1/11/15

O ALONDRAS REENCÓNTRASE COA VITORIA A COSTA DO NEGREIRA

Texto e fotos de SHEILA LORENZO

Unha gran actuación de Pajarillo evita unha posible goleada

Na undécima xornada da terceira división enfrontábanse dous conxuntos con necesidade de puntos e de vitorias, pois o Alondras precisaba romper a xeira de tres empates consecutivos e seguir enganchado ao tren da cabeza, mentres que o Negreira precisaba volver á senda da vitoria despois de cinco encontros sen gañar e polo tanto poder afastarse dos postos de perigo.
Malia as necesidades de ambos conxuntos, foron os locais os que saltaron ao céspede con mais empurre e xa nos primeiros minutos chegaron as primeiras ocasións do partido pois puido inaugurar o marcador Benja, tras recibir un balón entre liñas de Álex Gómez, pero parou o que se convertería no mellor xogador do Negreira, o porteiro Pajarillo. Tivo unha dobre ocasión Mauro que tira dende o pico da área, rexeita Pajarillo, volve a intentalo Mauro, pero o porteiro desvía a córner. Gozou de mais oportunidades o conxunto de Jacobo Montes como no minuto 35 no que un balón rexeitado atrás polo porteiro do Negreira aproveitouno Leiro, dende dentro do área, para rematar a porta e tívose que estirar Pajarillo para tocar lixeiramente o esférico que petou no traveseiro. O Alondras estaba a dominar o encontro e dispoñendo de claras ocasións, pero ben Pajarillo ou ben a falta de atino dos locais impedíanlle inaugurar o marcador. Pola súa parte os homes de José Manuel Pose a penas chegaban timidamente ao área, sen perigo e tan só ao borde do tempo de lecer achegáronse a porta de Martín, pero resolveu sen complicacións a zaga alondrista.
No segundo tempo o encontro seguiu coa mesma tónica que no anterior. Un Alondras combinativo que poñía en apuros a un Negreira con poucos recursos, pero faltaban os goles. Houbo que agradar ata o minuto 52 para estrear o marcador. Saque de falta de Leiro que combina con Mauro, colga o balón na área e de cabeza remata o central Fiuza, conseguindo batir por primeira vez a Pajarillo. Tan só tres minutos despois un perfecto pase atrás de Casti puido aumentar as diferenzas, pero o remate de Leiro marchou alto. Coa vantaxe no marcador o Alondras acomodouse no encontro e propiciou que o Negreira tivera algo mais o balón e polo tanto algunha ocasión. No 57 probou sorte Amoedo de cara a porta, pero o remate marchoulle desviado. Pouco despois Rodri tirou a porta, un disparo raso que detivo Martín sen apuros. Quizá cando mellor estaba o Negreira no encontro chegou Pablo Berros cunha acción individual, plantouse na frontal e cun tiro baixo e potente superou a defensa e ao porteiro do Negreira poñendo o dous a cero. A partir de aí o Alondras aínda puido aumentar as diferenzas no marcador de ter un pouco mais de tino nas ocasións acumuladas, como un cabezazo de Mauro dende a dereita que se lle vai rozando o segundo pau, ou unha internada de Diz pola banda dereita, na que se marchou de tódolos seus opoñentes, pero erra na execución e o balón pega no lateral da rede da porta de Pajarillo.  Tivo unha moi clara o Negreira gracias a un erro de Martín que lle puido saír caro aos de Cangas, pois un mal despexe cos pés, do porteiro, fóra do área permitiulle a Cata tirar a porta baleira, pero marchoulle alta e non se moveu o marcador.
Con esta vitoria o Alondras ascende un posto e queda sétimo con 18 puntos e a vindeira xornada medirase co recen ascendido Galicia Mugardos. Pola súa banda o Negreira con 11 puntos é décimoquinto e na seguinte xornada recibe ao Noia.
FICHA TÉCNICA:
ALONDRAS CF: Martín, Castilla, Pitu, Fiuza, Rubén Comesaña, Berros, Joni (Firi, min 83), Leiro, Benja (Champi, min 66), Álex Gómez (Diz, min 70) e Mauro.
SD NEGREIRA: Pajarillo, Quintairos, Ander (Manu, min 74), Amoedo, Angelo, Cata, Lazcano, Rodri (Caamaño, min 87), Rendo, Cristian (Iván, min 51) e Juan Diego. 
GOLES: 1-0: Fiuza, min 52; 2-0: Berros, min 68.
ÁRBITRO: Cives Enjo, auxiliado por Ordóñez Rodríguez e González Rey, do Colexio de A Coruña. Amonestou con cartulina amarela a Leiro e Álex Gómez polo Alondras e a Amoedo, Angelo e Rendo por parte do Negreira.
CAMPO: Campo de O Morrazo ante uns 700 espectadores.