25/1/16

El servicio de teleasistencia de Deputación atendió en el 2015 más de 4.300 alarmas


O servizo, que vén de facer balance da actividade do pasado ano, atendeu as necesidades de máis de 400 usuarios e usuarias de pequenos concellos

O servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra atendeu durante o ano 2015 máis de 400 persoas, que xeraron un total de 4.300 chamadas de alarma. O servizo, cofinanciado pola institución provincial xunto cos pequenos concellos,  proporciónalles unha resposta inmediata aos usuarios e usuarias durante as 24 horas do día, mediante un sistema de comunicación de mans libres.

O servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra, un programa cofinanciado pola institución provincial en colaboración cos 47 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos, prestou servizo durante o ano pasado a 402 persoas maiores ou con algún grao de discapacidade, que viven soas pero gozan da suficiente autonomía para permanecer nos seus fogares.

O servizo de teleasistencia garante unha atención efectiva durante todos os días do ano e a calquera hora do día. No momento que o usuario o desexe ou precise pode establecer comunicación cun teleoperador, a través dun pulsador colgante que levan incorporado. Así, durante o 2015 atendéronse un total de 4.391 alarmas, das cales 225 foron debidas a emerxencias sanitarias ou sociais.

Ademais, para paliar os sentimentos de soidade e illamento das persoas, o servizo efectuou no mesmo período 276 visitas de seguimento, que se sumaron ás visitas que se realizan habitualmente para a resolución de diversas incidencias.  Asemade, organizáronse 7 xornadas de convivencia, co obxecto de proporcionarlles aos usuarios e usuarias un tempo de lecer e un espazo de intercambio de experiencias e  inquedanzas.  

A teleasistencia é prestada por un teleoperador especificamente preparado para atender as necesidades dos usuarios e usuarias dunha forma cálida e humana, ao  mesmo tempo que rápida e profesional. O servizo inclúe apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, e accidentes domésticos; mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social; xestión de axendas para lembrar datos importantes sobre a toma de medicación e a realización de xestións; e seguimentos permanentes dende o Centro de Atención, mediante chamadas telefónicas periódicas. Ademais, tamén se efectúan chamadas de felicitación por aniversarios, santos e outras datas sinaladas.


O servizo de teleasistencia permite a permanencia dos usuarios e usuarias no seu medio habitual e o contacto permanente co seu entorno socio familiar, evitando o illamento social e a soidade. Deste xeito,  evítanse institucionalizacións innecesarias ao tempo que se asegura unha intervención inmediata ante posibles situacións de crise persoais, sociais ou médicas.