Los primeiros ejemplares se presentarán en el Culturgal 2015 : estampas de niñez de Castelao constituyen unidad didáctica

La Diputación editará una unidad 

didáctica sobre las estampas de 

niñez de Castelao


A Deputación editará unha unidade didáctica baseada nas estampas de Castelao sobre nenos e nenas, que permitirá achegar parte da súa obra ao alumnado de centros educativos e vinculala coa celebración do Ano Castelao e da conmemoración do centenario da chegada do autor a Pontevedra, ambos acontecementos previstos para o ano 2016.
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, mantivo esta mañá unha xuntanza cos autores da unidade didáctica, Diana Vilas Meis e Óscar Rodríguez García, para coñecer máis polo miúdo a organización do material e concretar o contido dun dos capítulos que estará dedicado ao Museo provincial. Para este capítulo, a Deputación colaborará poñendo a disposición dos autores o asesoramento técnico do Gabinete Didáctico do Museo. Neste sentido, Xosé Leal destacou "o protagonismo da Deputación no impulso dun material que permitirá difundir entre a mocidade un contido directamente conectado con acontecementos de gran relevancia ao redor de Castelao previstos para o vindeiro ano".
As estampas sobre nenos e nenas que serven de referencia para esta unidade didáctica están recollidas do álbum Nós, do xornal Galicia, do xornal Faro de Vigo, e da revista Nós editada en Ourense.
A unidade didáctica abordará diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX, na que os cativos e cativas son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. Permitirá un uso pedagóxico transversal que poderá encaixar tanto en literatura galega, como en ética ou ciencias sociais. O tramo de alumnado ao que irá dirixido abranguerá desde 4º da ESO ata 2º de Bacherelato.
Esta unidade didáctica estará estruturada en 6 capítulos. O primeiro deles versará sobre 'A vida no fogar' e abordará temas como a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo estará protagonizado por 'A vida na escola' e versará sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. No terceiro, sobre 'O tempo de traballar', estudaranse os traballos do fogar e os de fóra do fogar, o cuarto será 'A Galiza de Afonsiño' e incluirá información sobre os foros, o agro, a pesca, as conserveiras e a emigración, e o quinto abordará 'A evolución e as transformacións políticas'. O sexto capítulo será o que tome o Museo de Pontevedra como tema principal, atendendo ao papel de Castelao como fundador desta institución museística e á circunstancia de que é o museo que posúe e ten en depósito o maior número de obras deste autor.
Nunha primeira fase, a Deputación editará esta unidade didáctica en formato papel e, no futuro, non descarta estudar a edición en e-book. Os primeiros exemplares en papel presentaranse en decembro, no transcurso da presente edición do Culturgal.

Os autores desta unidade didáctica, Diana Vilas Meis e Óscar Rodríguez García, ambos mestres e investigadores, son tamén os autores do libro 'Cousas de nenos. Unha aproximación á representación da infancia en Cousas da Vida de Castelao'. Esta obra de investigación sobre unha faceta do autor que ata o momento non estaba moi estudada foi editado polo Servizo de Publicacións da Deputación no presente exercicio.