25/10/15

OS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA PARA 2016 CONTEMPLAN 2,2M € PARA A MOBILIDADE TRANSNACIONAL DOS MOZOS GALEGOS

José Manuel Rey Varela acompañou os case 100 mozos e mozas de toda España que participaron no Evento Anual de Servizo Voluntariado Europeo celebrado en Melide
  • O conselleiro de Política Social celebra a posición de liderado que ten Galicia “nas clasificacións nacionais de participación en temas de mobilidade e na aprendizaxe a través da educación non formal”
  • Subliña estes dous ámbitos -a mobilidade e a educación non formal- como “dous piares básicos da Consellería de Política Social en materia de Xuventude”
  • Compromete “todo o noso traballo diario para facer de Galicia un lugar mellor para todos e como non, para os mozos”
  • En 2014 foron aprobados na Comunidade Autónoma galega 43 proxectos do programa Erasmus+ cun orzamento total de 920.781 euros e coa participación de 1.506 mozos
  • Galicia xestiona o 9,24% do orzamento do Erasmus+ a nivel nacional
 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou no día de hoxe nun encontro con 100 mozos e mozas de toda España participantes no Evento Anual de Servizo Voluntariado Europeo (SVE). O titular da carteira social, que cualificou o encontro como unha “magnífica oportunidade”, destacou tamén a aposta da Xunta de Galicia por programas de mobilidade que vén referendada nos Orzamentos para 2016 “cun aumento de preto do 2.100% desde 2009 nas axudas a este eido” e que supón un presuposto total para o ano que vén duns 2.2 millóns de euros. Nesta partida inclúese o programa Galeuropa e outras axudas para o fomento da mobilidade transnacional dos mozos galegos.      

O encontro celebrado en Melide e que tamén contou coa asistencia da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, está organizado polo Instituto de la Juventud (INJUVE) do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad xunto aos organismos de Xuventude das Comunidades Autónomas españolas a través da Axencia Nacional Española do programa Erasmus+. O conselleiro valorou a importancia deste programa porque ademais de ofrecer aos rapaces un espazo de encontro onde intercambiar experiencias e propoñer áreas de mellora, “fomenta a mobilidade dentro e fóra da Unión, a aprendizaxe non formal, a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos independentemente do seu contexto social, educativo ou cultural”.

Nesta liña, Rey Varela apuntou cara a mobilidade e a educación non formal como “dous piares básicos da Consellería de Política Social en materia de Xuventude”. De feito, a directora xeral de Xuventude está a manter varios Encontros territoriais de información xuvenil nas principais vilas galegas cos profesionais da Rede Galega de información xuvenil e con outros responsables locais nos que a educación non formal é a principal área temática tratada nas xuntanzas.

Deste xeito e grazas ao apoio da Xunta á mobilidade e á educación non formal, o responsable de Política Social celebrou a posición de liderado que ten Galicia “nas clasificacións nacionais de participación en temas de mobilidade e na aprendizaxe a través da educación non formal”. Así fixo fincapé en que en 2014 foron aprobados na Comunidade Autónoma galega 43 proxectos do programa Erasmus+ cun orzamento total de 920.781 euros e coa participación de 1.506 mozos, e sinalou que Galicia xestiona o 9,24% do orzamento do Erasmus+.  

Ademais, no marco do programa Erasmus+: Xuventude en Acción, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado está a executar o proxecto Digal, co obxectivo de apoiar a formación da mocidade galega mediante a realización de prácticas laborais non retribuídas durante 60 días en cinco países europeos. O seu orzamento é de 277.135 € e 56 mozos realizan as súas prácticas en empresas de 5 países: Italia, Portugal, Irlanda, Francia e República Checa. 

Perante estes datos, Rey Varela afirmou que “Galicia é referente en materia de Xuventude e vaino seguir sendo” ao tempo que comprometeu “todo o noso traballo diario para facer de Galicia un lugar mellor para todos e como non, para os mozos”. “Unha Galicia máis nova”, concluíu.

Evento Anual de Servizo Voluntariado Europeo

Os arredor de 100 participantes no Evento Anual de Servizo Voluntario Europeo percorreron un treito de 2 quilómetros do Camiño de Santiago desde o campamento xuvenil de Furelos ata a vila de Melide. Unha vez alí os rapaces realizaron una actividade de rúa para dar a coñecer o programa Erasmus+. 

O Evento celebrado en Melide está coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o INJUVE e conta coa colaboración da Rede española de ex voluntarios europeos (REVE) e a Escola de Tempo Libre Don Bosco.


Durante os tres días nos que terá lugar o Evento -do 23 ao 25 de outubro- realizaranse dous tipos de sesións. Por unha banda, estarán centradas en dinámicas de avaliación baseadas na educación non formal, e por outra, ocuparanse das actividades de dinamización e visibilidade do programa Erasmus+, en especial do Servizo Voluntario Europeo.