25/10/15

XORNADA DE HOMENAXE A RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN PARA DIFUNDIR A FIGURA E A OBRA DO ESCRITOR

  • O secretario xeral de Cultura participou nos actos en recordo do dramaturgo que se realizaron ao longo do día en Vilanova de Arousa e na Pobra do Caramiñal
  • No mes en que se celebra o seu 149º aniversario, os concellos programan diversas actividades para poñer en valor e divulgar o seu legado literario
Os concellos de Vilanova de Arousa e da Pobra do Caramiñal homenaxearon o escritor Ramón María del Valle-Inclán a través de diversas actividades que se desenvolveron ao longo do día nos dous municipios pontevedreses, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. 

Pola mañá, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na lectura pública de fragmentos da obra de Valle-Inclán, nun acto público organizado polo Concello que tivo lugar na casa-museo dedicada ao escritor, coa participación de alumnos e alumnas de varios centros de ensino do municipio. 

No marco das XVII Xornadas Homenaxe a Valle-Inclán, o secretario xeral tamén interviu  na presentación do libro ‘Ramón del Valle-Inclán. Genial, antiguo y moderno, de Joaquín del Valle-Inclán. Durante o acto, que tivo lugar na Pobra do Caramiñal, no Museo Valle-Inclán, Anxo Lorenzo referiuse á obra como “un traballo que nos sorprende porque, a pesar da relación familiar tan directa entre biógrafo e biografiado, é capaz de achegar unha ollada moi completa, abordada con rigor e a honestidade cos que se achega á figura de quen, como pensaba Torrente Ballester, é o autor da mellor obra literaria do século XX”.  

“Unha contribución valiosa”
“Desde logo –dixo– Joaquín fainos este relato desde unha posición de privilexio, ofrecéndonos a todas as persoas interesadas na obra de Valle unha contribución moi valiosa que enriquece o coñecemento da figura de Valle Inclán, o autor dunha obra canónica por excelencia dentro do panorama da literatura de todos os tempos”.

‘Cuadrante’, novas achegas á vida e obra do escritor
A continuación, presentouse o número 30 de ‘Cuadrante. Revista semestral de estudos valleinclanianos e históricos’, “unha publicación na que vimos colaborando desde a Xunta de Galicia co fin de contribuír á proxección do legado literario dun renovador clave das letras españolas do século XX, dentro da literatura contemporánea e universal”, afirmou Anxo Lorenzo. “Esa é finalidade –engadiu– coa que a Asociación Valle-Inclán creou este proxecto editorial ao que nos sumamos con agrado, sabendo que cada número constitúe unha achega sólida e documentada á vida e á obra do dramaturgo”. 

Programación conmemorativa ata final de mes

No mes no que se cumpren 149 anos do nacemento de Ramón del Valle-Inclán, o vindeiro 28 de outubro, Vilanova de Arousa e A Pobra do Caramiñal réndelle homenaxe ao dramaturgo cunha completa programación que se prolongará ata final de mes e que inclúe diversas iniciativas, entre as que se inclúen conferencias, exposicións, recitais poéticos e presentacións de libros.