23/11/15

Deputación anuncia aumento en el 2016 de sus aportaciones a los ayuntamientos de O Morrazo con el nuevo "Plan Concellos"

OS CONCELLOS DO MORRAZO RECIBIRÁN NO 2016 
MÁIS DE CATROCENTOS MIL EUROS QUE AS CANTIDADES DE 2015 
CO NOVO "PLAN CONCELLOS" 

A Deputación de Pontevedra anuncia que aumenta as 
cantidades nun 13,80 por cento nos 
concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña 

Os concellos  da comarca do Morrazo recibirán no próximo ano máis de catrocentos mil euros sobre as cifras que percibiron da Deputación de Pontevedra ao longo do 2015. En concreto co novo "Plan Concellos 2016" os catro concellos da comarca  (Bueu, Cangas, Marín e Moaña) reciben un 13,80 por cento máis diñeiro que no 2015, sempre nas catro liñas contempladas dentro deste programa.

Por vez primeira a Deputación de Pontevedra deu información ós 60 concellos da provincia de Pontevedra e ós seus cidadáns, de cada un dos proxectos en marcha e, en consecuencia, da posta en funcionamento do Plan Concellos 2016, o novo plan que incrementa en 16 millóns de euros os fondos que recibirán todos os municipios da provincia de Pontevedra con respecto o pasado ano.

Co obxectivo de transmitir esa información, desde a Deputación provincial enviouse a todos os concellos información dos criterios de reparto do Plan Concellos 2016 coa finalidade de que analizasen as cifras e indicasen, de ser así o caso, alternativas ou modificacións ó mesmo. Ningún concello, nin sequera os gobernados polo Partido Popular e que agora cuestionan o Plan, enviaron modificacións ou queixas relativas os criterios antes da súa aprobación, explican desde o organismo provincial. 

Novamente e unha vez aprobado, desde a institución provincial informouse a todos os concellos do investimento que recibirán, en concorrencia, a través do Plan Concellos 2016 sendo, nos 62 municipios da provincia de Pontevedra, superior ó do ano 2015. Todos os concellos da provincia, independentemente da cor política que teñan, recibirán maiores recursos económicos. Así, o Plan Concellos supón para os municipios da provincia un investimento de 16 millóns de € máis que no ano 2015, xa que a maiores de incrementar en 10 millóns de € os fondos de concorrencia, incorpora os 6 millóns de € de libre disposición que o anterior presidente tiña como instrumento para un reparto arbitrario, clientelar e caciquil no que os municipios non gobernados polo PP non recibían nin un euro mentras que o diñeiro chegaba unicamente ós "amigos", ós concellos gobernados polo Partido Popular, reiteran desde o Goberno da Deputación.  

"Recordamos casos vergoñentos como Agolada, con 2.651 habitantes, que recibía de libre disposición 648.753 €, o dobre do que lle correspondía por concorrencia; Meis con 5.033 habitantes, que recibía 380.000  € por concorrencia e un 103% a maiores, é dicir 389.982 €, de libre disposición; Ribadumia, cunha poboación de 5.103, que recibía de concorrencia 373.838 € e de libre disposición un 60% máis de fondos, é dicir, 224.657 €; ou Vilagarcía de Arousa, con 37.712 habitantes, que recibía por concorrencia competitiva 1.169.397 € e un 36% a maiores de libre disposición, é dicir, 416.657 €. No ano 2015 ningún concello da provincia de Pontevedra que non gobernara o PP recibiu un so euro do diñeiro de libre disposición que o ex presidente Louzán tiña para os seus amigos. Con esta nova Deputación, cómpre destacar que se eliminan os fondos de libre disposición para incorporalos aos que se dan por concorrencia, coa finalidade de beneficiar a todos os concellos da provincia de Pontevedra, independentemente do partido político que os goberne", referiron desde o organismo provincial.

A maiores do Plan Concellos, deses 16 millóns de € máis con respecto ó 2015 que a Deputación de Pontevedra repartirá de forma equitativa entre os 60 concellos da provincia, todos os municipios tamén se verán beneficiados de novos plans que, como xa coñecen os alcaldes e todos os grupos políticos provinciais, incrementarán os investimentos da institución provincial nos concellos. Así, os municipios recibirán fondos a través do Plan de Infraestruturas, do Plan de Turismo así como de máis liñas de subvencións por concorrencia destinadas a clubes deportivos federados, deportistas de élite, federacións, asociación culturais, asociacións de medioambente, entidades sociais, etc.  Todas esas inversións NON forman parte do Plan Concellos e os alcaldes coñecen esta información de maneira directa desde a Deputación. E, aínda máis, tamén por vez primeira haberá novas axudas mediante a asistencia técnica a todos os concellos da provincia a través da posta en marcha dun departamento propio na Deputación de Pontevedra que existe en todas as deputacións españolas e, ata o momento, non se creara na nosa provincia, explicaron con detalle en nota de prensa portavoces da Nova Deputación. "En resumo, a maiores dos investimentos que os concellos percibirán no 2016 correspondentes ó Plan Concellos moi superiores os do ano pasado, os municipios tamén incrementarán notablemente as cantidades que ingresarán por parte da Deputación a través dos novos plans e liñas de subvencións, así como do servizo de asistencia técnica municipal, que a institución porá en marcha durante o 2016, unha información que foi comunicada a todos os alcaldes dende o primeiro momento".