O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas valora a
visita do comisario Karmenu Vella a
Galiza pero que non debe ser só de carácter “turística-gastronómica”. Esiximos
que o Goberno galego traslade a Vella a realidade dos problemas do sector do mar pola aplicación da PPC
comunitaria.
O portavoz de pesca do BNG reclámalle un compromiso real ao presidente Feijóo, coa pesca galega.
Para o
parlamentario, “xa está ben de facer
turismo e non enfrontar a situación
dramática pola que está atravesar o noso sector marítimo pesqueiro”.
O BNG,
pídelle ao presidente da Xunta que aproveite a visita do señor Karmenu Vella
para que, ao igual que aconteceu coa arte do xeito que pretendían prohibir por
ser altamente depredadora o convide a sentarse con todo o sector da pesca de
Galiza, con todo o Consello Galego de Pesca, máximo órgano de consulta, e cos
portavoces da Comisión de Pesca do Parlamento galego, para que se faga unha
idea das consecuencias que ten lexislar tan apartado da realidade pero sobre
todo que teñamos renunciado a exercer as nosas competencias sobre as nosas
augas. “Pedímoslle que se poña e lle poña deberes ao señor Karmenu Vella”.
Rodas,
quer trasladar a Feijóo a necesidade de
exercer a capacidade política que lle outorgaron os galegos. “Esixímoslle
vontade política para enfrontar os problemas da pesca e sexa por unha vez o presidente dos
mariñeiros, bateeiros e mariscador@s. Non deixe que outros decidan por nós.
Levántese contra quen quere que o noso
futuro sexa o despezamento e o abandono da actividade”.
Repartos de cotas que divide e desregula ao sector
O
deputado salienta que dende o ano 1986, seguimos sometidos ao Principio de Estabilidade
Relativa con un reparto en especies compartidas abusiva. Mentres no reparto da
xarda as Illas Ferou lles corresponde 132.000 ton, Galiza non pasa das 4.000 e mentres no rape en augas comunitarias temos
unha cota ridícula, “deixase se pescar o
30% do Tac” que representa 14.000 ton.
“A
imposición do reparto de cotas individual está dividindo, enfrontando e desregulando ao sector. Vémolo na volanta, no
arrastre e no cerco, como semanalmente realizan concentracións, asembleas,
manifestacións,... reclamando un reparto que lle permita pescar sen mentiras e
unha cantidades dignas. Son pescadores non traficantes”, afirma o nacionalista.
Consideramos
positivo avalar a situación dos stocks mellorando a información científica pero
sería desexable, engade Rodas, que paralelamente se tiveran en conta as consecuencias sociais e económicas das
familias dos mariñeiros, o modelo de distribución da riqueza que xera o recurso
e a supervivencia de miles de galeg@s que dependen directamente das actividades
relacionadas co mar.
Problemas
reais como que a pesca artesanal non pode estar sometidos a Tac´s e cotas. A
alta mortaldade que provoca a desaparición do berberecho, os peches
administrativos na miticultura, a nova
aplicación da acuicultura intensiva de peixes carnívoros nas nosas rías,... Problemas
que teñen unha escenificación humana, “nun País cunha taxa de paro supera ao
22%”.
Flota cefalopodeira ausente en Mauritania
Para o
nacionalista, é preciso modificar a actual situación de expulsión da flota
cefalopodeira de Mauritania. Levamos tres anos ausentes cunha flota moderna da
que tan só quedan 16 barcos, unha parte
sobrevive a través de convenios privados (Angola e Gambia) e os outros en
caladoiros complementarios, (Marrocos e Bissau) pero non alternativos e menos
despois das medidas adaptadas unilateralmente por Marrocos (parada 5 meses).
“Debemos
esixirlle a modificación da normativa de aletas adheridas de tabeirón que
unicamente cumpre a nosa flota e que para o único que vale é para incrementar
os custes e aumentar a desigualdade de condicións con respecto a outras flotas”.
Como se
pode aturar un ano despois de que os mariñeiros do xeito levaran a Bruxelas, a realidade da arte do xeito, que aínda non se resolvera nada,
pregunta Rodas.
As súas
decisións, denuncia o deputado, condicionan toda a nosa actividade extractiva
e márcannos unha dirección inequívoca, “o despezamento da flota”, na que
invisten centos de millóns mentres escasean os recursos para os mariñeiros que
quedan sen postos de traballo ou para os mariscador@s que non poden sobrevivir
por temporais ou mortaldades naturais.