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,  recibiu hoxe de mans do Goberno de Hungría o testemuño para que Galicia sexa a anfitrioa do próxima Womex, o meirande mercado internacional da world music, que celebrará a súa edición de 2016 en Santiago de Compostela.  O secretario de Estado para Recursos Humanos do Goberno húngaro, Bence Rétvári, foi o responsable de representar ao goberno maxiar neste acto institucional de traspaso de organización que se desenvolveu no marco da actual edición da feira, que remata este domingo 25 en Budapest.

Ao acto, ademais de autoridades e delegados internacionais desprazados estes días á feira, participaron a concelleira responsable de asuntos culturais da capital húngara, Alexandra Szalay-Bobrovniczky; o embaixador de España en Hungría, José Ángel López Jorrín; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela, Marta Lois.

Unha grande oportunidade para o sector
Román Rodríguez agradeceu aos organizadores da feira e aos anfitrións a acollida á delegación galega deste Womex 15. Así mesmo, sinalou que o Womex 16 unha gran oportunidade para a música da nosa terra, para a cidade de Santiago e, en definitiva, para a proxección internacional de Galicia e da súa cultura. Non en balde, o ano pasado participaron na feira celebrada no complexo do Gaiás 200 xornalistas –a maioría deles internacionais–, e o maior número de delegados da historia do evento no último lustro. Así as cousas, o éxito da cita calculouse nun retorno en termos de impacto económico directo e indirecto de arredor de 2,5 millóns de euros.

Neste sentido Román Rodríguez salientou que a organización deste evento supón un novo paso cara a internacionalización da nosa música e da nosa industria musical, e cara a presentación diante do mundo de Galicia como un lugar cun discurso cultural propio e como un destino turístico de calidade; acción todas elas que entroncan directamente coas políticas prioritarias da Xunta de Galicia.

“Hoxe – dixo o conselleiro- Galicia toma o testemuño do oriente europeo para continuar un camiño, o de Womex, que ofrece e trae concordia e cultura, dous piares do desenvolvemento”. “Desde o Goberno galego comprometémonos a facer honor á tradición hospitalaria xacobea e que Galicia e Santiago sexan, de novo en 2016, para a gran familia de Womex, a súa casa”, engadiu.

Tras as intervencións institucionais, o acto contou coa música en directo a cargo do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, quen simbolizou o encontro da música tradicional galega coa centroeuropea a través dunha interpretación compartida cunha formación de música popular húngara. 


Doutra banda, a xornada tamén incluíu unha reunión entre o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, co director de Industrias Culturais de Colombia, Ángel Moreno. Foi un encontro preparatorio para a participación galega no MICSUR 2016, o Mercado de Industrias Culturais dos países de Mercosur, que se celebrará o vindeiro ano en Bogotá.