19/1/16

El sector turístico tambièn necesita de la estabilidad política, subraya Feijóo en Madrid

O titular da Xunta asistiu ao coloquio Claves para potenciar el turismo y reforzar la cooperación turística interinstitucional y público-privada en esta legislatura no marco do VIII Foro Exceltur en Madrid

FEIJÓO SUBLIÑA A IMPORTANCIA DE XERAR UN CLIMA DE ESTABILIDADE POLÍTICA PARA QUE O SECTOR TURÍSTICO POIDA SEGUIR EXERCENDO DE MOTOR DA RECUPERACIÓN ECONÓMICA DO PAÍS
  • Afirma que é preciso seguir traballando conxuntamente a prol do turismo, buscando que a iniciativa pública e a privada se movan na mesma dirección, e ve preciso que exista tamén unha confluencia de intereses entre a Administración e os axentes do sector, tal e como sucede en Galicia
  • Pon en valor o Plan Integral de Turismo, co que a Xunta colabora con todos os concellos e deputacións e que está comprometido co desenvolvemento de novos produtos turísticos, ademais de manter a calidade como marca da casa e de contar coa innovación e as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías 
  • Di que 2015 foi un ano de máximos históricos en canto ás cifras en Galicia, xa que nos once primeiros meses de 2015 o número de viaxeiros aloxados subiu máis que en ningunha outra Comunidade, a cifra de pernoitas foi a máis alta dos últimos cinco anos e o turismo internacional conseguiu un nivel récord en aumento de viaxeiros
  • Lembra os grandes fitos turísticos que terán lugar en Galicia en 2016, como a celebración do Xubileo Extraordinario da Misericordia, a posta en valor dos Camiños do Norte, a posta en servizo do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, a rehabilitación do Monte do Gozo e as cinco etapas da Volta Ciclista que transcorrerán integramente pola Comunidade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a importancia de xerar un clima de estabilidade política para que o sector turístico poida seguir exercendo de motor da recuperación económica do país. Segundo engadiu, trátase de traballar conxuntamente para manter e mesmo mellorar os bos datos do turismo, buscando que a iniciativa pública e a privada se movan na mesma dirección. Ademais, ve preciso que exista tamén unha confluencia de intereses entre a Administración e os axentes do sector para que o turismo salga fortalecido como industria e o país consiga un maior atractivo e unha mellor oferta como destino.

Así o destacaba o titular do Goberno galego esta tarde no coloquio Claves para potenciar el turismo y reforzar la cooperación turística interinstitucional y público-privada en esta legislatura, no marco do VIII Foro Exceltur en Madrid. Alí, Feijóo subliñou tamén que en Galicia hai tempo que se vén traballando coa dita fórmula a través do Clúster de Turismo da Comunidade e do Consello de Turismo, que achegan á Administración as principais demandas do sector de maneira que a planificación e a xestión do turismo sexa o máis acertada posible e pegada ás necesidades do mercado.

Do mesmo xeito, o máximo responsable autonómico puxo en valor as políticas de turismo da Xunta, que traballou ao longo dos últimos anos neste eido, buscando a máxima implicación de todos os departamentos do Goberno autonómico e dos axentes do sector. Desta forma, a semana pasada deuse o primeiro paso para aprobar o proxecto de decreto que regula as vivendas de uso turístico e os apartamentos e vivendas turísticas. 

O Plan Integral de Turismo de Galicia
Así mesmo, destacou que, coas achegas de todo o sector, hoxe Galicia dispón de ferramentas de xestión como o Plan Integral de Turismo, co que a Xunta colabora con todos os concellos e deputacións para poñer en valor cada recurso turístico da Comunidade. Trátase dun plan implicado no desenvolvemento de novos produtos turísticos relacionados coa enogastronomía, o termalismo, o turismo ornitolóxico, os trens turísticos ou o programa ‘Outono gastronómico’. Procura, ademais, a calidade como marca da casa e compromete ás administración coa innovación e as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de ofrecer un mellor servizo para o turismo, tal e como sucede co programa ‘Smart Turismo’ ou o ‘Smart Camino’. 

Por outra banda, Feijóo aproveitou para subliñar a importancia que o Camiño de Santiago ten no turismo galego, aparte das demais festas e municipios de interese turístico que dan fama á Comunidade.

2015, un ano de máximos históricos 
O presidente da Xunta lembrou que os datos de Impactur correspondentes a 2014 en Galicia indican que o turismo representa o 11,1% do PIB da Comunidade e que xera o 12% do seu emprego. 

Ademais, no que atinxe ás cifras acadas en Galicia como destino turístico, alcanzáronse máximos históricos, xa que nos once primeiros meses de 2015 o número de viaxeiros aloxados subiu máis que en ningunha outra Comunidade (un 12,1%) ata acadar preto de 4,4 millóns; a cifra de pernoitas foi a máis alta dos últimos cinco anos con case 8,8 millóns rexistradas e o turismo internacional conseguiu un nivel récord, cun aumento de viaxeiros do 18%. 

Así mesmo, Feijóo subliñou que, no relativo ao Camiño, recolleron a ‘compostela’ 262.515 peregrinos, un 10% máis que en 2014.

As grandes citas turísticas en Galicia neste ano
O presidente da Xunta lembrou as grandes citas turísticas que terán lugar na Comunidade galega en 2016, destacando en primeiro lugar a celebración do Xubileo Extraordinario da Misericordia, e sinalando que este é o ano dos Camiños do Norte, recentemente declarados Patrimonio da Humanidade, e no que entrará en servizo o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino e a rehabilitación da porta a Compostela, que é o Monte do Gozo.

Do mesmo xeito, será un ano no que a Volta Ciclista a España partirá dun balneario en Ourense e transcorrerá integramente por Galicia en cinco das súas etapas.

Neste senso, o máximo responsable autonómico subliñou a importancia de seguir amosando o poderosa que é Galicia e de seguir na mesma liña de cooperación e de compromiso coa calidade para consolidar unha industria que é estratéxica para a economía galega e que debe seguir sendo un dos motores da recuperación.