'OS BOLECHAS NA MÁQUINA DO TEMPO' REMATA LOGO DE SETE MESES DE XIRA POR GALICIA

  • Marín, Moraña, Mos e Ponteareas son as catro derradeiras citas para gozar con este espectáculo dos Bolechas
  • ‘Contos en Rede’ continúa coa xira e levará as súas historias a Barro, Cabana de Bergantiños, Castrelo de Miño, Castro Caldelas e San Cristovo de Cea
  • 'FalaRedes 2015' é a cuarta edición do programa de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle concede á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
 O espectáculo ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a levar por toda Galicia dentro do Programa 'FalaRedes 2015' chega ao seu remate. 

Esta aventura, que comezou no mes de marzo en Ourense, acumulará á súa fin mañá domingo un total de 40 localidades visitadas dentro da Rede de Dinamización Lingüística. ‘Os Bolechas, na máquina do tempo” está programada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- en entidades pertencentes á RDL da Xunta de Galicia, coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Esta derradeira fin de semana de xira, e logo da función en Noia, a listaxe de actuacións do sábado comezou en Mos (ás 12:00 horas, no Multiúsos As Pozas) e seguiu en Moraña (ás 18:00 horas, na Casa da Cultura A.D.R Castelao). Este domingo é a quenda de Marín (ás 13:00 horas, no Multiúsos Praza de Abastos) e de Ponteareas (ás 18:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Aínda que os cativos, fieis seguidores dos Bolechas, son os destinatarios desta actividade, o espectáculo supón unha boa dose de entretemento e diversión en galego para toda a familia.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá –na compaña do fiel canciño Chispa- baten nesta ocasión cun obxecto creado por un científico do mais particular: o doutor Apolodoro. Ese aparello é a abraiante máquina do tempo, que fará que Carlos e Pili viaxen pola historia ata o futuro e se convirtan en adultos. Para regresaren á infancia seralles imprescindible a axúda do público presente.


Contos en Rede
‘Contos en Rede’ é a nova proposta de lecer do programa ‘FalaRedes’, a terceira deste ano 2015. Trátase dunha alternativa oral que pretende destacar a importancia da transmisión por medio da fala, a través das historias e dos contos na voz de Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego.

Nesta terceira fin de semana de xira, este domingo, o ‘Contos en Rede’ chegará a: Cabana de Bergantiños (19:00 horas, no Centro de Recursos Íntegro, con Santi Prego), Castrelo de Miño (19:00 horas, no Salón de actos do Concello, con Ana Carreira) e Castro Caldelas (20:00 horas, no Salón Nobre do Concello, con Inacio Vilariño).

Destinada a público de calquera  idade, a actividade ‘Contos en Rede’ percorrerá un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. Son estes uns meses que se caracterizan polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.

O calendario completo pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia.


'FalaRedes 2015'
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.


Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.