13/10/15

Incrementan en un 35% las ayudas a los Concellos para la promoción de la Igualdad

A XUNTA INCREMENTA NUN 35 POR CENTO AS AXUDAS AOS CONCELLOS GALEGOS PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE 2015
  • As axudas son para os programas de fomento da conciliación familiar, prevención e tratamento da violencia de xénero e apoio aos CIM 
  • López Abella incidiu que o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía, é o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade e a erradicación da violencia de xénero. 
  • A resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres
  A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella compareceu hoxe en rolda de prensa onde explicou as axudas aos concellos galegos para a promoción da igualdade que ascenden a un importe de 4,6 millóns de euros, que foron incrementadas nun 35 por cento con respecto ao ano 2014.  A resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres. 

Segundo relatou López Abella, o o Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas para o Programa de fomento da conciliación; para o Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e para o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), por un importe de 4.660.133 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.

A secretaria xeral incidiu que o ámbito municipal e recoñecido pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Con este fin, recóllese un marco de axudas públicas para o financiamento de medidas e actuacións desenvolvidas polas entidades locais ao abeiro de tres programas: 
  • Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. 
  • Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. 
  • Programa de apoio aos centros de  información ás mulleres (CIM).
A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación,que engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; entre esas medidas están os bancos de tempo e outras. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A segunda liña de axudas é o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que inclúe as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 € no caso dunha solicitude individual e ata 20.000 € se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

Apoio aos CIM
E finalmente, está o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), que ten coma obxectivo  reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, son subvencionables a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade, de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 €, e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Ademais, como vén sendo habitual, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se priorizarán as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, que recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.