15/11/15

La Sanidad pública recibe en Vigo uno de los aceleradores lineales más avanzados del Mundo para tratar el cáncer

O CHUVI RECIBE UN DOS ACELERADORES LINEAIS PARA TRATAMENTO DO CANCRO MÁIS AVANZADOS QUE EXISTEN ACTUALMENTE NO MUNDO
  • A combinación das súas principais calidades, rapidez e precisión permite acurtar o número de sesións de tratamento, en determinadas indicacions, e ao mesmo tempo aumentar as doses dirixidas ao tumor, e por tanto a súa efectividade, preservando ao máximo os órganos e zonas sas que os circundan
  • A duración dos tratamentos poden chegar a diminuír nun 70% o seu tempo, pasando de sesións de 20 minutos a tan só 3 minutos
  • A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do CHUVI atende máis de dous mil pacientes novos ao ano, e realiza unha media de 200 tratamentos diarios; sendo referencia a nivel nacional no tratamento de tumores cerebrais en nenos

Procedente de Palo Alto, California, chegou onte ao Hospital do Meixoeiro un novo acelerador lineal para o tratamento de tumores que está catalogado como un dos equipos tecnoloxicamente máis avanzados do mundo. Trátase dun acelerador Varian, modelo TrueBeam que quedará instalado no búnker que se habilitou para ese efecto na Unidade de Oncoloxía Radioterápica deste centro, e forma parte do compromiso asumido pola Fundación Amancio Ortega, que financia a renovación da tecnoloxía de diagnóstico e tratamento oncolóxico do Servizo Galego de Saúde. 

Este é o segundo equipo que se incorpora, despois do que acaba de instalarse en Lugo. Nos próximos días realizarase a montaxe do equipo para, seguidamente, iniciar o proceso de adaptación, calibrado e axuste que permita iniciar os tratamentos nas vindeiras semanas. 

A súa extraordinaria rapidez e precisión na administración das doses de radiación, xunto cos seus mecanismos de seguridade, así como os avanzados sistemas de imaxe e compoñentes robotizados de que vai dotado, convérteno en todo un referente das tecnoloxías contra o cancro. Ao tratarse dun equipo de banda innovadora, vanse poder realizar todas as técnicas coñecidas ata agora para un acelerador lineal, e ademais vén preparado para incorporar procedementos de futuro que hoxe aínda están en fase de desenvolvemento.

O Sergas considera que  no futuro este tipo de procedementos especiais, para certos tipos de patoloxías, se iran facendo cada vez mais, e por iso planificou a incorporación destes equipos nos hospitais de nivel III, que actúan como referencia para as distintas  áreas  sanitarias. Así, esta prevista a incorporación de máis equipos destas características no Sergas. 

Sesións de so 3 minutos
A combinación das súas principais calidades, rapidez e precisión, vai permitir acurtar notablemente o número de sesións de tratamento, e ao mesmo tempo aumentar as doses dirixidas ao tumor, e polo tanto, a súa efectividade, preservando ao máximo os órganos e zonas sas que os circundan. En determinadas patoloxías os tratamentos vanse beneficiar dunha redución notable na súa duración, que pode ser ata dun 70% do seu tempo, pasando de sesións de 20 minutos a tan só 3 minutos, ou de tratamentos de 38 sesións a só seis nun cancro de próstata, por poñer un exemplo significativo. A redución do tempo das sesións tamén é un factor de seguridade, ao descender na mesma proporción as posibilidades de que o paciente se mova durante o tratamento.

Os novos aceleradores que incorpora o Sergas van dotados dunha tecnoloxía denominada rapidARC pola cal o acelerador pode emitir radiación mentres o seu cabezal xira ao redor do paciente, adaptando en cada momento o feixe e a dose á posición do tumor; unha característica que contribúe, aínda máis se cabe á efectividade, precisión, seguridade e rapidez dos tratamentos.

O acelerador leva incorporado un sistema de micromultiláminas, con láminas moi finas, de entre 2,5 mm e 5 mm, que lle facilitan o tratamento de tumores de todo tipo de formas e tamaños, ao adecuar con suma precisión o feixe de radiación ao perímetro e morfoloxía do tumor. Con esta ferramenta pódese realizar radiocirurxía, unha técnica que consiste en aplicar altas doses de radioterapia para eliminar tumores pequenos con absoluta precisión. 

O Hospital do Meixoeiro vén realizando desde hai anos radiocirurxía para tratar tumores cerebrais, e co novo acelerador prevese aplicar esa técnica tamén a tumores situados no resto do corpo (SBRT).

Tratamentos máis individualizados e seguros
O sistema de imaxe con que conta o novo acelerador lineal permite ver en todo momento onde se atopa o tumor mentres o paciente recibe o tratamento e consecuentemente adaptar o envío de radiación a calquera movemento corporal. É o que se coñece como radioterapia guiada por imaxe ou IGRT. 

Os aceleradores de banda innovadora como o de Vigo, denominados TrueBeam, incorpora ademais unha mesa robotizada que facilita a colocación do paciente en calquera posición de maneira automática, e conta cun sistema de infravermellos que alerta de calquera movemento imprevisto do paciente chegando mesmo a interromper o tratamento de maneira automática.

Neste equipo a perfección dos tratamentos garántese mediante un sistema de imaxe que facilita a revisión a radiación que se está a aplicar e compara as doses calculadas  coas que está a recibir realmente. En definitiva permite valorar os tratamentos e adaptalos mentres estes se están realizando.

Todas estas características van redundar nunha maior capacidade para afrontar a demanda, ao poder resolvela dun xeito máis rápido, e vaise a poder avanzar na aplicación dunha radioterapia cada vez máis individualizada e por tanto máis eficaz.

Referencia nacional para tratar tumores cerebrais en nenos 
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do CHUVI recibe máis de dous mil pacientes novos cada ano, e leva cabo unha media de 200 tratamentos cada día, que supoñen ao redor de 40.000 sesións anuais de radioterapia. Dende a súa entrada en funcionamento hai 18 anos dispón dun amplo equipo de profesionais capacitado para desenvolver as últimas técnicas da especialidade, como a aplicación de radioterapia de intensidade modulada (IMRT) en gran parte dos tratamentos.

A Unidade dispón dun sistema de radiocirurxía estereotáxica co que se realizan ao redor dun centenar de tratamentos cada ano e dun radioquirófano para técnicas de braquiterapia de alta e baixa taxa, no que se tratan máis de 200 pacientes cada ano. Compre lembrar tamén que esta unidade e referencia a nivel nacional no tratamento de tumores cerebrais en nenos, ao dispor de dispositivos especiais de inmovilización deseñados na propia unidade.